fbpx
GaliciaReportaxes

Amor diverso

O persoal de TS A Casa e Amazonia Tropical Bar. Foto: Iván Barreiro
O persoal de TS A Casa e Amazonia Tropical Bar. Foto: Iván Barreiro

Hai uns meses, nunha desas revistas-biblia dos modernos, atopeime cun artigo sobre o poliamor. Ademais de desmontar algúns mitos, o artigo chamoume a atención porque sinalaba á nosa Compostela como unha das cidades onde apareceron novos grupos de poliamorosos.

Isto levoume a preguntarme canto de avanzada  a nivel afectivo e sexual está a nosa cidade, non só á hora de acoller a poliamorosos senón tamén a outras formas de amarse, diferentes á heterosexual monógama.

Para pescudar todo isto falei con Martina González, psicosexóloga; Marco e Santiago, propietarios do restaurante TS A Casa, un local de inclusión na rúa de San Pedro; e tres composteláns poliamorosos que quixeron compartir a súa experiencia  comigo.

Martina é psicosexóloga en ‘Con mucho gusto!’, un centro de sexoloxía amplo e claro onde nos recibe cun sorriso e unha camiseta feminista.

Para empezar, Martina acláranos que é a diversidade sexual. Resulta que hai vida máis aló da nosa obsesión polas “relacións heterosexuais coitocéntricas”. “As persoas somos diversas”, dinos, e a continuación explícanos que a diversidade sexual son as diferentes formas de ser persoas sexuadas, relacionarse, practicar o sexo, identificarse cun xénero ou expresar o mesmo.

“Igual que a todes non nos gusta o mesmo prato de comida, tampouco nos gusta o mesmo no sexo”. Pero cando alguén se sae da heteronorma, parece que xorden voces contrarias a estas formas de vivir.

Estamos moi desinformados, explica Martina. Ademais, a ausencia de educación sexual e a invisibilización da diversidade contribúen a dar unha idea distorsionada das relacións e do sexo.

Con respecto ao grao de inclusión que se respira na nosa cidade, a sexóloga dinos que nos queda camiño por percorrer, aínda que tamén recoñece que existen movementos “moi potentes” traballando pola diversidade sexual como Amizando, Arelas, Ultreia ou Avante.

Poliamor en Compostela

E que hai de novas formas de relacionarse? É o mesmo o poliamor, as relacións abertas e a anarquía relacional? Como encaixan estas maneiras de sentir nunha sociedade onde as películas, os libros ou as cancións séguennos impondo o modelo de “amor romántico-exclusivo-para toda a vida ata que a morte nos separe”?

Martina resúmeo: pode haber sexo con amor, amor sen sexo, sexo sen amor… As combinacións son infinitas e delas xorden as diferentes tipoloxías de relacións.  As relacións abertas baséanse principalmente no sexo, mentres que nas poliamorosas hai un vínculo afectivo. Á súa vez, unha relación poliamorosa pode ir crecendo como as ramas dunha árbore. “Por exemplo, unha parella pode decidir ter outras parellas sexoafectivas, establecendo se quere xerarquías entre elas, pero á súa vez un dos integrantes da relación pode manter relacións con outra persoa puramente sexuais ou afectivas sen prácticas sexuais mediante. É dicir, podémonos atopar ao mesmo tempo cunha relación poliamorosa e aberta”.

Como manter unha relación poliamorosa sen morrer emocionalmente no intento? Para Martina as claves son: autocoñecemento, comunicación, coñecer outras experiencias, respecto, establecer pactos e ter en conta os sentimentos de todas as partes. En definitiva, o mesmo que nunha relación monógama sa, só que temos que tratar con máis persoas.

Pedimos a Martina que nos presente a algún deses exemplos de poliamorosos composteláns. Así é como chegamos a Martín, un mozo de 24 anos que leva practicando o poliamor desde a adolescencia. “Simplemente fun actuando conforme ao que sentía que necesitaba en cada momento e ás necesidades das miñas compañeres. Sen grandes dramas, probablemente porque vivín sempre nun ambiente moi aberto e receptivo”.

