fbpx
A CoruñaCompostelaCulturaGaliciaGastronomíaNovas

A revista Pincha, finalista dos Premios da Crítica de Galicia 2021 na categoría de Cultura Gastronómica

Hoxe, sábado 19 de novembro, na sede de Afundación de Vigo deuse a coñecer o ditame da XLVª edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

A revista Pincha optaba ao galardón na categoría de Cultura Gastronómica, xunto coa Asociación de desenvolvemento rural Mariñas Betanzos, o chef Moncho Méndez do restaurante Millo Orzán, e María Varela de A parada das bestas. Finalmente o premio foi para esta última. O xurado salientou a Varela polo seu facer como cociñeira e por ter loitado desde 1992 polo proxecto co seu home Suso, con só 24 anos de idade, no que a prioridade foi a excelencia baseada en dous piares fundamentais: a honestidade do traballo,  e a difusión e o fomento do patrimonio cultural e gastronómico da zona da Ulloa.

O resto de gañadores foron Manuel Rivas, na categoría de Creación Literaria; Xavier Madriñán, na de Investigación; A cova de Eirós, na de Iniciativas Culturais e Científicas; Ugia Pedreia, en Música; Mónica Alonso, en Artes Plásticas; o espectáculo N.E.V.E.R.M.O.R.E., de Chévere, en Artes Escénicas; e Atalante, en Cine e Artes Audiovisuais.

Premios

Baixo o lema «Galicia é infinda» do poeta Florencio Delgado Gurriarán, xuntáronse neste acto trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, Elena Espinosa en representación da alcaldía de Vigo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, así como once alcaldías de diversos concellos do país.

No transcurso do acto, que foi conducido pola escritora Ledicia Costas, Bieito Ledo, presidente e fundador dos Premios da Crítica de Galicia, fixo un percorrido pola memoria desta iniciativa pioneira organizada en Vigo dende hai corenta e cinco anos.

Dende comezos do mes de outubro, as 56 persoas compoñentes dos oito xurados, que se unen ao máis de mil catrocentas participantes ao longo de toda a súa historia, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

Esta XLVª edición dos Premios da Crítica de Galicia estivo patrocinada polo Concello de Vigo, A Xunta de Galicia e a Deputación provincial de Pontevedra, sendo entidades colaboradoras Afundación e Sargadelos. Contou ademais co patrocinio de trinta empresas e entidades de produtos galegos de calidade, etiquetados na nosa lingua.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.