fbpx
CompostelaNovas

Arranca o Outono Códax Festival 2019 coa incorporación de Gisele Jackson ao cartel

Esta noite o Flamingo acollerá o primeiro dos concertos do Outono Códax 2019. Será o dos galegos Helen&Shanna, desde as 20:30 horas con entrada libre ata completar o aforo.

A organización do festival de música negra xa ten sustituta para Nikki Lane, que decidiu suspender toda a súa xira europea. Así, a cabeza de cartel o 1 de decembro – data de remate desta edición – será a dama do soul e do blues, Gisele Jackson. A norteamericana cantará na Sala Capitol acompañada por The Shu Shu´s.

Jackson iniciou a súa andaina musical sendo aínda unha estudante universitaria e, antes de facer de Brooklyn o seu fogar, xa virara como “Raelette” con Ray Charles no apoxeo da súa carreira. A partir de entón acompañou a outras grandes lendas como a inigualable Donna Summer ou o seu “padriño” James Brown. Ao longo da súa dilatada traxectoria na industria musical, a norteamericana virou por case unha vintena de países, actuou nos principais clubs de jazz estadounidenses e teloneou a artistas como The Commodores, B-52, Tito Puente ou Bette Midler.

Un concerto máis

Ademais do show de Gisele Jackson, o festival contará cun novo concerto que se anunciará en próximas datas. Así o explicou a organización nas súas redes sociais: “Queremos darvos as grazas, queremos devolvervos dalgún xeito a vosa incrible confianza no Outono Códax. Porque seguistes apoiando o festi e mercando abonos aínda logo da cancelación de Nikki Lane, aínda sen saber nova cabeza de cartel, así que… Este Outono Códax terá un concerto máis! Un concerto que estará incluído nos vosos abonos, sen custe adicional (ben que o merecedes!)”.

Cartel inédito en Galicia

Un ano máis baixo o patrocinio de Martín Códax e coa colaboración de Pousadas de Compostela, o festival impulsado por Raíña Productions e A Reixa achegará a Galicia o mellor do xénero con cinco citas en Santiago de Compostela (15 e 19 de outubro; 9 e 29 de novembro, e 1 de decembro), nas que volve xuntar os sons máis selectos do rhythm&blues, o soul e o rock´n roll clásico a través dunha coidada programación na que, fiel á súa filosofía, inclúe a participación de artistas e bandas de referencia internacional, destacados nomes da escena estatal e algunhas das formacións galegas máis relevantes ou emerxentes do panorama actual.

De feito, e exceptuando ás bandas galegas, nesta edición 2019 –que terá como é habitual sede principal na Sala Capitol, á que se suman tamén o Riquela Club e este ano o Flamingo–, o cartel será integramente inédito en Galicia, reafirmando unha vez máis o compromiso do Outono Códax por facilitar o acceso dos fans do xénero aos directos de artistas de renome que dificilmente chegan aos escenarios galegos e que, como é o caso, ata o de agora non actuaron na nosa comunidade.

Consulta aquí o programa completo.