O Agarimo dos bares

Por Jéssica Pintor

Greta, na barra do Agarimo.

 

A primeira vez que pisei a Praza de Cervantes, (a primeira da que teño uso de razón), foi para mirarlle os pés a Cervantes… Seeeee, xa vedes que non son unha picheleira de pro, pero non volvín picar, eh! E si que trouxen máis xente a verllos! Jajajaja

Comezo o relato nesta praza, porque é nela onde hai un bar que se vestiu de novo fai pouco. Vestiuse de novo, porque conforme unha das súas donas cambiou radicalmente a cor do seu pelo, tamén mudou o local de cara! Siii, falo de Greta e do Agarimo! Ela empezou coa transformación, de castaña a loura platino, da noite para a mañá! Cando entrei pola porta, alí estaba ela renovada, vixiando, coma cando un gato axexa o perigo de entre os bolos de palla! Que atrevemento! Moito lle relocen agora eses ollos verde intriga co brillo do rubio. E tan atrevido foi o seu cambio de peiteado, como o papel que lle puxo ás paredes do fondo do bar! Os máis conservadores que tomen o café e non miren, pero para os que sodes máis coma min, gozaredes co contraste do branco e do negro. Dálle un aire entre moderno e alternativo que non sei con cal palabra me quedo (Pártome!) Tamén tapizou as banquetas, xa lle dixen que seguro que niso lle foi a metade do seu orzamento para a decoradora, porque sal ‘carírmo’! Miroume con eses ollos e dixo: “Agora entendo!” Eu respondín, ‘lo sé’. E rimos.

E non só cambiou de aspecto a parede do fondo, tamén a de detrás da barra e o chan e mercou lámpadas novas e ata revirou a carta!

Pero imos empezar polo comezo, pola historia do seu inicio no local, que a min xa sabedes que gusta enredar os meus contos, como nunha película de suspense. Jajajaja (Pero se vos cansades, entenderei que deixedes de ler e que marchedes de bares!)

Os comezos de Greta

Greta empezou por casualidade na hostalería, hai nove anos e medio, casualmente neste bar. A súa idea era deixar o sector, cando volveu traballar ao Agarimo. Cinco anos máis tarde ao seu xefe tocáballe a lotería e Susana, a súa socia, máis ela, alugábanlle o bar.

Malia que non o pareza, descríbese como tímida. Di que o pasou moi mal cando empezou a traballar detrás da barra. “O peor era berrar polos pratos á cociña… Agora berro o que faga falta!”, afirma entre gargalladas.

“O traballo nos bares é moi duro e moi sufrido e se o bar é teu, peor, porque implícaste e preocúpaste máis aínda! Os días que queres saír é cando máis tes que traballar, cando todo o mundo está de vacacións é cando máis traballo tes”… Aínda así confesa que o seu traballo encántalle. “Nunca pensei que me fora gustar tanto. O bar é moi dinámico, estás en contacto continuo coa xente, coñeces moitas caras novas cada día, chegas a ter un trato case íntimo cos clientes. De feito, algúns dos meus mellores amigos empezaron sendo tan só clientes e ata incluso, nalgunha ocasión, saíu deles algunha parella!” Volta a rir. Que cousas, penso eu! Ao final todo se reduce aos bares, non é?!

“Aquí nunca te aburres, nunca estás parado, estás un pouco con un, un pouco con outros, vou á praza, traio as compras, fago os pedidos, os pagos, vou ao banco… Eu necesito moverme, son moi activa, teño moita enerxía, non podería estar sentada nunha oficina. Eu téñoo pasado mellor traballado, que non por aí de marcha. Teño tido ansia de vir traballar!! Porque me levo moi ben cos meus compañeiros e pásoo tan ben con eles. Pero tenche que gustar a hostalería claro, porque se non ata o cliente o nota, sabes? Dáse conta cando saúdas de forma obrigada ou se estás ata as narices! A min costábame vender moito ao principio, nunca ofrecía máis do que me pedían, co tempo aprendes esas cousas. Pero agora vendo vicio!”, ri moi pícara, porque a ela tamén lle vai ir de bares. Cando acaban a xornada, os camareiros da contorna solen xuntarse, tamén van moito de cañas, a comer… Porque a ‘vidilla’ está aí fóra ou dentro segundo se mire!! 😉 (Chisco, chisco) Tamén confesa que son malos clientes, (entre risas) porque son os últimos en saír bos bares, ata que pechen e os boten!! Jajajaja Pois coma min!

Para escribir un libro

Greta emociónase moito cando me conta as aventuras do bar. “Tantos compañeiros polo camiño, tantas historias, tantas esmorgas… O Agarimo da para escribir un libro, con anécdotas moi, moi divertidas! Porque o camareiro veo todo, TO-DO!! (Muajaja Conspiro mentalmente!) O cliente non se dá conta de todo o que es capaz de ver. Acabas aprendendo de psicoloxía, porque hai xente que ves diariamente, e pola forma de pedir o café sabes como ven. Eu son moi observadora, fíxome nos detalles, a mirada dunha persoa di moito, sabes? Ao principio, cando entrei, dicíanme coidado con este, e eu pensaba pero como o sabes? E agora xa digo eu aquel está de lúa! (Morro coa risa) Non che sei explicar por que… A forma de falar, de mirar. No primeiro momento soles saber de que pé coxea cada un, aínda que levas moitas sorpresas. Ás veces ata facemos de cupido, porque notas risiñas, complicidade e das un empuxón á parelliña en curso”, chíscame o ollo. Porque ante todo, discreción. Coma nun confesionario, pode contarche parte do pecado, xamais o pecador. Nunca! (Cajina!)

Os cambios sempre veñen ben

Pero mira, Greta… pelo novo, bar novo?? (Estoupamos as dúas). “Pois si. Facíalle falta. Tanto ao bar, como a min. Xa estaba un pouco gastado todo, nove anos vendo a mesma parede… Levaba uns meses cansada e aburrida, así que aí o tes!, -sorrí amplamente e orgullosa-. Un aire fresco para todos. E nótase! Nótoo eu e a xente que ven! Parece que non pero ata che dan máis gañas de traballar. É unha chispa nova”.

E na carta, que hai de novo logo? “Manteño cousas que funcionan como o raxo, o pulpo, a zorza… E dinme conta que case non hai onde comer bocatas por aquí, nin ensaladas. Así que metín máis variedade de bocadillos e ensaladas, que están tendo moito resultado: o de salmón, o de sardiñas. Son fríos, é comida máis rápida sen esperas, para o verán veñen moi ben. Ademais cambiou a forma de comer da xente, comen máis san cada vez. O ano pasado vendimos moitísimas peitugas de polo con arroz, entón as ensaladas son unha opción boísima, non te quedas con fame porque son xenerosas. Hainas con gulas, froitas, sardiñas, afumados, a simple, a de atún…”. Tranquilos todos! Aínda lle quedan as hamburguesas na carta!! Seeee… Xa sei que que habemos algúns que somos máis de ‘graxeada’!! Juju.

Para rematar, vouvos contar un segredo. Todos somos benvidos no Agarimo. Pero neste bar sonche moi de agarimar máis aos de aquí, xa me entendedes! Aos cliente habituais, aos de Santiago, aos que non paramos de ir visitalos. Así que xa sabedes, a miña amiga Greta, a dos ollos verdes e o pelo platino, di que seguirá no Agarimo ata que o corpo aguante… E eu con ela!!