fbpx
A gorida do artistaCompostela

A Gorida de Zamo Tamay

Por Os Catro Gatos 

Arte e complicidade na Rúa Nova de Compostela.

A arte como proceso de estímulo reflexivo.

A arte como reinvención e xerador de emoción.

A arte como necesidade e experiencia vital.

Zamo Tamay, no seu estudo. Foto: Delio Sánchez
Zamo Tamay, no seu estudo. