fbpx

A hostalaría galega reclama en Compostela un rescate que evite a morte do sector

Foto: Iván Barreiro

A hostalaría galega volveu saír á rúa hoxe para reclamar un plan de rescate xa e a protección do emprego no sector. A mobilización, convocada pola Asociación Hostalaría Compostela, partiu ás 10:15 horas do aparcamento de Santa Marta, onde recibiron aos compañeiros e compañeiras de HOEMPO (Asociación de Hostaleiros de Pontevedra, Poio e Marín) que viñeron camiñando desde Pontevedra ata o Milladoiro (Ames) o día anterior. Medio millar de persoas e un cento de vehículos de empresas distribuidoras e provedoras, segundo a organización, participaron na manifestación.

A marcha dirixiuse aos edificios administrativos da Xunta en San Caetano onde reclamaron ao Goberno galego liderar, xunto co sector, ante as administracións competentes as medidas do Plan de Rescate que a hostalaría presentou en novembro. Ademais, sinalaron que é necesaria unha “urxente liquidez en forma de indemnizacións”, non axudas, para evitar a desaparición de miles de empresas e, en consecuencia, a perda de miles de postos de traballo. “Sabemos que non son eles os culpables da pandemia, pero son os responsables de buscar unha solución a esta problemática que está acabando cos nosos negocios e co conxunto da economía galega”, aseguraron.

Así mesmo, sinalaron que urxe que as administracións se poñan de acordo xa sobre o instrumento máis áxil para rescatar a un sector que, «vítima das loitas partidistas, está ao borde da quebra».

Federación galega

Hostalaría Compostela deu as grazas aos compañeiros e compañeiras doutras zonas de Galicia que acudiron á concentración animándoos a formar parte da futura Federación da Hostalaría Galega que porá en marcha a Plataforma en defensa do sector, promovida pola entidade compostelá, HOEMPO e ShOStalaría da Coruña; e que xa conta co apoio de máis dunha vintena de entidades de todo o país.

O novo organismo pretende ser un instrumento áxil, unido, amplo e plural, que defenda os intereses comúns do sector e sirva de representación ante as administracións encargadas da xestión da pandemia, nomeadamente ante a Xunta de Galicia; «que ata agora estase a reunir tan só con entidades pouco exixentes co Goberno galego», asegurou a asociación compostelá.

FOTOS: IVÁN BARREIRO