Aquí si que comerás cos peques da casa

Por Rebeca Munín

Detalles como manteis para pintar gustan moito á rapazada. Foto: Iván Barreiro

Detalles como manteis para pintar gustan moito á rapazada. Foto: Iván Barreiro

Fai catro anos:

– Imos comer fóra?

– Por que non! Onde?

– Onde queiras! Dáme igual.

Na actualidade:

– Imos comer fóra?

– Por que non! Onde?

– Non sei! Somos nolos dous, máis os nenos… Conta que levamos un carriño e a bolsa coas mudas. E se veñen eles (amig@s con fill@s) suma polo menos outras dúas tronas máis… E sería bo un sitio con xogos para os peques…

 

 

Sóache esta situación? Entón agradecerás moito que en Pincha pensaramos en facer esta ‘investigación’! Se tes fill@s recoñececerás que saír a comer ou cear a un restaurante pola zona de Compostela non é nada doado. E se xuntas a varias familias, a cousa se complica todavía máis.

Pero non todo está perdido! Existen locais onde os pais e nais poden xantar con tranquilidade e con menús ricos e saudables, ao mesmo tempo que os máis peques da casa se divirten. Onde? Imos darche varias opcións.

Zona de xogos na Parrillada Milongas. Foto: Iván Barreiro

Parrillada Milongas

A primeira parada facémola en Aldea Nova, en Bertamiráns. Alí  atopamos a parrillada galaico arxentina Milongas. Un local amplo, coa súa propia zona de aparcamento, espazo para xogos e con varias pantallas de televisión dende as que observar o que están facendo os nenos namentres comemos. “A idea xurdiu porque eu teño tres fillos e cando entraba nun local con eles moitos poñían mala cara. Aínda que os nenos se portasen ben, era como se estiveras molestando”, explica o seu xerente, José Ribas. “Pasábao fatal e sempre rematabamos ou no McDonald’s ou en Muerde la Pasta (no Centro Comercial As Cancelas), pero alí non te servían. E estaba todo o rato levantándome a por máis patacas, a por kétchup…”.

A historia do Milongas comeza cando este neto de emigrantes galegos en Montevideo (Uruguay) vén traballar a España e, tras uns anos máis enfocado no marketing e na formación de equipos, decide montar no Milladoiro o seu propio local de hostalaría. Un negocio no que se implica o seu irmán Mariano e o resto da súa familia. Pouco despois comezaron a rexentar o Mesón 42, na rúa do Franco. Logo chegaría a cervexería do Preguntoiro e finalmente o restaurante de Aldea Nova, no que buscaban ofrecer un espazo axeitado para familias no que comer ben sen baleirar demasiado o peto. “O maior reclamo é que traballamos con produto fresco galego e temos un prezo pechado con diferentes menús que inclúen sobremesa, pero non a bebida que vai aparte”, sinala José. Así, na súa carta atopamos hamburguesas, peixes á prancha… Un exemplo: o Menú Campera no que podes tomar todo o churrasco, con criollos e ensalada, que queiras por 11,90€.

O modelo funcionou moi ben desde o principio, enchéndose sobre todo nas fins de semana. Por iso decidiron establecer un sistema de turnos: uns comen ás 13:30 horas e outros ás 15:30. Cando chamas para reservar, tes que decantarte por un dos dous. Unha idea que exportou José de Madrid e que ao principio chocaba entre os clientes. Porque que pasa se vas a primeira hora e non te dá tempo a rematar? “Sempre servimos moi rápido polo que podes facer unha boa sobremesa. Ademais, ás 15:30 non tes por que marchar. Temos unha zona de mesas altas na que tomar café ou repousar mentras os nenos continúan xogando”, sinala o hostaleiro.

E tan ben está funcionando a súa idea que xa o estableceron no seu local do Milladoiro e nun restaurante que abriron hai ano e medio en Vilagarcía. Próximamente o Milongas do Preguntoiro seguirá este mesmo concepto, contando coa súa propia zona de xogos, e para o 2020 xa preparan o seu desembarco en Vigo. O segredo? “Facer que o cliente estea como na casa”.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Pulpería Rial

Ese mesmo sentimento, o de sentirse na casa, é o que buscan na Pulpería Rial, en Padrón. Foron José Manuel Rial e Lydia Angueira os que abriron o negocio no 1983. E xa van aló 36 anos. “É moito tempo e moitas horas traballadas pero para min, moi gratificantes”, asegura a muller.

