fbpx
CompostelaDe bares

Almorzando. E de almorzo, Compostela!

Almorzo con Pincha en O Pazo de Altamira. Foto: Iván Barreiro
Almorzo con Pincha en O Pazo de Altamira. Foto: Iván Barreiro

O almorzo non sei se é a máis importante, pero ser é a primeira comida do día, por iso hai que escoller onde e como gozala, ‘como Dios manda!’. E eu, na capital galega, recoméndovos almorzar a cidade. Si, si, de almorzo, Compostela!! Non é ningún poema. E un exercicio meditado, que en Pincha sómosche moi de bares… Hai que percorrer as rúas que estruturan o núcleo vello santiagués, tes que dar pasos firmes, pero ao xeito, pola esencia e efervescencia do pobo e escoller esa mesiña, adornada con flores e lousa de Sargadelos, situada xunto a unha ventá con vistas a un cachiño de ceo… Do noso ceo picheleiro! Comezo polo Pazo de Altamira, por si non vos derades conta (chisco, chisco 😉 )

Segundo abres a porta, xa che recibe un dos sorrisos máis pícaros e entrañables de todo Santiago. Si. É Julio! Ademais de facer un café que cura as feridas da ialma, faite rir, porque o mereces! Todos merecemos almorzar aquí algunha vez! Con café e pan recen traído (de fariñas diferentes, de masa nai), marmelada que fan eles (de fresa, de laranxa amarga con cravo, de plátano, segundo a tempada), froita fresca (mercada na Praza, claro!), tomates, aceite de oliva da Ribeira Sacra, cereais, iogures galegos, embutidos ibéricos, zumes (laranxa, arándanos), pastelaría e queixos galegos. (Os queixos son cousa fina!! Telos tamén como sobremesa, na carta. Non mo contaron, cominos… Todos!).

E as vistas? Para privilexiados: Ao trequele, trequele da Praza de Abastos. Aquí almorzan todos os que nos provén cada mañá de deliciosos manxares no mercado compostelán. De aquí para alí, traen e levan as cuncas e o peixe e verdura que logo comerás no menú do Pazo. Tamén almorzan xuntas familias, veciños, turistas de todos os recunchos do mundo que poidas imaxinar, que segundo se desprenderon das sabas no hotel, están aquí mesturados co burbulleo da actividade matutina de Santiago. A verdade e que o conxunto é delicioso!

Ás veces non sabes a que atender, se aos praceiros, aos curiosos, aos peregrinos que se contan por ducias, ao colorido da mesa, ao cheiro do almorzo, ou ao persoal do Pazo de Altamira que ten un saleiro que mete medo! (Non repito nomes, que todo se sabe… jajaja) Tamén hai que observar á variedade de sementes que teñen para as infusións. Ata teñen unha especial para os catarros, feita con eucalipto, romeiro e regaliz! Está todo estudado e detallado, para que teñas un almorzo especial, artesán, singular e diferente. Non é a cantidade é a calidade, o calorciño do comedor e o agarimo de quen cho sirve!

No Pazo de Altamira cambiaron os bancos por unhas cadeiras azuis e brancas, tamén de Sargadelos, que ata saíron nunha película (“La piel que habito”) e que non as atoparás en ningún outro restaurante do mundo! O servizo de almorzo comeza ás sete da mañá. O bufete móntase cando está aberto o hotel, cando non, tedes o almorzo ‘exprés’, que consta dunha tosta ou peza de pastelaría ou un cacho de biscoito caseiro, zume de laranxa natural, recén espremido, e café ou infusión. Aquí dinnos que almorzas co pulso do mercado e talmente! Porque a visión é tan dinámica que paga a pena deixar o xornal, ver fumear o café e contar as gotas de auga que caen fóra sobre os grelos á venda, os centos de paraugas que entran e saen da Praza, os berros, as risas. Antes dixen que non era ningún poema, pero almorzar así é poesía pura. Estaste almorzando a Compostela!

