fbpx
EntrevistasGalicia

Anna R. Figueiredo, escritora: “Cando escribes, tes ollada de escritor. Estás afeito a mirar as cousas intentando preguntar o porque”

Anna R. Figueiredo. Foto: Iván Barreiro

Anna R. Figueiredo (Ourense, 1979) pertence a esa xeración á que lle venderon o sono da clase media do “se estudas moito, terás un bo traballo”. Sen embargo, esta doutorada en Física pola Universidade de Sheffield ven de gañar o Premio Viadutos 2018 por unha novela, “Os bicos feridos”, que desmonta precisamente ese mantra dunha forma crúa.

Falamos con ela de emigración, dor xeracional, influencias modernas e ambiente literario compostelano.

Fálanos de “Os bicos feridos”, a túa primeira novela

Para min falar de “Os bicos feridos” é difícil porque ti como escritora sábelo todo. Entón non sei reducir a “de que vai” sen soltar moitos spoilers. É unha historia sobre a emigración.

Desde o meu punto de vista, un pouco fraudulento porque teño máis información que a mayoría (ri), “Os bicos feridos” é unha historia de identidade, de queixa cara unha sociedade que nos define polo que somos en canto ao que posuímos ou ao traballo que facemos.

Véndennos que “se te esforzas, terás un bo traballo, e se tes un bo traballo, serás feliz”. E iso en Galicia non pasa –tes que que ir a Inglaterra a aprender inglés; se es enxeñeiro, tes que marchar a Alemania…-, ademais de que eu creo que unha persoa é máis que o seu traballo ou o que posúe.

A emigración produce que teñas que marchar uns anos e perdas o contacto coa túa realidade.

A novela trata sobre Olivia, unha moza que estuda unha carreira de ciencias á que lle dixeron que se se esforzaba, chegaría a meta que quixera. Sen embargo, ten que emigrar como au par a Londres e, como non fala ben inglés, para sobrevivir ten que traballar en limpeza; hai moita dignidade no traballo de limpeza.

A protagonista vive con moita dor por ter que deixar atrás todo o seu mundo que construira. Ademais, atópase con que non é de ningún lado. Para os galegos é a inglesa e para os ingleses é a galega. Nun momento dado atopa a un rapaz de 15 anos, descendente de emigrantes galegos, que lle abre ós ollos á vida. Pero o rapaz morre, e a partir de aí se inicia unha investigación.

Parece unha historia xeracional…

Si, intentas falar do que coñeces. Teño moitos amigos nesta situación –a propia Anna estivo estudando en  Sheffield (Reino Unido)-. Ademais, eu son profesora de secundaria e o vexo nos meus alumnos, ao igual que nos meus avós.

A emigración non é unha aventura senón un exilio forzado.

(As redes sociais, fundamentais para manter o contacto na emigración, son outro dos temas de “Os bicos feridos”. Anna recoñece a súa utilidade, pero tamén a dependencia que xeran).

Cóntanos a historia dunha doutorada en Física pola Universidade de Sheffield que se converte en escritora

Primeiro fun lectora. Despois xurdiu a necesidade de escribir, de contar cousas. Hai nexos entre as ciencias e as humanidades. Nunha explicación científica tamén contamos historias. Hai xente de ciencias moi imaxinativa.

Non podemos quitar a creación, o vagar da mente, o vagar emocional da Ciencia.

Encántame a Física, pero iso non quita  que sexa unha devoradora de ensaios sobre literatura ou de Italo Calvino, que quera contar historias, que teña algo que compartir.

Para ti, onde están as historias?

En calquera lado. Cando escribes, tes ollada de escritor. Estás afeito a mirar as cousas intentando preguntar o porque. Eu estou nun bar, veño moitas veces ao Hotel Costa Vella -onde facemos esta entrevista-, vexo a alguén e me pregunto que fai aquí tomando café. Eu creo que a vida da xente é moi novelizable.

Ordeas os teus pensamentos cunha voz narrativa.