Os comezos non foron fáciles pero pronto o matrimonio soubo gañarse o cariño de moita xente. Entre outros, de padroneses ben coñecidos como o Premio Nobel Camilo José Cela ou o xornalista radiofónico Pepe Domingo Castaño.

Na súa carta o pulpo é o rei, a pesares do moito que foi elevándose o seu prezo nos últimos anos. “É un luxo pero se queres tes un pouco de calidade, tes que pagalo”, afirma a súa filla, Begoña. “Pero paga a pena porque está boísimo, non?”, pregunto. “Por suposto!”, contestan cun sorriso. Se o preferimos, tamén podemos decantarnos por luras, raxo, pementos de Padrón e xoubas de Rianxo (cando están en época), etc. E recentemente crearon dúas tostas ben ricas: unha de polbo con queixo con pimentón verde dos pementos de Herbón e outra con marmelada de pemento de Herbón.

Mais como ‘resistir’ tantos anos? “O segredo é tratar ben o produto e o máis natural posible. O pulpoten que saber a pulpo; o peixe, a peixe; e a carne, a carne. E tamén hai que tratar o mellor posible aos clientes”, opina Lydia. Ao que a súa filla engade: “O noso forte é a honestidade e o noso valor é a xente que temos traballando connosco, o que fai que moitos repitan. Ao final hai clientes que non son só iso, son amigos”.

Pero imos ao que máis nos importa nesta reportaxe. E os nenos e nenas, que? Pois para eles teñen unha zona de xogos, que pensan renovar de cara a este inverno, e desde o ano pasado organizan unha actividade moi interesante que denominan Venres en Familia. Os proxenitores cean nun comedor e os pequechos, de entre 3 e 12 anos de idade, fanno no seu propio espazo acompañados de monitores. “Non toman hamburguesas, senón comida da nosa. Sempre metemos froita, algo que sexa san. Porque os nenos comen de todo! Somos os adultos os que os acostumamos a comer mal”, apunta Begoña.

A experiencia dura de 21:00 a 23:30 horas, tempo no que se realizan dúas actividades: unha de manualidades e outra relacionada coa ciencia. Foi Begoña –nai de mellizos de catro anos- a que tivo a idea de organizar algo diferente para as familias. “Hai restaurantes con zonas de xogos, pero faltábame algo que fora instrutivo, que ensinara cousas. Os nenos aprenden e lles gusta moito”, comenta. “É un día nos que os pais e nais poden desconectar e descansar pero sen quedar na casa. Senón saír e que os pequechos fagan algo distinto e amplíen as súas amizades”, explica.

Por agora, os Venres en Familia organízanse unha vez ao mes pero están estudando amplialo xa que está tendo moito éxito e todo aquel que o proba, repite.

Patio exterior do restaurante O Afiador. Foto: Iván Barreiro

Para todos os gustos

Outros que se subiron recentemente ao carro da hostalaría familiar é a empresa Pousadas de Compostela, creadores do chamado ‘Pousadas Family’. Así, nas fins de semana e festivos os seus restaurantes de Porta Faxeira, en Santiago; Aldea de Sestelo, en Teo; e Pazo de Lestrove, en Dodro-Padrón, ofrecen un menú especial para adultos por 15€ (sobremesas e bebidas non incluídas) e un menú infantil por 7,50€ (bebidas non incluídas) con acceso á área de xogos para nenos e nenas desde 2 anos.

Tamén en pleno centro de Santiago, na Rúa de San Pedro, recomendámosvos outra opción para visitar cando o bo tempo acompaña. É o caso do restaurante O Afiador, que conta cunha terraza con xardín e zona de xogos destinada a nenos e nenas. “Queriamos que as nais e os pais puideran comer tranquilamente, tendo aos fillos nun lugar seguro”, explica a súa xerente, Nuria Quintela.

Cunhas vistas ao Parque de Belvís que namoran, a súa é unha cociña de tempada, con bo produto galego e elaboracións caseiras. Dispoñen ademais dunha moi ampla variedade de viños de moitos países diferentes.

No Ensanche podemos decantarnos polo restaurante Cambalache, na Avenida de Vilagarcía, que ten un espazo con xoguetes, libros, pinturas… Especializados en cociña italiana, destacan na súa carta as súas saborosas pizzas.

E no barrio das Cancelas, na Rúa Vintecinco de Xullo, podedes elexir A Grella, un local especializado en carne á grella con área infantil exterior con tobogáns, balancíns, randeeiras…

Temos, por tanto, en Compostela e arredores opcións para todos os gustos para comer fóra cos peques da casa. Iso si, de cando en vez tamén poden quedar cos avós, que tampouco pasa nada! 😉