Airas Nunes, o repouso

Ir merendar a Airas Nunes é coma se Willy Fog fose a tomar o té cos seus ilustres cabaleiros, non sen antes aproveitar para un merecido descanso ante unha fumarenta cunca e un anaco dalgunha das pecaminosas tortas desta cafetería. E dicimos pecaminosas porque, a pesar de que Airas Nunes toma o seu nome dun clérigo do século XIII, pola miña experiencia sei que a torta de fresa, con deliciosos anacos de fresa agochados na súa suave e esponxosa masa, e a de chocolate son tan boas que teñen que ser á forza pecado. Xa sabedes iso que din de que todo o que nos gusta engorda ou é pecado…

Ao fío do catro da tarde Rebeca Munín e eu fomos recibidas por Fran, o xerente, que nos agasallou con “tortitas” (unha das creacións estrela de Airas Nunes) e torta de mousse de chocolate cunha suave e cremosa cobertura do mesmo sabor. Para acompañar, infusións de froitos do bosque e uns encantadores vasiños de mousse de chocolate, detalle marca da casa.

Todas as tortas son caseiras, da man da reposteira de Airas Nunes, o seu auténtico segredo do éxito. “Ten liberdade para crear”, dinos Fran. Ademais da fresa e o chocolate, son altamente recomendables as tortas de queixo, améndoa, turrón ou café.

Elegante, moi espazoso e con dous ambientes claramente diferenciados, destaca a zona dos sofás, onde ademais podes ler algunha das revistas que ofrece o local, situados baixo o lucernario. Son tan cómodos que algún que outro visitante se deixa levar por unha minisesta. Se Madrid ten eses espazos posmodernos onde cobran prezos desorbitados por un frío recuncho para durmir uns minutos fuxindo da tensión da cidade, Compostela ten o Airas Nunes, máis bonito e acolledor.

E é que, á parte do seu ambiente tranquilo, Airas Nunes é un deses locais emblemáticos de Compostela que hai que coñecer si ou si. Punto de encontro para turistas e residentes, o aire de faladoiro decimonónico non é casual. Desde os seus inicios no ano 1993 é testemuña de charlas, coloquios, música en vivo e presentacións de libros, con persoalidades como o mesmísimo José Saramago, converténdose así nunha das referencias culturais da cidade.

O futuro? Tal como eles mesmos afirman: “a posta en valor da oferta orixinal, revitalizando e potenciando a cualidade e variedade das nosas tortas caseiras e outros elementos de elaboración propia”.

Airas Nunes

Rúa do Vilar 17 baixo
Santiago de Compostela
981 58 25 16
http://airascatering.com