fbpx
666rpmGalicia

A nova Lei de Espectáculos de Galicia, que entrará en vigor o próximo día 2 de xullo, determinará o futuro cultural da nosa cidade e dos nosos artistas

Por César Varela de Historia do Rock Compostelán

Ramón Orencio, Xabier Mera e Valentín Caamaño, membros e portavoces de Músicos ao Vivo Sección Compostela. Foto: César Varela

O pasado martes 23 de maio, a Sección Compostela de Músicos ao Vivo, convocounos a unha rolda de prensa na Libraría Couceiro de Compostela, na cal nos informaron aos medios asistentes, da situación actual na que nos atopamos, derivada do novo marco legal que imposibilita as actuacións ao vivo na cidade de Santiago e, polo tanto, o seu traballo, coas importantes implicacións económicas que isto representa para eles, así como para a vida cultural de Compostela. O seu obxetivo é facer visible a súa postura e facer valer a súa voz, aínda non tida en conta, como parte central afectada pola problemática ao redor da música ao vivo na nosa cidade, así como facer e un chamamento e ofrecer as súas achegas ás partes e institucións implicadas, tanto locais como autonómicas, para resolver canto antes esta situación. E por último, poñer de relevo as condicións laborais e profesionais que arrastra o seu sector, que consideran deben ser resoltas e tidas en conta na concreción da nova lexislación sobre espectáculos.

A Sección Compostela de Músicas ao Vivo representa na cidade de Santiago de Compostela a un numeroso colectivo profesional de intérpretes de música en directo que, dacordo co último censo oficial Compostela é Música, vese plasmado en case que 200 formacións que regularmente desenvolven o seu traballo na cidade. Do mesmo xeito, Músicas ao Vivo, da cal Sección Compostela forma parte, é a asociación referente en Galicia e con maior representatividade no mesmo sector, que leva loitando desde o 2009 polos dereitos dos músicos e músicas deste país e a dignificación da súa profesión.

Desde o seu colectivo, solicitan á Xunta de Galicia e ao Concello de Santiago que de xeito inmediato desbloqueen a situación de indefinición legal na que actualmente se encontra a música ao vivo en Santiago de Compostela, de forma que poidan desenvolver o seu traballo de forma segura e adaptada á legalidade. Ao Concello de Santiago, que elimine na nova normativa a prohibición expresa de instrumentos de amplificación para os establecementos que actualmente figuran no grupo I da Ordenanza Municipal de Ruídos e que regule nela, de forma clara, as condicións de horarios e volume que se deben cumprir nas súas actuacións en vivo nos diferentes locais da cidade, de maneira similar á outros concellos como o de Barcelona. Asemade, fanlles un chamamento ao resto de Concellos de Galicia, para que impulsen medidas claras similares ás expostas no punto anterior, que permitan a segura mobilidade e homoxeneidade legal dentro do noso territorio á hora de desenvolver o seu traballo.

En definitiva, o seu colectivo esixe compromiso e valentía por parte das institucións implicadas, que permitan que a música ao vivo na nosa cidade sexa unha realidade que poida ser compatibilizada co descanso e o respecto a toda a cidadanía, a través dunha normativa sensible e clara, adaptada á realidade social e cultural do século XXI, propia dunha cidade moderna como é Compostela.

A Sección Compostela de Músicos ao Vivo, ante todo, considéranse (e poño a man no lume de que o son) profesionais da música, comprometidos e con vontade de aportar novos camiños e horizontes a súa profesión. Son membros de Músicos ao Vivo Sección Compostela, a primeira vertente local derivada da Asociación Músicos Ao Vivo, entidade que traballa na labor de representación de tódolos músicos de Galicia. Sendo conscientes da enorme calidade e talento dos artistas da cidade, o cal foi sempre unha constante na súa historia, buscan dar visibilidade de maneira oficial e actualizada a todo o que nace nas entrañas musicais de Santiago de Compostela, unificando e poñendo así en valor o noso gran patrimonio cultural. Cren na forza da unión e da asociación, polo que desexan crear entre todas e todos unha comunidade representativa do sector que traballe en conxunto polos seus dereitos, e que sirva así mesmo de punto de encontro para compartir toda a creatividade da nosa cidade.

