fbpx
A CoruñaA-6CulturaEntrevistasNovas

Álex Fidalgo, do podcast ‘Lo que tú digas’: “Fago o que sempre quixen, entrevistar á xente dende a miña propia casa”

Por Ana Romero

Álex, no seu estudo na súa casa en Madrid.

Álex Fidalgo (Corcubión, 1985) é creador e presentador do podcast ‘Lo que tú digas’. Con 10 millóns de descargas, 80 mil oíntes e 278 episodios publicados, Álex foi dos pioneiros do mundo do podcasting no noso país.

Como o refrán de Mahoma, Álex Fidalgo fixo o propio coa radio. Sempre tivo claro que quería escoitar historias e transmitilas a través dun micrófono. Con 18 anos decidiu facer as maletas e mudarse a Madrid, terra de artistas, ou polo menos de paso. Tralas prácticas pertinentes, Fidalgo conseguiu achegarse un pouco máis á súa meta laboral cando entrou a formar parte de diversos equipos radiofónicos. En Onda Cero puidemos oílo en ‘La rosa de los vientos’, ‘La parroquia’ ou ‘No son horas’. E en Radio 4G, xunto a José Antonio Abellán, en ‘La jungla’.

Pero a profesión de periodista caracterízase pola temporalidade dos seus proxectos, polo que Álex tivo que retornar a Galicia. Este factor, sumado ó de ter que traballar en proxectos ou formatos nos que non se sentía de todo realizado, fíxolle caer nunha depresión severa, algo do que fala abertamente no seu podcast. Foi precisamente crealo o tope que se puxo a si mesmo para demostrarse se realmente valía ou non para o que amaba e para o que tantos anos levaba preparándose: a comunicación.

Comezou no 2017 dende casa dos seus pais e por Skype. Tiña claro quen quería que fose o seu primeiro invitado, asumindo que non ía conseguir máis de dez oíntes nese primeiro piloto. José Miguel Mulet, bioquímico molecular, protagonizou xunto a Mercedes Milá no programa de televisión de Risto Mejide, ‘Chester’, unha confrontación que se fixo viral. Ó parecerlle interesante o tema, quixo afondar máis nel e darlle a oportunidade a Mulet de explicar o que ía contar ó programa. Atopouse con mil descargas, o que lle aportou a motivación suficiente para, polo menos, sentirse válido para dedicarse á súa gran paixón, a radio. Ante a inexistencia de posibilidades de dito medio, construíuse unha propia.

Arturo González Campos, José Ramón Gayoso ou Sánchez Dragó son algúns dos seus primeiros episodios, pero a curva ascendente comezou a notarse despois das entrevistas a Laureano Oubiña, contrabandista e narcotraficante, e ó Dr. Cavadas, cando apenas facía aparicións públicas.

Ata o 2020, pandemia incluída, estivo en Galicia, pero dende o episodio 13 era el quen ía ata as casas ou estudos dos protagonistas.

Naquel intre conseguiu un contrato nunha plataforma de audio, pero el mesmo recoñece que se lle viña un mal mes, non podía asumir certas facturas. Con todo, pelexou ata conseguilo.

Fai dous anos chegou unha nova fichaxe, esta vez nunha plataforma de máis alcance. Con ela comezou a ter un soldo co que podía manterse, pero a cambio de certas restricións á hora da publicación. Para, aparentemente, chegar a un novo nivel de recoñecemento, tiña que deixar a moitos dos seus seguidores no camiño por publicar seu contido nas plataformas de pago.

Así que, novamente, tomou unha decisión difícil, a de deixar de ter un soporte económico e publicitario para se entregar ó público ó que lle pechara o acceso.

‘Lo que tú digas’

Fidalgo xunto con Arturo Pérez Reverte cando o entrevistou para o seu podcast.

As maneiras de consumir cultura cambian co paso do tempo, e aínda que o podcasting sexa un formato de audio, un gran número de oíntes escollen tamén a opción de oílo acompañado con vídeo.  Iso é posible tamén con ‘Lo que tú digas’.

A día de hoxe publica dous episodios á semana relacionados coa ciencia, tecnoloxía, literatura, televisión e todo tipo de artes. Dende a súa casa, en Madrid, mencionando cada vez que pode o seu lugar de orixe, para cantar ó mundo as marabillas que hai a tan só 600 quilómetros de distancia.

As súas baleas brancas, como el mesmo as identifica, sempre foron Arturo Pérez Reverte, Francis Alsina, Andreu Buenafuente ou Íker Jiménez. Conseguiu entrevistalos a todos.

O deste galego (@alexfidalgo) é un exemplo de traballo, de esforzo, superación e constancia.

Se queredes escoitar os episodios de ‘Lo que tú digas’ (@lqtdradio), atópanse nas plataformas Spotify, iVoox, Youtube ou Apple Podcast.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.