fbpx
CompostelaEntrevistas

Andrés e Fran Villasenín: “Non tería sentido para nós montar algo que non tivera que ver coa música”

Por Rebeca Munín 

Andrés e Fran, na barra do Flamingo. Foto: Iván Barrieiro
Andrés e Fran, na barra do Flamingo. Foto: Iván Barreiro

Despois de moitos anos na hostalaría nocturna, os irmáns Andrés e Fran Villasenín tiñan ganas dun cambio. Así que idearon un local onde se tiñan algo claro, era que a música ía ser unha das protagonistas. Así foi como en setembro do 2018 abría a súas portas o Flamingo, un restaurante e cafetería que homenaxea co seu nome ao mítico pub londinense polo que pasaban todos os artistas estadounidenses cando chegaban á vella Inglaterra por primeira vez.

Que balance facedes deste primer ano no Flamingo?

Andrés: Ao principio non tiñamos moi claro como ía ser a nosa cociña porque non tiñamos experiencia. Agora estamos aprendendo cada día cousas novas. E xa só polo que aprendemos, o balance é moi positivo.

Fran: O que aportamos é estar nun ambiente agradable, con prezos o máis razoables posibles e cun produto moi bo. A hostalaría é un traballo moi complicado e o nivel que hai en Santiago é altísimo. A nós encantaríanos parecernos aos locais que nos gustan da cidade, pero é difícil, así que facemos o que cremos que podemos facer da forma máis honesta, cunha boa materia prima.

Pasastes da hostalaría nocturna á diurna. O cambio é importante…

Fran: Si, a nós sempre nos gustou a hostalaría e digamos que foi como un proceso vital. Empezamos na nocturna e chega un momento no que xa non aguantas. É un ritmo moi duro, uns horarios moi duros… O Flamingo é unha forma de seguir vinculados ao sector pero polo día. Escollimos un barrio porque creiamos que o centro xa está bastante saturado. Aquí non había oferta gastronómica e a xente estaba desexando que a houbera.

Andrés: É diferente polo horario, pero ao fin e ao cabo non deixamos de vender ocio. E tempo libre. Si é verdade que a noite foi esmorecendo nos últimos anos. Moitísimo. Por varios motivos: un xeracional, outro a descentralización da universidade na nosa cidade… Tamén pasa noutros lugares. É un cambio de hábitos.

A música, como non podía ser doutro xeito para vós, é un piar moi importante aquí. De que xeito?

Fran: Os xoves, por exemplo, hai un pianista amenizando as ceas. Outro día da semana podes atopar a un dúo de blues tocando. Nós sempre estivemos moi involucrados coa música e non tería sentido montar algo sen ela. Faltaríanos algo. Estariamos medio coxos. Tamén na decoración baseámonos na música e no cine porque é o que nos gusta. Por exemplo, temos un póster da Familia Monster porque nos trae recordos a Andrés e máis a min de cando eramos pequenos. Tamén de grupos que nos gustan… e despois o bar irá pouco a pouco collendo a súa personalidade, que é o que mola.

Le a crítica de @JuanEAT_o:

#apapar: Tallaríns con verduras e langostinos no Flamingo