Que é para ti escribir?

Para min é natural, o estraño é non escribir. Aínda que traballo como profesora, eu defínome como escritora. Cando me levanto pola mañá ou dou clases, conto historias.

Axúdame a poñer a vida, os pensamentos, en orde; incluso a tomar decisións.

Como foi o salto do relato curto á novela?

Foi un reto persoal. A novela dábame vertixe pola extensión porque o tempo que lle podes dedicar a escritura cando non é a túa principal fonte de ingresos é dependente doutras tarefas.

Seguín as pautas de profesionais, como por exemplo escribir todos os días, con forza de vontade e horas de sono perdido, aínda que logo non me gustase e tivese que borrar. Non me daba medo.

Cales son os teus temas?

Hai moita presenza musical. Gústanme tamén os personaxes con fortes conflitos persoais, cando son coherentes, aínda que lles manque.

Manteño unha actitude crítica perante problemas sociais como a concilia.

Cando escribes, falo pensando no público ou en ti mesma? Guíaste polos gustos comerciais?

Nin no público nin no mercado. Escribo pensando na historia, en función do que necesite para que non caia. Procuro ser crítica co que escribo.

Tes alguna influenza? Cales son?

As series son unha das grandes influenzas da nosa xeración. Son moi fan de David Simon –autor de The Wire ou da recente The Deuce- como creador de historias e personaxes-; autores galegos como Suso de Toro, que en Compostela pódelo atopar tomando un café;  Francisco Castro, Emma Pedreira, Camilo Franco… Sempre estou na procura de xente nova, e Instagram axúdame a atopar referencias.

Como ves o panorama de escritores en Compostela? Existe un ecosistema propio? Reunídevos de vez en cando?

Compostela é unha cidade máxica porque vivimos moita xente que nos adicamos a escribir ou a consumir cultura. Iso fai que exista unha burbulla na que parece que todo o mundo está moi pendente do Premio Xerais, aínda que esa percepción non sexa certa (risas).

Quedamos para cafés, ceas, intercambiamos historias, técnicas…  Hai un nexo moi bonito con xente doutras artes, unha interdisciplinariedade bastante aberta. É un aprendizaxe brutal.

Os libreiros che recomendan, organizan presentacións;  hai bares en Compostela que organizan ceas literarias….

En Compostela hai moitos lugares de encontro.

“Os bicos feridos” gañou o Premio Viadutos 2018, o que conlevaba a publicación con Galaxia. Como foi a túa relación coa editorial?

Moi fluida. Déronme moitas oportunidades para facer presentacións sempre que quixera. Sentinme moi arroupada, querida e benvida.

Antes de Galaxia, mandaches textos a outras editoriais? Como foi o teu proceso?

Participei en concursos, publiquei en Contos Estraños… Sempre obtiven resposta mellor ou peor, o cal te axuda a aprender.

Cres que hai oco para os novos escritores?

Si. Ás veces as editoriais tardan en responder, pero tamén creo que os autores pecamos de ser un pouco impacientes.

Por exemplo, a nivel de España, hai editoriais que teñen prazos de resposta duns seis meses.

Hai concursos onde podes probar sorte; obradoiros de escritura onde te poden orientar…

Internet facilita vender directamente ao público, pero que cres que nos seguen aportando as librarías?

En primeiro lugar, son lugares bonitos.  Ademais, están levadas por valentes. Hoxe en día é mais fácil abrir unha tenda de carcasas de móbil que unha libraría. Ofrecen consello personalizado, acompañamento, refuxo… Hai actividades como clubes de lectura, contacontos…

Que consello darías a un escritor novo que queira publicar?

Que teña paciencia; que escriba todos os días; que acuda a varios concursos, que vaias a un e non teñas éxito non quere dicir que a obra non teña saída… En definitiva, seguir intentando e aprendendo.

A onde queres chegar como escritora?

A onde poida (risas). Quero ser mellor, aprender dos demais, probar cousas novas.