A versión cinematográfica do ‘Eroski Paraíso’ de Chévere abrirá a XVI edición do Festival de Cans

Esta mañá presentouse en Santiago a XVI edición do Festival de Cans, que se celebrará do 22 ao 25 de maio nesta parroquia pontevedresa.

O festival dará comezo nesta edición coa proxección da versión cinematográfica de Eroski Paraíso, dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron. Despois de tres anos de xira a obra teatral da compañía afincada en Teo, Chévere, transfórmase neste filme que se proxectará en Cans o vindeiro xoves 23 de maio. Alfonso Pato, director do Festival de Cans, presentou esta mañá este filme que abrirá o festival e que ten para Cans moitos significados pois “non é nada fácil estrear un filme e que a primicia de Eroski Paraíso sexa en Cans con xente como Xesús Ron, Jorge Coira, Chévere… tan vinculada ao festival, ten para nós moita emotividade”, afirmou.

Esta película xira arredor da desaparecida sala de festas O’Paraíso de Muros, lugar onde se coñeceran os pais da protagonista Álex, hoxe convertida nun supermercado. Miguel de Lira e Cristina Iglesias, dous dos protagonistas da película estiveron na presentación da imaxe gráfica do XVI Festival de Cans, que tivo lugar na tenda de Nikis Galicia en Santiago para explicar que o día 23 de maio será a despedida, “estamos na recta final, a proxección da película será broche final a este Paraíso”, dixo Miguel de Lira.

Por outra banda, os directores da película falaron sobre como foi o proceso de traballo: “transformar a obra teatral en película empregando só recursos escénicos foi un reto, foi difícil facer o cambio” dixo Ron, un dos directores de Eroski Paraíso. O resultado será un híbrido, explicou Jorge Coira, “o filme queda nun terreo intermedio entre o teatro e o cine puro”. Ambos afirmaron ter moitas ganas de ver como reacciona o público.

Vontade de internacionalización

O deseño da imaxe e da camiseta deste ano, que correu de novo a cargo de Nikis Galicia, xoga coa silueta do can e o debuxo dun dunha fouce que sostén a bola do mundo, que como comentou David Blanco, responsable da marca, sintetiza á perfección a idiosincrasia de Cans. Ao mesmo tempo, a imaxe deste ano tamén destaca a vontade de internacionalización do festival, que se remarca co lema “exportando agroglamour dende 2004”. Alfonso Pato afirmou que existe a idea de ir abrindo pouco a pouco unha fiestra para aumentar a presenza de máis realizadores doutros países tanto nas seccións de cine como no musical.

O festival presentou ademais a súa nova canción oficial, titulada “Falando de Cans” e interpretada polo artista Fernando Epelde baixo o seu alter ego Chisme. Este creador multidisciplinar instalado entre Berlín e Madrid estará presente en Cans o sábado 25 de maio por partida dobre: presentará unha retrospectiva dos seus videoclips e levará ao Invernadoiro de Mucha do Peso os temas do seu novo disco Medium (2019). A súa mestura de electrónica e hip-hop soará, deste xeito, nun dos espazos máis celebrados polo público da pasada edición do festival.

Entradas da sección oficial

A presidenta da Asociación Arela, Keka Losada, explicou que partir do martes 9 de abril estarán dispoñibles na tenda virtual do festival (tenda.festivaldecans.com) os primeiros 450 packs de entradas para as seccións de Ficción e Animación a concurso e camiseta, que inclúen tamén unha chapa exclusiva como agasallo e o programa de man.

Estes packs, que poderán recollerse nas tendas de Nikis Galicia e na tenda Tía Tata do Porriño, estarán á venda ata o domingo 28 de abril, e terán un prezo de 21,5 euros, o que supón un aforro de 5,5 sobre o prezo dos artigos por separado.