A nova dama da música americana, Nikki Lane, gran estrela do IX Outono Códax Festival

Nikki Lane.

As estadounidenses Kim Lenz, recoñecida mundialmente como a raíña do rockabilly, e Nikki Lane, a nova dama da denominada música americana, serán as encargadas de abrir e pechar, respectivamente, os concertos grandes do Outono Códax Festival 2019, o festival galego de música negra que presentou hoxe en Santiago a súa novena edición na Sala Riquela.

Así pois, e un ano máis baixo o patrocinio de Martín Códax e coa colaboración de Pousadas de Compostela, o festival impulsado por Raíña Productions e A Reixa achegará a Galicia o mellor do xénero con cinco citas en Santiago de Compostela (15 e 19 de outubro; 9 e 29 de novembro, e 1 de decembro), nas que volve xuntar os sons máis selectos do rhythm&blues, o soul e o rock´n roll clásico a través dunha coidada programación na que, fiel á súa filosofía, inclúe a participación de artistas e bandas de referencia internacional, destacados nomes da escena estatal e algunhas das formacións galegas máis relevantes ou emerxentes do panorama actual.

De feito, e exceptuando ás bandas galegas, nesta edición 2019 –que terá como é habitual sede principal na Sala Capitol, á que se suman tamén o Riquela Club e este ano o Flamingo–, o cartel será integramente inédito en Galicia, reafirmando unha vez máis o compromiso do Outono Códax por facilitar o acceso dos fans do xénero aos directos de artistas de renome que dificilmente chegan aos escenarios galegos e que, como é o caso, ata o de agora non actuaron na nosa comunidade.

Martín Calviño e Javier Freire, de Raíña Productions e A Reixa, xunto con María Garrido, de Bodegas Martín Códax.

PROGRAMA

HELEN AND SHANA (Galicia) | 15 Outubro (Flamingo). Acceso libre ata completar aforo.

Formación galega que iniciou a súa andaina como dúo en 2013 e que chega ao festival reforzando a súa proposta musical xa como cuarteto para presentar o seu novo traballo (“Tempo”), no que recollen influencias procedentes de distintas culturas, con letras en inglés, galego, portugués e español.

KIM LENZ (Estados Unidos) + THE RHUM RUNNERS (Francia) | 19 Outubro (Sala Capitol).

Coa súa actuación no Outono Códax, que pechará a súa xira española, a californiana Kim Lenz visitará por primeira vez Galicia para presentar as cancións do seu quinto álbum, o recentemente publicado “Slowly Speeding”, un disco no que mestura xéneros como o blues e o country, sen esquecer nunca o rockabilly.

Este mesmo sábado tamén subirán ao escenario da Capitol The Rhum Runners, seis músicos portentosos que mesturan rock´n roll cos grooves asiáticos e caribeños, facendo de cada un dos seus directos unha festa prodixiosa de alta voltaxe.

THE REVEREND SHAWN AMOS (EEUU) + LOS TORONTOS (España) | 9 Novembro (Sala Capitol).

The Reverend Shawn Amos chega por primeira vez a Galicia no marco do festival co seu contundente e emocional directo, unha viaxe a tempos pretéritos, a unha tenda de campaña evanxélica chea de fe enerxética lista para converter aos máis obstinados coa mensaxe do “Reverendo”, cargado sempre dun blues fondamente alegre e de melodías que farán bailar a todas e todos os fans do Outono Códax.

Tamén actuará o combo barcelonés, arxentino e canadiense Los Torontos, que aterrarán cun dos seus frenéticos directos cheos de rock´n roll, frat rock, surf music e pop dos anos 60.

ANDREW COMBS | 29 Novembro (Riquela Club). Acceso libre ata completar aforo. 

O norteamericano chega para presentar o seu último disco “Ideal Man”, no que amosa a súa versatilidade deixando a un lado o seu característico son acústico en favor dos sintetizadores atmosféricos e as guitarras eléctricas distorsionadas, con influencias do rock psicodélico, o soul e o funk clásicos ou o rhythm&blues.

