fbpx

Ao vivo e sen contaxios

Ao peche da edición número vinte de Pincha non se tiña detectado ningún gromo de contaxio no desenvolvemento de espectáculos ao vivo en Galicia, mais os teatros e outros espazos podían operar con só o 33% de capacidade. E iso xa é unha boa nova tendo en conta que en lugares como Santiago viñamos de estar durante un mes con públicos dun máximo de 30 persoas.

As restricións derivadas da pandemia da Covid-19 están a supor a suspensión de moitos eventos e o peche de moitos teatros. Por iso desde Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas) lanzaron, co apoio da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) a campaña #NonNosCanceles, para o mantemento da programación escénica. “A cultura non pode parar porque non nace dun día para outro. Se deixamos de crear pasarán anos ata que volva ao nivel no que estabamos. Cada cancelación fai efecto contaxio”, opina ao respecto o director do Centro Dramático Galego (CDG), Fran Núñez.

Cando se incorporou ao cargo na unidade teatral da Xunta de Galicia, en xaneiro de 2020, as cousas eran ben diferentes. O 12 de marzo, data na que por mor do confinamento pecharon a súa sede, o Salón Teatro, xa visitara sesenta concellos, viaxara a Barcelona e Madrid, estaba armada unha xira e todo lanzado para ter a primeira produción. “Chegou a pandemia e desde o día seguinte comezamos a traballar no urxente e no importante. O urxente era conseguir liquidez para as coproducións que tiñamos en marcha. Xente que fixera un investimento. Fixemos un esforzo a nivel de xestión e xurídico moi importante. E conseguimos que recibisen esa achega económica días despois da data en que en teoría tería que terse celebrado a función. Paralelamente puxémonos a atender o importante que era planificar unha temporada dentro da incerteza absoluta. Ata finais de abril fixemos seis plans só para recolocar datas. A partir de aí aprendemos a esperar”, conta.

En verán por fin puideron poñer de novo en marcha a maquinaria. “A idea nestes meses foi converter o CDG nunha especie de hub, de punto de encontro, de intercambio. O que fixemos foi recibir propostas e dar apoio ao tecido escénico”, explica. Acolleron residencias, a gravación dos Premios María Casares, o aniversario de Teatro do Atlántico, o centenario do Salón Teatro, coproducións, festivais como o de Cineuropa... e deron os primeiros pasos para lanzar non unha, senón tres producións propias: ‘O charco de Ulises’, recreación da Odisea de Homero dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso que se estreará o 14 de xaneiro en Compostela; ‘Terceiro acto’, unha homenaxe aos nosos veteráns da escena, a cargo de Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez; e ‘Serva me, servabo te’, unha proposta en clave máis contemporánea e de hibridación de linguaxes, con dirección de Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta.

Fran  -que é actor, director de escena, fundador das compañías Limiar Teatro e Teatro del Hereje, doutor en Economía Aplicada pola USC e licenciado en Publicidade e Relacións Públicas- sinala que é moi importante que o sector non transmita nunca medo “porque iso paraliza”. “Para ir ao teatro hai un protocolo que se estableceu hai centos de anos. Ti vas, colles a túa entrada, entras ordenadamente, buscas a túa butaca, sentas, estás calado, marchas educadamente... A isto só hai que sumarlle colocar unha máscara e botar un xel hidroalcohólico na porta. Evidentemente é un espazo seguro? Si. Moi seguro? Moitísimo. Levamos centos de anos adestrando. Non tivemos que inventar nada”, sostén. E especial, porque nas actuacións ao vivo “ti estás alí, co artista e a xente que está ao teu redor, e cada espectáculo vai ser diferente. Iso é fantástico”.

Fran Núñez cumpre un ano dirixindo o CDG. Foto: Iván Barreiro

Na corda frouxa e sen rede

Despois de máis de 30 anos de traballo ao lombo e innumerables premios (entre eles, o Nacional de Teatro en 2014), a compañía de axitación teatral Chévere recoñece que nestes tempos a sensación enriba do escenario é distinta. “Recordo o momento da primeira vez que vin ao público con aquela máscara posta. Obviamente hai algo aí que corta esa comunicación, pero xa nos imos afacendo. No aplauso é onde se regula todo”, sinala Patricia de Lorenzo, unha das súas fundadoras.

Ela protagoniza, xunto con Miguel de Lira, ‘Curva España’, unha obra dirixida por XRon coa que continúan en xira e que trata sobre un crime aparentemente sen resolver no Verín de 1927. Unha historia que dá para falar da España Baleirada, das consecuencias da Lei Mordaza sobre a liberdade de expresión, da unidade nacional ou de como a xente constrúe narrativas alternativas á historia oficial. “É un espectáculo con varias capas. Xogamos moito co que se chama a ‘alternativa infernal’, que vén sendo como que che poñen dúas alternativas: Guatemala e Guatepeor. E ti tes que elixir unha cando realmente hai outras moitas que non se exploran por diversas razóns”, explica De Lira. E con este comentario eu non podo evitar pensar en canto ten que ver co que estamos a vivir nesta pandemia. “Si, dalgún xeito é así. Esta realidade nova é un espectáculo estraño. Como se estiveras facendo unha peza experimental onde non sabes moi ben que vai pasar. Estamos todos na mesma corda frouxa e sen rede”, afirma.

