fbpx
CompostelaEntrevistas

A Horta do Obradoiro, un recuncho verde para estar coma na casa dos avós

O xardín de A Horta do Obradoiro. Foto: Iván Barreiro.
O xardín de A Horta do Obradoiro. Foto: Iván Barreiro.

A Horta do Obradoiro é deses rincóns en Compostela que sorprenden ao visitante por ser un recuncho de paz en plena zona vella. Esta casa de 1690 reconvertida polos cociñeiros Kike Piñeiro e Eloy Cancela, alberga o que eles chaman unha “pequena aldea”, un xardín traseiro recuperado por eles mesmos onde o visitante pode gozar de flores, paz e tranquilidade na súa sobremesa, como se regresara á “casa dos avós”,  tras unha saborosa comida no propio restaurante, que conta con dos espazos para comer, un deles un invernadoiro.

Eloy e Kike contánnos máis segredos deste recanto verde de Compostela. Pero que é a “pequena aldea”? “É unha horta traseira que nós mesmos recuperamos. Dámoslle mimos para que floreza no verán. Plantamos flores como xeranios, hortensias e mesmo temos unha pequena horta”, din eles. Aínda non serven aos clientes o que cultivan, pero todo chegará.

“Saes e non te podes imaxinar que estás no centro histórico de Santiago. Queremos transmitir un sitio de relax para gozar, onde se pare o tempo. Hoxe en día o maior luxo é ter un espazo natural, máis que cousas materiais megacaras”, afirma Kike.

“As sobremesas poden ser longas entón, non si?”, pregunto. “Si, como non pechamos pola tarde, cada un decide o tempo que está de sobremesa. Ese aliciente fideliza ós clientes xa que saben que veñen e, ao rematar, poden saír á pequena aldea a tomar un café ou unha copa o rato que consideren”, explica Kike. “Mesmo veñen á sobremesa clientes doutros restaurantes. Non queremos ser un bar pero si unha especie de parque atendido”, comenta Eloy.

De feito, ao estar o restaurante un pouco afastado do maior rebumbio turístico, cada vez máis composteláns optan pola pequena aldea para desconectar un rato. É como ir á casa dos avós. “Temos a pequena aldea como un segredo. Os turistas son benvidos pero queremos que sexa un sitio de Compos”, di Eloy.

E hai diferencias entre o cliente do inverno é o do verán? “Por sorte traballamos con moito cliente local. Agora en verán notamos afluencia de turistas a primeira hora, pero nos horarios normais segue sendo o cliente habitual. Temos xa unha boa canteira de clientes que van repetindo”, conta Eloy.

“Ao cliente temos que darlle un porque de vir. Aparte da comida rica, equipo amable ou  espazo que encaixe, a horta é algo que nos diferencia. Hai locais con espazos semellantes pero destas dimensións e no centro de Santiago, moi pouquiños”, engade Kike.  “Damos un plus á xente que nos visita”, di Eloy, que se une aos outros puntos fortes do restaurante: bo produto a prezo razonable. 

O invernadoiro. Foto: Iván Barreiro.
O invernadoiro. Foto: Iván Barreiro.

Tres espazos

O xardín está destinado á sobremesa. Para comer, o local conta con dous espazos, un deles un invernadoiro, que resulta un dos atractivos do restaurante. Permite aos visitantes comer con luz natural á par que resgardados, o cal é importante nun lugar coa especial climatoloxía de Galicia.

“O espazo do restaurante é alargado e a medida que camiñas descobres cousas novas”, recorda Eloy; o comedor interior cunha barra de madeira en vivo e uns tallos cos asentos de prato de polbo; o colorido invernadoiro a base de branco e verde, e “a guinda final”, como che chama Eloy: a horta, onde se fai a sobremesa.

Kike recalca que na horta non buscan meter “canta máis xente mellor, senon canta máis xente cómoda, mellor”. Queren que haxa intimidade e por iso non colocan todas as mesas que realmente caberían. “Non queremos converter esto en Disneyworld”.

Ademais, non poñen sombrillas, aproveitan a sombra natural das propias árbores. “Se alguén nos pide colocar a mesa debaixo do limoeiro, a colocamos. Buscamos esa filosofía”, remacha Kike.

Foto: Iván Barreiro
Foto: Iván Barreiro

Cociña de verán

Neste verán apostan por “cousas frescas, pratos con elementos vexetais”, responde Kike, ademáis dos “clásicos”, di Eloy.

“Vemos os pratos máis vendidos e os adaptamos á tempada. A carta vai medrando a medida que nós facemos probas. Apostamos por unha cociña sinxela, natural e tradicional”, comentan.

Compran diariamente en dúas lonxas e no mercado. A maior parte do que traen é de produtores locais e produtos de tempada.

Balance

Destes tres anos de vida (o restaurante abriu en 2015), Eloy di que están “moi agradecidos. O balance é positivo”.

“Estamos agradecidos a toda a xente que nos deu unha oportunidade”, recalca Kike. “Sempre intentamos facelo o mellor posible, dando pasiños xa que este local non é fácil de amarrar. Necesita de moito traballo xa que é un local vivo por atoparse en plena natureza”.

Os gatos pasando por enriba da cuberta do invernadoiro dan fe do traballo constante que supón o restaurante. “É un local normal máis ó engadido de ter un espazo natural”, explica Kike.

Para finalizar, Kike di con ilusión que “estamos gozando e con moitas ganas”. Sería o resumo da experiencia destes tres anos. E o que queda por vir…