Aproxímase o Outono… O Outono Códax Festival!

O Outono Códax chegará a Santiago o vindeiro 19 de outubro. A oitava edición do festival galego de música negra sorprenderá este ano con cinco actuacións inéditas ata o momento en Galicia.

O evento conta de novo co patrocinio de Bodegas Martín Códax e coa colaboración de Pousadas de Compostela, así como a de case un cento de establecementos hostaleiros e comerciais composteláns, unha implicación moi valorada polos organizadores, que destacaron o “compromiso” dos picheleiros por facer da nosa cidade a protagonista, traballando cun “sentimento cooperativista” e con “moita paixón por este estilo de música”.

Sen dúbida os organizadores non baixan o nivel do cartel, senón todo o contrario, de feito na rolda de prensa de presentación do festival houbo bromas con onde está o teito deste evento, pero eles (Fran Villasenín, Martín Calviño, María Garrido – de Bodegas Martín Códax- e Javier Freire) téñeno claro, xa están pensando no décimo!

Os concertos

Os concertos terán lugar os vindeiros 19 de outubro con The Tibbs e The Rad Trads, na Sala Capitol.

O 9 de novembro, con Luke Winslow King, quen repite grazas á petición popular (que por pedir non sexa, que de feito contaron que os composteláns fan peticións mesmo ‘estratosféricas’!), este concerto será acústico, gratuíto e aberto ata completar aforo na Sala Riquela.

O 10 de novembro estarán Marta Ren & The Groovelvets e Maren Ladson, na Sala Capitol.

24 de novembro Natty Congeroo & The Flames of Rhytm e J.P. Bimeni & The Black Belts, na Sala Capitol.

E o 27 de decembro, con un peche especial protagonizado por un concerto homenaxe á raíña do soul, Aretha Franklin, (recentemente falecida) da man de catro das mellores vocalistas femininas da escena soul estatal, Mayka Edjole (The Sweet Vandals), Shirley Davis (Shirley Davis&The Silverbacks), Juno (Juno&Darrell) e Astrid Jones (Astrid Jones&The Blue Flaps), na Sala Capitol.

Todas as citas son catalogadas dende a organización como “ineludibles”! Pero ademais, haberá outras actividades paralelas, coma todos os anos, como as “sesións out”, por exemplo a de The Manueles, que será o mesmo venres 19 de outubro, día do pistoletazo de saída do festival, e que se desenvolverá no patio do restaurante Porta Faxeira (unha sesión gratuíta e de libre acceso). Tamén haberá unha exposición chamada “Trash”, do debuxante e deseñador gráfico Roberto Argüelles, “un conxunto de pezas que evocan aos debuxos de HannaBarbera, aos cómics clásicos de Marvel, ás pin-ups e as bailarinas de burlesque, ao rock and roll e o punk”. Poderedes visitala en A Reixa-Matrioska Tenda, do 2 ao 30 de novembro.

Tamén se celebrará unha pequena feira de discos que incluirá unha charla-coloquio, con nova “sesión out” sorpresa, na Sala Riquela, así como unha exhibición de baile, a cargo de Compostela Swing; todo, ao longo do sábado, 24 de novembro.

As entradas do Outono Códax terán un prezo de 20 euros (máis gastos) en venda anticipada e 24 euros en taquilla. Tamén haberá un abono para todos os concertos por 40 euros (máis gastos, en venda anticipada en setembro) e 48 euros (máis gastos, a partir do 1 de outubro).

Os puntos de venda

Os puntos de venda serán: A Reixa Tenda (Santiago), Honky Tonk e Discos Elepe (Vigo), Discos Portobello (A Coruña), Peggy Records (Ourense) e a través das plataformas electrónicas www.ataquilla.com, www.ticketea.com e www.salacapitol.com, e como nas anteriores edicións, porán en circulación o denominado “Rock´nporte”, un pasaporte directo e gratuíto aos concertos para as persoas que realicen consumicións ou compras nos case 100 establecementos hostaleiros e comerciais que colaboran co festival.