NIKKI LANE (USA) + THE FABULOUS RESACA BROTHERS (Galicia) | 1 Decembro (Sala Capitol).

Considerada a nova dama da denominada música americana (ou country rock), Nikki Lane chegará por primeira vez a Galicia para pechar a súa xira española. O son de Lane caracterízase pola facilidade que ten para mesturar diferentes estilos, nos que combina potentes letras con guitarras típicas do blues e o country pop dos 60. A norteamericana ultima agora o seu cuarto disco de estudio (previsto para primeiros de 2020), onde amosará todo o aprendido durante a súa estancia en Nashville, cidade que considera o seu fogar.

Previamente á actuación de Nikki Lane, os galegos The Fabulous Resaca Brothers quentarán a Sala Capitol co seu blues eléctrico, cheo de pegada e descaro.

Outras actividades

O festival galego de música negra completará a súa proposta musical con distintas actividades paralelas, polo que nesta novena edición inclúe na súa programación un miniciclo de charlas-coloquio que se abrirá o sábado, 19 de outubro (11,30 h, Riquela Club) con tres dos grandes espadas da xornalismo musical en España: Toni Castarnado (MondoSonoro, Ruta 66, El País, Cadena Ser), Alfonso Cardenal (director de “Sofá Sonoro”, Cadena Ser) e Fernando Navarro (responsable de Música no diario El País). Os tres críticos abordarán a evolución dos xéneros soul e rockabilly nunha mesa denominada “Soul e rockabilly: da cruzada dos anos 50 ao rexurdir do século XXI”.

Ao remate do debate celebrarase unha das sesións out do festival (pequenos concertos gratuítos cos que o Outono Códax quere obsequiar ao seu público), neste caso protagonizada por Midnight Boozers, nova banda residente do Riquela, con repertorio de rock´n roll e soul clásicos.

Coincidindo con este primeiro coloquio, abrirase no mesmo espazo a exposición “Sanmasville: rarezas e misceláneas de DJ Sanma», na que se recolle parte da colección persoal de rarezas que o DJ galego leva coleccionando dende a súa infancia e que inclúe curiosas e valiosas pezas de música, cine, fotografía, deseño gráfico e arte da cultura underground americana dos 60. A mostra permanecerá aberta no propio Riquela Club ate o 25 de outubro.

O sábado 9 de novembro (11,30 h, tamén no Riquela) celebrarase unha segunda charlacoloquio, neste caso co músico e historiador compostelán Alfonso Espiño, quen repasará co público asistente a historia da música moderna en Compostela. Espiño realizou unha extensa investigación ao respecto na súa tese universitaria “Beat, pop e rock en Santiago de Compostela (1954-1978)”.

Á mostra e aos coloquios uniranse como en cada edición as xa tradicionais allnighters do Outono Códax, “pinchadas” ao final de cada concerto con algúns dos DJ máis coñecidos do xénero.

Entradas

O Outono Códax 2019 manterá os prezos da súa anterior edición, cun custe para as entradas individuais de 20 euros (+gastos) en venda anticipada e 24 euros en taquilla (no caso dos tres concertos na Sala Capitol; os de formato de proximidade no Riquela e no Flamingo serán de acceso libre, ate esgotar aforo) e un bono a 40 euros para os tres concertos da Capitol (+gastos, en venda anticipada durante o mes de setembro) e a 48 euros (+gastos, a partir do 1 de outubro).

O público interesado en adquirir as súas entradas e bonos en venda anticipada poderá facelo xa en: A Reixa Tenda-Matrioska (Santiago), Honky Tonk e Discos Elepé (Vigo), Rockbox (A Coruña), Peggy Records (Ourense) e a través das plataformas electrónicas www.ataquilla.com e www.salacapitol.com (os menores de idade poderán acceder ao ciclo acompañados dunha persoa adulta).

De igual xeito, e como nas súas anteriores edicións, o Outono Códax porá en circulación a próxima semana o denominado «Rock´nporte», un «pasaporte» directo e gratuíto aos concertos para aquelas persoas que realicen consumicións ou compras nos case 100 establecementos hostaleiros e comerciais que colaboran co festival.