Antía Ameixeiras: “O violín é o diaño”

Por Xiana Lastra

Antía Ameixeiras. Foto: Basilio Bello

Antía Ameixeiras. Foto: Basilio Bello

Orixinal coma poucas, fermosa por dentro e por fóra, polifacética, carismática e intelixente. Así é a miña amiga Antía Ameixeiras. Desde hai un tempo é a violinista do coñecido grupo folk Luar na Lubre e con só 24 anos pode presumir de ter unha carreira que vai vento en popa a toda vela! Di que non se lle dá ben falar, así que quedamos fronte a uns viños para poñela en antecedentes do que será esta entrevista e que vaia “mentalizándose”. Por suposto, rematamos falando de todo menos do que lle vou preguntar. É o que ten a confianza e verse menos do convinte! Con preparación ou sen ela, conversamos sobre o violín, pero tamén sobre as súas experiencias, o seu proxecto Oîma e as súas metas. A miña amiga falou, e falou ben.

Que tocases o violín parece cousa do destino, porque dalgún xeito completouse un círculo, non é?

Pois si que é unha curiosidade ben fermosa. Cando tiña ao redor de 5 anos estaba con meus pais en Cee nun concerto de Luar na Lubre e quedei prendidísima do violín, que daquela tocaba Javier Cedrón, tanto que lle fun preguntar se mo regalaba. Non tiven sorte pero fun tan pesada co violín que ese Nadal os reis magos trouxéronme un de plástico vermello, e cando tiven xa a idade comecei no conservatorio. Entón, cando me chamaron para tocar en Luar na Lubre, foi algo moi emocionante.

Como leva unha rapaza tan nova ser a violinista dun grupo que fai xiras internacionais e estar tocando nun nivel tan profesional? O calendario supoño que será abondo esixente.

Pois foi unha alegría enorme cando me chamou LNL e, a nivel de realización persoal, un salto de experiencia moi grande. Estou aprendendo moitísimo. O certo é que temos un calendario bastante intenso. Cando tocas nun grupo con tanta proxección como Luar na Lubre o nivel de esixencia é alto, xaora. Penso que é importante que tomemos conciencia de que a música tamén é un traballo e, como tal, precisa dunhas condicións dignas para desempeñalo. Hoxe en día, co desprestixio ao que está sometida a música por parte das institucións, faise moi difícil que a xente poida dedicarse a isto. E a música galega está aínda en peor situación, porque conta con moi poucos apoios e recoñecemento por parte da Xunta. Vese a condición de LNL como unha condición de privilexio, cando realmente o que ocorre é que nos acostumamos á precarización das músicas e músicos.

Ademais escolliches un instrumento complicado… Que é o que máis che custou durante a túa formación?

Si, é certo, é un instrumento terrible e complicadísimo. Non só tecnicamente, senón que hai algo de vontade e de emocións ao lidar co violín. Na cultura xitana, por exemplo, dise que o violín é o diaño. Eu estou totalmente convencida diso.

Será o diaño pero estache dando moitas alegrías! Desde que te presentaches ao concurso para acompañar a Carlos Núñez na súa xira por EEUU, que ademais gañaches, todo foi costa arriba. Cóntanos como o viviches e que te levou a presentarte.

Foi no ano 2015 cando Carlos presentou unha beca para xoves intérpretes galegos para ir de xira con el aos EEUU. Xusto eses días un ensamble de música chilena, que coñecera cando eu estaba de Erasmus en Praga, veu tocar a Santiago e convidáronme a tocar con eles. Carlos viunos e animounos a presentarnos. Así o fixen, e seleccionáronme. Foi unha experiencia marabillosa e non podo estar máis agradecida de todo o que me ensinaron, porque foron moitas horas as que se dedicaron a traballar comigo, ata que conseguín sacar adiante todo o repertorio. Para min foi unha oportunidade única e un verdadeiro pracer ir aos EEUU e ver como se emociona a xente alí coa música galega.

Sei que ese Erasmus en Praga foi algo que te marcou moito. Que experiencias das vividas cres que te enriqueceron máis musicalmente?