En canto á súa experiencia como poliamoroso en Santiago, Martín dinos que “somos unha cidade pequena e aberta, con xente que vén de moitos lugares do mundo, unha escena cultural moi activa, numerosos estudantes, etc. Coñezo a bastantes persoas en Compostela con esta maneira de organizar as súas relacións”.

Falamos tamén cunha parella compostelá que na actualidade é “monógama na práctica e poliamorosa nas formulacións”. Para eles “canto máis amor dás, máis amor sentes”.

En canto á súa visión de Santiago, parécelles que aínda non é unha cidade onde as relacións non monógamas se amosen dunha forma tan evidente como noutros lugares. Poli, integrante da parella, tamén coñece varios casos de relacións abertas na cidade, aínda que os membros da parella opten por non contarlle ao outro as súas aventuras sexuais.

O restaurante TS A Casa está situada na considerada ‘Chueca compostelá’. Foto: Iván Barreiro
O restaurante TS A Casa está situada na considerada ‘Chueca compostelá’. Foto: Iván Barreiro

Chueca compostelá

Tamén temos a hostaleiros comprometidos coa diversidade, como Santiago e Marco, responsables do restaurante TS A Casa, situado na que a eles lles gusta chamar “a Chueca compostelá”: o barrio de San Pedro. Ambos nos contan como foron recibidos cando abriron o seu colorido local en 2017, primeiro con curiosidade e logo cun peculiar agarimo por parte dos veciños. Desde entón, poñen en marcha iniciativas de visibilización e inclusión do colectivo LGTBIQA+, termo que inclúe tamén ó colectivo Queer, Asexual e a aqueles que todavía non se amosaron.

Marco é brasileiro e Santiago de Sanxenxo. O que máis apreciaron de Santiago á súa chegada foi o ambiente de apertura que se respira. “A xente maior é mesmo máis aberta que a nova”, comenta Santiago. “Quizáis é pola mestura de rolo cultural, erasmus, estudantes”.

“Nunca tivemos problema. Incluso a xente pregunta con curiosidade sobre a bandeira (do orgullo LGTBIQA+)”, conta Marco.

Orgullo de barrio

“O barrio de San Pedro é onde se concentra todo”, enfatiza Santiago. Quizais por iso ambos se animaron a organizar a primeira festa do Orgullo no barrio, contando coa implicación dos comercios da zona. Tal foi o éxito que mesmo o Concello pediulles colaboración na última edición.

Pero, existe unha ruta de locais “gai friendly” en Santiago? Ambos afirman que non. E isto é bo xa que a verdadeira inclusión está na mestura, que nun mesmo local se poidan reunir diferentes tipos de clientes. “Nós temos parellas gais, pero tamén mulleres e mozos que veñen co seu computador”, explica Marco. Ante todo TS A Casa é “zona libre de discriminación”, recalca Santiago.

A pesar do optimismo que amosa a súa experiencia en San Pedro, Marco e Santiago recoñecen que “hai moita diferenza” entre este barrio e o resto de Compostela. Noutras partes da cidade hai unha franxa que vai dos 30 aos 50 anos aproximadamente que aínda é moi pechada. Incluso nas propias facultades vese a diferenza de mentalidades. O punto de esperanza son os mozos de 18 anos do mesmo sexo que pasean da man polas rúas compostelás, moitos deles “liberados” ao chegar aquí desde as súas respectivas localidades de orixe.

E en canto á comida? É o colectivo LGTBIQA+ máis audaz en gastronomía? Santiago está convencido de que si. “Cando un restaurante presenta unha proposta innovadora, adoita haber alguén do colectivo LGTBIQA+ no equipo”.

De feito, TS A Casa está especializada en cociña vexetariana, pero cun pulo novo e de fusión. A súa proposta inicial: comida + cóctel. En canto a pratos, o hummus é a estrela. Resumindo, Santiago e Marco describen TS A Casa como unha “zona de amor”, un espazo libre de discriminación onde cada un pode expresarse como o sinta.

Despois deste percorrido por diferentes voces da diversidade local,  podemos dicir que todavía nos queda camiño por avanzar no referente á apertura sexual. O que parece habitual nunhas zonas e ambientes da cidade, non o é tanto noutras. Mentres tanto, nós seguiremos crendo no amor e nas diversas formas de expresalo. O importante é quererse ben.