fbpx
CompostelaNovas

A Real Filharmonía de Galicia arranca a tempada na que celebra o seu 25 aniversario

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) presentou a nova temporada 2020-2021, que estará marcada pola celebración do seu 25º aniversario. Sempre que a situación sanitaria o permita, haberá 24 concertos, que se retransmitirán en directo por streaming para os abonados da temporada pasada. As medidas de prevención fronte á COVID-19 limitan o número de localidades, polo que esta tamporada non haberá abonos.

Baixo o lema Emocións naturais, a Real Filharmonía de Galicia quere reivindicar “o poder da natureza, da vida e do amor a través da música como referentes da nosa esencia como seres humanos, e tamén como fonte de esperanza e inspiración no futuro” -tal como salientou o director, Paul Daniel.

O primeiro concerto de setembro será o día 23, no que a orquestra participará nas Xornadas de Música Contemporánea, baixo a batuta do director asociado da RFG, o mestre Maximino Zumalave.

Para dar a benvida ao público compostelán, como por razóns de seguridade sanitaria este ano a orquestra non pode ir aos barrios, convidará ás asociacións de veciños ao Auditorio de Galicia, a 3 concertos que se celebrarán o 30 de setembro e 1 e 2 de outubro.

Durante a temporada programaranse 4 concertos didácticos para escolares con dúas propostas diferentes: Pangea: a paisaxe sonora do noso planeta co polinstrumentista Abraham Cupeiro; e O grande Beethoven, un encargo da RFG ao Serviço Educativo da Casa da Música de Porto. E haberá 2 concertos familiares con horarios e prezos accesibles.

Primeiro concerto da temporada e moitas novidades
A temporada abrirá con Paul Daniel á batuta. Será a estrea de Alén do compositor galego Eduardo Soutullo, obra gañadora do Premio de Composición AEOS-Fundación BBVA 2019 e que representa unha viaxe entre a vida e a morte.

En outubro celebrarase un concerto para conmemorar o X aniversario do Taller Atlántico Contemporáneao (TAC). No marco do Festival Cineuropa, a orquestra porá a banda sonora ao filme mudo The kid (1921) de Charles Chaplin, coa música orquestrada polo mestre Timothy Brock, que ademais dirixirá o concerto. Nesta temporada poderemos volver gozar dunha serie de concertos para piano dentro do Ciclo Ángel Brage, así como unha nova visita á cidade da Orquestra Sinfónica de Galicia.

En coprodución con Amigos da Ópera de Santiago, a RFG ofrecerá a ópera Orfeo e Eurídice xunto ás mezzosopranos Olga Syniakova e Beatriz de Sousa, a soprano Alicia Amo e o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia. Tamén en colaboración con Amigos da Ópera, no Nadal realizaranse tres concertos homenaxe ao musicólogo José López Calo -que falecía o pasado mes de maio-, en Santiago, Ferrol e Ourense, coa soprano Francesca Aspromonte. Ao longo da temporada acompañarán á orquestra outras grandes voces líricas como a soprano Marina Pardo e o tenor Andeka Gorrotxategi, na Canción da Terra de Mahler.

Para conmemorar o 25º aniversario da Real Filharmonía de Galicia, haberá un concerto especial no mes de marzo só para os abonados da temporada pasada.

Encargos en apoio dos novos compositores galegos e estreas
Durante a temporada a RFG realizará varias estreas, mantendo así o seu compromiso coa creación contemporánea e o apoio a novos compositores galegos. Ademais da obra de Eduardo Soutullo, presentaranse por primeira vez ante o público pezas de Aaron Siebert-Castiñeira, Sofía Oriana Infante e Antón Alcalde, escritas por encargo da Real Filharmonía de Galicia e que celebran aspectos da tradición xacobea.

Ademais, soarán obras por primeira vez en España das compositoras Anna Clyne, Missy Mazzoli e Sofia Gubaidulina; e dos compositores Brett Dean, Fazil Say e Christian Lindberg -neste último caso trátase dun encargo conxunto da RFG, a Orquestra Sinfónica de Bilkent e a Orquestra de Cámara Sueca-.

Grandes batutas e solistas de renome nacional e internacional
O director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel, realizará un total de 9 programas esta temporada e Joana Carneiro estrearase como principal directora invitada da RFG. Ademais, á fronte da orquestra poranse outros grandes mestres nacionais e internacionais. Debutarán Pablo Devigo, Jan Willem, Felix Mildenberger, Nuno Coelho e as directoras Marzena Diakun e Nodoka Okisawa. Repetirán visita Jonathan Webb -principal director invitado ata a temporada 2019/2020-, Timothy Brock, Enrico Onofri, Jan Wierzba, Lars Vogt e Wayne Marshall.

Entre os solistas convidados destacan figuras como os pianistas Lars Vogt, Wayne Marshall, Fazil Say e Sofya Melikyan; os violinistas Matthieu Arama, Ellinor D´Melon e Teimuraz Janikashvili; e o trompetista Pacho Flores. Ademais, tocarán como solistas o concertino da RFG, James Dahlgren; o contrabaixo principal, Carlos Méndez; e o principal frautista, Laurent Blaiteau.

A RFG nas cidades galegas
Como cada ano, a RFG estenderá as Emocións Naturais a toda Galicia, con 18 concertos: 8 en Vigo, 4 en Ferrol, 2 en Ourense e Lugo e 1 en Pontevedra e na Coruña. Faranse en colaboración coas Sociedades Filharmónicas de Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra e tamén Afundación, o Concello e a Deputación de Ourense, e a Sinfónica de Galicia.

As entradas
Dadas as circunstancias cambiantes da situación provocada pola COVID-19 e as posibles restricións de aforos, as condicións de acceso e venda de entradas teñen un carácter especial esta temporada. O aforo máximo do que se disporá no Auditorio de Galicia será do 50% das localidades, sempre que non exista unha orde que o limite, o que fai inviable a venda dos abonos.

As entradas poranse á venda de xeito individualizado o luns de cada semana a través do portal compostelacultura.gal. Existirá un período de compra preferente para os abonados da temporada 2919-2020, os luns e os martes, con desconto sobre o prezo xeral. Os mércores e xoves poranse á venda as entradas restantes. Para os concertos onde se limite o aforo a 60 persoas non existirá o período de reserva preferente e os abonados poderán seguir o concerto en directo vía internet, para o que se lles enviará un código.