fbpx
EntrevistasGaliciaTurismo

Alfonso Cabaleiro: “Galicia Calidade é unha marca que non se deteriorou nada nos seus case 25 anos”

Por Rebeca Munín @rebecamunin

Alfonso Cabaleiro é xerente de Galicia Calidade desde 2013. Foto: Iván Barreiro

Quen non dixo algunha vez iso de “Galicia Calidade”? Facémolo falando da nosa comida, da nosa música, de nós mesmos… É unha marca que calou moi fondo nas nosas mentes. Todo un éxito de marketing.

É ademais un selo de garantía impulsado pola Xunta desde hai case 25 anos e que xa certifica as excelentes condicións de centos de produtos da nosa terra. Non só gastronómicos, senón tamén de sectores como a xoeiría, a moda, a biomasa, as plantas ornamentais… e o turismo. Porque non o imos negar, en Galicia temos moito do que presumir! Ben o sabe Alfonso Cabaleiro, director – xerente do ente desde 2013, co que analizamos a evolución deste fenómeno.

Case 25 anos de marca e Galicia Calidade segue en boca de todos. Por que cre que é así?

Diría que é un éxito de márketing e un éxito de idea, de concepto. É unha marca que non se deteriorou nada. As marcas necesitan ás veces readaptacións. Nós, é verdade que tivemos unha evolución no logo, pero o que é o lema segue intacto.

Se houbera que facer un concurso en España das cinco mellores ideas de marketing, desde logo que nun deses cinco primeiros postos estaría Galicia Calidade. Podo dicilo porque non o inventei eu. Se fora así, sería un pouco soberbio! (risos)

Penso que tamén funciona porque xunta dous conceptos fundamentais no tema das marcas ligadas ao consumo. Por unha parte, a orixe xeográfica – Galicia – e por outra o concepto que todo o mundo busca que é o de calidade.

Ocorre entón que é unha marca absolutamente popular. Utilízase nun partido de fútbol, nun desfile de moda, nunha paisaxe bonita… Mark Knopfler despediu o seu último concerto en A Coruña dicindo Galicia Calidade. E non tivemos nada que ver!

E cando pasa algo así quedaredes moi contentos!

Si, a verdade é que xa podía retirarme! (Rimos) Porque que un persoeiro dese nivel diga Galicia Calidade!! E por outro lado, é reseñable que se manteña en galego. A xente non di ‘Galicia Calidad’. Di Galicia Calidade.

Knopfler é un artista coñecido mundialmente, pero que repercusión ten a marca internacionalmente?

Niso teño que recoñecer que non fixemos moito. É un dos grandes retos que temos. Estamos traballando para promocionar a marca fóra de Galicia e de España. Esa é unha das nosas grandes débedas.

Cabaleiro, diante do primeiro logo de Galicia Calidade. Foto: Iván Barreiro

Galicia Calidade abrangue produtos e empresas pero non só de gastronomía. Por que?

Porque Galicia Calidade tivo e ten moitísimos debates desde o primeiro momento. Un deles é si debería ser unha marca exclusiva ou non do sector primario en termos xerais. Apostouse porque fose unha marca global da economía galega. Por que? Porque evidentemente o sector primario e gastronómico teñen unha importancia tremenda na economía galega. Pero Galicia tamén é moda, é naval, é madeira, é biomasa… E un pouco nesta liña levamos uns anos intentando introducir a marca noutros sectores económicos. Por exemplo, un sector que agora ten moita importancia dentro do selo – estamos falando duns 45 establecementos – é o turístico. O que chamamos Galicia Calidade Lecer. Estamos falando de hoteis, restaurantes e casas de turismo rural. E dentro deles, temos varias Estrelas Michelin. A última en entrar foi  A Tafona, de Lucía Freitas, en Santiago.

Que chefs dese nivel apoien os produtos galegos supoño que tamén é moi importante…

Si, son prescriptores. Por exemplo, nun acto solidario que organizou hai un tempo Casa Barqueiro en Negreira ao que acudiron moitos Estrelas Michelín, nós tiñamos un ‘stand’ e podo falar do interese de Arzak e de Berasategui pola Merluza de Celeiro. Tivo moito éxito.

Pero tamén creo que hai grandísimos restaurantes en Galicia que non teñen nin queren ter Estrela Michelin.

Hai algún estudo do que supón para un produto ou unha empresa ter o selo de Galicia Calidade?

Non temos datos pero de cara á celebración do 25 aniversario estamos elaborando un libro branco, no senso de que supón para unha empresa ter o selo.

Sen embargo, quizais respondería á túa pregunta de dúas maneiras. Unha destacando que non hai baixas. Sinal de que mal non lles vai. E segunda, cun exemplo. Hai pouco entregámoslle o diploma de Galicia Calidade a unha empresa que fai melindres. Levaba nese momento seis meses connosco e nese periodo duplicou a facturación. E como ela, temos constancia doutras compañías que lles pasou o mesmo.

Tamén apoiades moitos eventos relacionados co deporte e coa cultura. Para cando un selo de Galicia Calidade a algún artista, festival, etc.?

Pois son debates que temos. Estamos en conversas con AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) para crear un selo para os festivais de música. Pero nunca buscamos ser un selo exclusivo. Queremos que o sector que apoiemos teña un selo propio e nós o avalamos ou certificamos. Non hai un viño ou un queixo, por exemplo, en Galicia Calidade que antes non estean nunha DO. E os establecementos de hostalaría teñen todos a Q de Calidade Turística.

E xa que estades a piques de cumprir 25 anos, haberá que facer algunha festa, non?

(Sorrí). Si. Estamos barallando facer algo a finais deste ano ou a principios do 2020. Pensamos nun acto que sexa sobre todo de recoñecemento das empresas que forman parte de Galicia Calidade. E de maneira especial para esas que se manteñen desde os inicios. Por exemplo, Jealsa, Coren e Estrella Galicia levan 22 anos connosco. E ao mesmo tempo, con esa celebración buscaremos un certo eco social para que novas empresas queiran incorporarse.