fbpx
CulturaNovas

“Alguén que respira” recupera o seu formato e ofrecerá un programa único para celebrar en marzo o Día da Poesía do 2022

Valentín García, Mercedes Rosón e Antón Lopo

“Corpos, disidencias, desexo” é o lema da nova edición do festival impulsado polo Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago, que reunirá a algunas das voces máis activas da esculca identitaria nas últimas décadas, desde Luís Muñoz e Alejandro Palomas a Luís Antonio de Villena, pasando por Carlos Callón, Elizabeth Duval, Blanca Haddad, Paula Luís, Teresa Moure, Xavier Queipo ou Rodrigo Cuevas, ademais de Miren Agur Meabe, Miguel Anxo Fernán Vello, Antón Reixa, Marga Toxo, Susana Sánchez Aríns, Antonio Barahona ou María Cabrera. O programa completo foi presentado hoxe en rolda de prensa pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e polo director do festival, Antón Lopo.

Alguén que respira!, o festival de poesía de Compostela, chega á quinta edición recuperando o seu modelo orixinal de catro xornadas consecutivas de programa. E faino, ademais, readaptando as propostas monográficas que se ensaiaron na última edición cun lema central vertebrador: “Corpos, disidencias, desexo”. Baixo ese lema, o programa reunirá en Compostela a boa parte das persoas que de maneira máis activa abordaron a cuestión identitaria ao longo das últimas décadas. Trátase dunha oportunidade única para escoitar voces e corpos de desidencia como Elizabeth Duval, Teresa Moure, Luís Antonio de Villena, Carlos Callón, Luís Muñoz, Alberto Mira, María Castrejón, Xavier Queipo, Andrea Nunes ou Daniel Asorey, entre otros.

“Poesía feminista, poesía comprometida, poesía contra a violencia, contra a guerra, poesía contra a intransixencia ou poesía como a máis sublime expresión de sentimentos e emocións, na voz das súas propias autoras e autores”, como destacou a concelleira Mercedes Rosón, que agradeceu ao equipo “esta gran aposta, que, xunto á gran programación cultural que estamos desenvolvendo, está posicionando Compostela como a capital galega da cultura”.

O festival inaugúrase, como é habitual, cun recital onde conflúen distintas linguas ibéricas. Será o día 18 de marzo, venres, e sobre o escenario do Teatro Principal de Compostela, nun recital coas voces do portugués António Barahona, a catalana María Cabrera, a galega Ana Romaní e a vasca Miren Agur Meabe, recente Premio Nacional de Literatura.

Unha previa con Alejandro Palomas

Pero antes da estrea, o Respira! celebrou unha cita previa o domingo 13 de marzo cun recital no Principal de Alejandro Palomas, poeta que asistiu ao festival hai dous anos e que agora regresa coas súas últimas poesías, precisamente cando está a ser unha das caras visibles da reivindicación de xusticia polos casos de pederastia na Igrexa.

De Villena a Rodrigo Cuevas e Paula Luís

O sábado 19 será a quenda de Luis Antonio de Villena, María Castrejón, Carlos Callón, Daniel Asorey e Antom Fortes. Para pechar a xornada, celebrarase un concerto de Projecto Mourente, previsto para o pasado 21 de decembro e cancelado por problemas de covid. O Respira! recupera agora a Mourente (que fará versións musicais de distintos poetas galegos) ao igual que a Rodrigo Cuevas, encargado de pechar o programa do domingo día 20. Ese día, o festival reunirá, ademais de Cuevas, a Luís Muñoz, Elizabeth Duval, Paula Luís, Xavier Queipo e Teresa Moure.

21 de marzo: Día mundial da Poesía

O programa conclúe o 21 de marzo, Dia Mundial da Poesía, coa lectura do manifesto 2022 a cargo de Antón Reixa e dous recitais. O primeiro forma parte do proxecto “Atravesei a cerca”, que propón visitas por espazos pouco frecuentados do Teatro Principal, a través da voz dos poetas Miguel Anxo Fernán Vello, Susana Sánchez Aríns, Marga Tojo e Claudio Pato.

Sobre o escenario, recitarán, posteriormente, Blanca Haddad e Andrea Nunes, mentres que o poeta Jesús Castro desenvolverá unha proposta de exploración poética, encargo do propio festival.

Cafés de reflexión pola mañá

En paralelo aos recitais, o Respira! bota de novo man dos cafés-conversa, que se desenvolverán no Principal polas mañás como foros de reflexión. Neles, participan Alberto Mira, Paulo Filgueiras, Beatriz Suárez Briones e Elizabeth Duval.

O festival

O festival Alguén que respira! é unha iniciativa da Concellería de Acción Cultural do Concello de Santiago para apoiar a poesía en todas as súas expresións. O Concello conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O equipo de realización fórmano Antón Lopo na dirección; Cecilia Carballido na produción; Manuel Martínez no deseño gráfico; Baltasar Patiño na iluminación e escenografía; Alexandre Fernández Peón en comunicación e Iris Cochón na coordinación literaria.