O Pazo de Altamira. Fotos: Iván Barreiro 

Un pouquiño máis abaixo, nunha rúa paralela á da facultade de Xeografía (que ten unha das bibliotecas máis bonitas que vin), na Caldeirería está o Blu Café. Alí atoparedes as miñas amigas Carmen e Rita. Dá gusto a música que teñen posta, sempre. E as cuncas de porcelana onde che botan o café, o té ou o chocolate con Cointreau, nata e lacasitos (chisco, chisco, só para expertos… jajajaja) son diferentes, en cor azul e rosa con debuxos. O zume de kiwi, tedes que probalo!

Ademais de almorzo, teñen o brunch, xa sabedes ese que non é almorzo, pero que tampouco é unha comida (jajajaja mi madriña!) Sérvese ata máis tarde e leva un pouquiño de todo. Dende ovos revoltos, ata salmón afumado, iogur, pastelaría, un cacho dun biscoito riquísimo e fresquiño, ben de laranxa, de xenxibre, canela e cravo ou un chisco de pudin de mazá e pasas ao ron ou unha pouca tarta, segundo o que teñan ese día. Preguntade por el! Senón, podedes probalo todo por separado, en pequenas doses de luns a domingo.

Eu son moi fan dos seus emparedados (sandwich lle chaman en estranxeiro), ben para almorzo, ben para merenda, para ‘tente en pé’ ou para porque si… (Jeje) Eu quédome co que leva lacón, herba dos coéngos e cogombros! Pero ollo que as tortitas caseiras con laranxa ou chocolate non teñen desperdicio… Xa o sei oh, son unha lambona!

Se tedes sitio e non chove, entrade na terraciña. É un patio interior no que as enredadeiras trepan polas paredes ata as contras das fiestras dos edificios que rodean o Blu café e o Hotel Real. Distintas macetas coloridas, que na primavera estarán en flor, adornan paredes e chan, ao redor das mesas de madeira. Teñen veliñas alumeando (cando non chove, claro) e unha camelia que che fai compañía ao carón do banco máis grande. É tan romántico sentarse aquí, acomodar o coxín e ler un libro cun almorzo recén feito, con moito esmero e moi variado, ademais!

Rita e Carmen son moi simpáticas e fante sentir coma na casa. Aquí almorzando hai multitude de xente que traballa cerca, nas tendas, por exemplo, os que van mercar á praza, comerciais, viaxeiros, turistas e peregrinos, tamén estudantes. Estamos todos! Os de aquí e os que viñemos á festa. Preto hai bancos, un colexio, a universidade, comercios de toda a vida e a dous pasos está a Praza de Galicia, por iso hai tanto bule, bule pola rúa e dentro do local. Gústame admirar aos que almorzan ao meu redor. Cada un é de seu pai e súa nai, evidentemente. Aquí non hai prexuízos. Vimos todos a sorber o café, gozando das vistas cara a fóra e contemplando canta xente diversa pasea por Santiago de mañá! Carpetas, libros, coches de bebé, os carros e bolsas do mercado, uniformes escolares, algunha monxa, as cunchas de vieira cantando contra as mochilas, rúa arriba…

Podes almorzar máis rápido cun té e unha tosta con manteiga ou ben tomarte o teu tempo e saborear esta cidade que che ofrece un mar de posibilidades e sabores distintos. Escoitar as distintas linguas que se falan nas mesas… Coñecer as novidades da contorna, que se hai unhas ‘pantis’ novas na mercería, que se un buraco case se traga a unha señora máis arriba, que se vai haber feira medieval… En realidade, era goyesca, e para cando leades isto xa será outra cousa nova! En Santiago tes moitos sitios onde almorzar ao compás do latir matutino dos picheleiros, onde comerte a esencia da cidade… Pero non chos podo enumerar aquí todos, senón quedaríame sen segredos!

Blu Café. Fotos: Iván Barreiro