Actividades para todos os públicos para celebrar o Día Internacional dos Museos

Os actos do Día dos Museos presentáronse no Mercado de Abastos.

Os actos do Día dos Museos presentáronse no Mercado de Abastos.

O 18 de maio conmemórase o Día Internacional dos Museos baixo o lema Os museos como eixos culturais. O futuro da tradición«. Como xa é habitual dende hai oito anos, oito museos composteláns suman esforzos para celebrar conxuntamente esta efeméride: Museo do Pobo Galego, CGAC, Museo de Historia Natural, Museo Casa de la Troya, Fundación Eugenio Granell, Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), Museo da Catedral e Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Esta semana e o resto de mes de maio composteláns e visitantes poderán gozar de numerosas actividades. Promoveranse itinerarios, música, cinema, obradoiros para público infantil e adulto, xogos e exposicións, entre outras iniciativas. Ademais, todosos centros participantes celebrarán unha xornada de portas abertas o sábado 18 de maio, xunto a visitas guiadas gratuítas.

Colaboración co Mercado de Abastos

Este ano quérese poñer de manifesto que “os museos funcionan como un axente mobilizador dentro do contexto social, actuando como entes vivos que artellan un papel fundamental dentro da comunidade”. Neste senso, amósanse como “espazos abertos e interactivos, non só a través da conservación e exhibición, senón tamén  fomentando a creatividade dos públicos”.

Nesta colaboración interinstitucional, onde cada museo presenta unha programación especial, créase unha aposta común combinada cunha das tradicións máis antigas e destacadas de Compostela, o Mercado de Abastos. Nace en 1870 para unificar os postos espallados pola cidade, que pasan a concentrarse nun mesmo espazo, funcionando na actualidade con 177 negocios e numerosos postos exteriores.

As persoas que realicen compras esta semana no Mercado de Abastos terán descontos especiais no acceso aos museos da cidade. “Trátase de crear unha relación entre o comercio tradicional e os espazos culturais de Compostela, unha relación aberta que xera novas perspectivas no futuro da tradición” -sinalan os representantes dos museos composteláns-. 

Actividades para todos os públicos

O CGAC ofrecerá cinema fantástico do cineasta español Segundo de Chomón con música en directo para escolares os días 14 e 15. O martes 14 haberá un taller de arquitectura para nenos na Fundación Eduardo Pondal (Ponteceso). O mércores 15 sesión especial de “Aula diversa”, o programa de educación artística para a integración de persoas con diversidade funcional, dirixido a todos os públicos. O venres 17 e o domingo 19 realizaranse visitas guiadas polo edificio, ata a súa cuberta, onde está instalada a obra Triangular Paviliondo artista Dan Grahan.

O Museo do Pobo Galego inaugurará o 14 a exposición Antón Fraguas Fraguas. Todo o mes estará dispoñible de balde “Fraguando datos”, un xogo de descubrimento ao redor da figura de Fraguas. E ata o 30 de xuño pódese visitar a mostra de fotos etnográficas Entre amigos dos socios do museo.

O sábado 18 o Museo das Peregrinacións acollerá pola mañá un obradoiro de elaboración dun monicreque inspirado no Camiño de Santiago; e pola tarde o espectáculo Camiño de Aventuras, tamén con Títeres Cachirulo. A xornada rematará co concerto A viaxe de Yoyó do grupo Dous. Ademais, de luns a xoves poderanse realizar visitas ás áreas internas do museo, coñecendo a antiga sede da casa gótica.

O Museo Casa de la Troya realizará o venres 17 un roteiro teatralizado por Compostela que recreará un paseo de Rosalía de Castro co estudante Barcala da novela La casa de la Troyade Lugín. O percorrido, dunha hora e media, partirá da praza do Toural e desenvolverase polas rúas do casco histórico ata o museo.

O Mupega ofrece a oportunidade de visitar durante o mes de maio a mostra “A persistencia da tradición”, que amosa a vixencia actual dalgúns obxectos vinculados á educación e a infancia. O martes 14 haberá unha visita guiada polas pezas dos centros onde estudou ou traballou Antón Fraguas. O 15 poderá visitarse a exposición Homo sapiens, transmisor de coñecementoe o 16 desenvolverase un espectáculo que mestura maxia e ciencia para público a partir de 8 anos. O sábado 18 pola mañá haberá un xogo de pistas para as familias vencellado á mostra Homo sapiens.

O Museo de Historia Natural realizará visitas guiadas de balde o sábado 18, deseñadas tanto para familias como para o público en xeral.

O Museo Catedral, xunto ás visitas guiadas e a entrada gratuíta á súa colección permanente, o sábado 18 levará a cabo a actividade didáctica “Descubrindo o Museo Catedral”, unha iniciativa dirixida a grupos escolares seleccionados previamente.

E a Fundación Granell inaugura o mércores 15 a exposición Japón, que explora os vínculos establecidos entre o país asiático e Galicia a través do Camiño de Santiago. O xoves 16 ofrécense dúas propostas de visita guiada diferente:Visita conservada. Outra forma de ver consiste en coñecer o museo a través da mirada do conservador-restaurador e Conversas no Museo aberto ten ao público como protagonista.