Pois si, para min foi un gran descubrimento nos planos musical e intelectual. Ao pouco de chegar vin unha violinista tocando nun bar, tiña o seu proxecto ela soa, co seu violín e a súa voz, Kate Young. Pareceume impresionante, entón rompinlle a cabeza ata que accedeu a darme clase e fixémonos amigas. Para min foi marabillosa, levábame con ela ás foliadas de Praga, e ao ser unha cidade tan cosmopolita e estar no corazón de Europa, alí confluían músicos e músicas espectaculares de todo o mundo. Tamén me levou tocar a un festival a Suecia cunha orquestra de músicas do mundo que dirixía ela. Sen dúbida foi unha muller que me marcou moitísimo, tanto no musical coma no persoal. Era unha persoa moi chea de vida e cores; de feito unha curiosidade é que cando ía as súas clases nunca me deixaba levar cores tristes e, se ía de negro, colgábame panos de cores para crear un ambiente máis feliz.

E aquí en Galicia como foi a túa formación?

Comecei no conservatorio de Carballo e, cando cheguei a Santiago, metinme na Central Folque, onde daba clase Gutier Álvarez, mestre do que aprendín e sigo aprendendo moitísimo. Tamén tiven clases con Quim Farinha, figura clave do violín galego. Pero eu, se quero falar da miña formación, creo que tería que falar das foliadas do Gramola. Cando comecei a ir, o certo é que case non era capaz de tocar unha peza enteira. Ata ese momento o violín vinculábao con algo máis académico. Ao ir as foliadas comecei a ver o violín como algo máis relativo ao divertimento e á camaradería musical. Sempre me sentín moi cómoda grazas a músicas como María Blanco, Xacobe Varela, Xabier Agra ou Gom Goas, que me animaron e ir e me ensinaron o repertorio. E coma min moita outra xente coa que hoxe comparto espazo nestas foliadas e que son unha parte moi importante na miña aprendizaxe e na miña vida musical. Grazas á filosofía desta foliada podo compartir música e amizade con outros músicos extraordinarios como Pedro Pascual, Cibrán Seixo, Quim Farinha, Lar Legido, Gumer Freire… (Non podo mencionar a todas).

O seu trío OÎMA gravará pronto os seus primeiros temas. Foto: Karoliina Kreintaal

O seu trío OÎMA gravará pronto os seus primeiros temas. Foto: Karoliina Kreintaal

Como muller que es,  sobre todo como instrumentista, cres que estamos igual de valoradas cós homes?

Por desgracia esta sociedade ten moitos comportamentos machistas; na música, entón, tamén. A muller, para ser tida en conta, necesita destacar o dobre. Esíxeselle moita máis excelencia. Ademais, tamén hai que sufrir moitos, moitísimos comentarios cousificadores que nada teñen que ver co estritamente musical.

Oîma é outro proxecto que tes en marcha. Trátase dun grupo cunha sonoridade e unha estética moi especial. En que vos inspirades?

OÎMA é un trío de clarinete, acordeón e violín. Somos tres moi boas amigas que entendemos a música de xeito moi similar. É un proxecto moi feliz e pasámolo moi ben tocando xuntas. Dende un principio puxemos empeño en facer algo orixinal, cun traballo sonoro, visual e estético moi coidado. Estamos un chisco inspirados nos balfolk europeos, pero cun marcado carácter de tradición galega. Pouco a pouco vannos saíndo cousas e en breve entraremos en estudo a gravar.

Que referentes tes como violinista á hora de tocar? No espello de quen te miras?

Pois gústanme moito as músicas do mundo e, en concreto, o violín tradicional, o galego e o de por aí adiante. Violinistas que me gustan moito podería dicir Sofia Hostadious, Michalis Kouloumis, Annbjørg Lien, Baltazar Montanaro, Ricardo Herz, Diego Galaz, Jacky Molard, Gheorghe Anghel…

E como música? Quen te inspira? Que grupos escoitas?

Dende que estiven en Praga comecei a facer viaxes musicais con máis músicos que coñecín alí. Estes dous últimos anos fun a Bulgaria e aprendín moitas músicas búlgaras e tamén de outras diversas culturas que me ían ensinando as compañeiras. Estas vivencias son moi inspiradoras para min, e de aí sempre saen cousas.  Se teño que falar de grupos podería dicirche Zlabya, Les fleuves, Väsen, Fetén Fetén, Silvia Pérez Cruz, Lila Downs, Taraf de Haidouks, Kate in the Kettle, Duo Artense, Songs of Separation, Sopa de Pedra… E tamén moita música galega Talabarte, Xabier Díaz, Marful, Davide Salvado, Berrogüetto, Radio Cos, Guadi Galego…

Que metas ten Antía Ameixeiras no horizonte?

Nestes tempos tan feroces, o único que podemos facer é vivir o día o máis coherentemente que podemos. A  miña meta é ser feliz, toda unha carreira de vida.