Chévere tivo a sorte de poder recolocar no calendario practicamente todas as funcións da compañía que se suspenderon durante o confinamento. “Aínda que temos esa incerteza de ter que chamar no último momento para ver como están as cousas”, admite Patricia, quen lamenta, iso si, as cancelacións que tiveron que soportar moitos outros compañeiros e compañeiras. “Iso é o que non está xustificado. Non hai ningunha decisión do ámbito sanitario que diga que hai que suspender o teatro. Os concellos deberían seguir apostando pola actividade escénica. Creo que non debe haber nada máis controlado que o acceso a un teatro. O protocolo de entrada e saída dos espectadores é impresionante”, asegura. “Nós chegamos a ver cláusulas en contratos que dicían que se se suspendían o espectáculo por causa da Covid-19, ningunha das partes recibiría nada. Unha cláusula que non asinamos, por suposto. Cando viaxas hai unha serie de gastos, tes que pernoctar... É dicir, ten que haber unha protección ás compañías. Estamos moi desprotexidos”, engade.

Nese sentido, o pasado mes de outubro, oito asociacións profesionais vinculadas ás artes escénicas, aos festivais de cinema, á música e á xestión cultural emitiron un comunicado no que, tendo en conta a grave situación de parálise que está vivindo o sector cultural -un

sector que emprega a 30.000 persoas e achega case o 3% do PIB galego- solicitaban á Xunta de Galicia a adopción de distintas medidas. Entre elas, a declaración da cultura como ben de primeira necesidade e fixar un único criterio claro e inequívoco de capacidade de espazos que non dea lugar a malinterpretacións. Tamén solicitaban a todas as Administracións Públicas que manteñan firme o seu compromiso coa cultura este ano e o vindeiro, coas partidas orzamentarias asignadas e respectando os compromisos adquiridos; ademais da inclusión nos contratos dunha cláusula para solicitar o abono dos gastos nos que se tivera incorrido en caso de cancelación pola pandemia da Covid-19.

A finais de novembro, durante a celebración da feira Culturgal, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presentou unha campaña centrada no fomento do consumo por parte da cidadanía. Tamén asegurou que os orzamentos de 2021 inclúen un incremento de fondos do 27,4% para a industria cultural.

Sexa con axudas, ou sen elas, cos apoios necesarios ou tendo que reclamalos... o único claro é que en 2021 aqueles que se dedican a traballar enriba dun escenario seguirán loitando por sacar os seus proxectos adiante, por entreternos, por vivir. E nós, como público, debemos responderlles acudindo a velos e sendo responsables no xeito de facelo. Porque como dixo De Lira durante a nosa conversa: “Poder desfrutar de espectáculos en directo é fundamental para a cabeciña nestes tempos que corren”.

Chévere, sen residencia en Compostela

Chévere creou en Santiago a Nave de Servizos Artísticos-Sala Nasa en 1992, un espazo cultural independente, ocupándose da dirección artística ata o seu peche a finais de 2011, precipitado pola persecución do goberno local do PP. Despois, entre 2012 e 2019, desenvolveu un proxecto de residencia teatral en Teo. E hoxe en día? Poderían regresar a Compostela? Tristemente a resposta é non. “Houbo un intento que pensamos que si se levaría a cabo pero non foi posible de ningunha das maneiras e pola nosa parte isto xa está un pouco abandonado. Se cadra se estiveramos noutro lugar, alguén apostaría politicamente por unha compañía coma a nosa e polo beneficio que pode dar a unha cidade. En Chévere si que nos sentimos recoñecidos, pero certo é que notamos esa falta de impulso e decisión que non vemos en ningún lado. Aceptémolo. É así. É onde vivimos”, afirma Patricia de Lorenzo.

Si que contan cunha pequena sede na nosa cidade, na Rúa da Queimada, onde teñen a súa oficina, todo o material e vestiario que leva con eles desde a época da Nasa e un espazo para ensaiar. “Nós aspiramos a poder ter un teatro canto máis tempo posible, mellor. Temos que ir a Madrid para facer a tempada dos espectáculos! Podíamos estar un mes en cartel aquí e non hai onde facelo. Iso é o noso soño. Xa non digo un mes, pero polo menos catro funcións en cidades como A Coruña ou Vigo”, reclama.

No 2021 continuarán coas súas obras, coas súas audioguías para realizar visitas e paseos ficcionados por vilas e espazos naturais, e sacarán adiante unha nova produción que é probable que teña que ver coa nosa ‘nova normalidade’. “O teatro que facemos pretendemos que cumpra esa función de contar o que pasa. É a nosa aportación á sociedade. Desde o escenario non nos imos dedicar a ensinar pero si que podemos cuestionar, facernos preguntas colectivas. É unha arma moi potente para cambiar sensibilidades, mentalidades e ver todo doutro xeito. A pandemia evidentemente é algo que nos está afectando moito, a nós, ás persoas que nos rodean... Tamén nos gusta o exercicio de mirar atrás e falar diso desde hoxe. E por aí estamos empezando a pensar na seguinte produción”.

 

FOTOS: Iván Barreiro