Actualmente (e coido que sempre foi así), tanto en Compostela, coma no resto de Galicia e do estado español, agás Barcelona (polo que vexo), está totalmente prohibido facer calquera tipo de evento cultural (concertos, monólogos, contacontos,…) no interior de locais que non teñen licenza para exercer ditas actividades (bares, pubs), pero nos que a persar diso, levan toda a vida facéndose, e que ademais coido que son os únicos sitios onde a maioría dos músicos que traballan a nivel underground, se poden permitir actuar en directo, xa que as salas teñen outro tipo de condicións que desde logo non saen rentables á maioría dos músicos (como pagamento de alugueiro, etc…). Centrándonos na nosa cidade, Compostela, coido que na actualidade, só existen cinco locais con licenza para realizar este tipo de actividades, que son a Sala Capitol, a Sala Malatesta, o Sónar, El Retablo e o Dado Dadá. Entendo (xa que todo isto é un tanto extraño), que no exterior de calquera local hostaleiro, se poden levar a cabo ditas actividades antes mencionadas, solicitando o correspondente permiso con anterioridade ao Concello de Santiago, quen ao parecer é quen ten o control máximo sobre este terreo e levando o evento a cabo despois de recibir o correspondente permiso vía correo certificado ou notificación oficial legal. Tamén está a Cidade da Cultura, na que entendo que se pode realizar este tipo de actividades con legalidade e espazos abertos coma a Praza da Quintana, Obradoiro,… ou interiores, coma o Multiusos do Sar, ao que se derivan certo tipo de espectáculos cando a meteoroloxía non permite facelo no exterior, ou cando os espazos exteriores están xa ocupados por outro tipo de eventos.

Compostela está recoñecida mundialmente coma unha das grandes cidades culturais do planeta, e, que é a música senón cultura? A música non é ruido, a pesar de que bandas coma Sonic Youth o fixeran no seu momento, e con moita clase ademais. Por iso, se tanto presumimos de ser Picheleiros, Picholeiros ou como queirades chamalo, se tanto presumimos de ser Composteláns, de vivir en Compostela, cidade na que tiven a sorte de nacer fai mañá 44 anos, e á que amo con loucura, tanto a ela coma a súa xente e a súa cultura, non podemos permitir que o máis fermoso que ten Santiago, agonice e desapareza. Os pequenos locais onde se programaban ata hai pouco máis dun mes actividades culturais, teñen que seguir programando, como se fixo sempre. Esa xente ama a cultura, os músicos aman a cultura, todos nós tamén a amamos, ou non? Pois loitemos todos xuntos por unha cidade cultural de verdade, con sentimento, con programación diaria nos locais, tanto do casco vello como da zona nova. Non deixemos que nos quiten o máis importante que ten a nosa cidade, ademais da súa historia e o seu patrimonio. A cultura tamén é patrimonio. Apoiemos aos artistas e aos hostaleiros que valoran e aman a cultura do país, para que poidan desenvolver o seu traballo legalmente e nunhas condicións dignas. Facilitemos a cultura, fagamos cultura. Que non só encher o bandullo é cultura, que tamén o é, pero alimentar o cerebro musical e culturalmente, tamén. Non multemos a cultura, nin xoguemos co posto de traballo de ninguén, que xa está todo moi mal desgraciadamente. Facilitemos as cousas, polo ben da humanidade e dos nosos fillos. Deixemos que os bares reproduzan música desde os seus altofalantes a un nivel que non moleste a ninguén. Non fagamos ruído! Respectémonos uns aos outros. Establezamos uns horarios para a cultura, sen molestar á cidadanía que está no seu dereito de descansar. Non berremos nas rúas pola noite con catro copas ao lombo. Se queremos ser respectados, temos que respectar. Haxa bo rollo, polo ben da cultura xeral. Deixémonos de envexas, intereses políticos e monetarios e defendamos a cultura do noso país, da nosa cidade, con cabeciña, diálogo e sobre todo con corazón e intelixencia. Levémonos ben, por favor, que non custa nada e ademais é gratis. Longa vida aos músicos, artistas, á cultura muldial e á compostelá en particular. Desfrutade e sede felices.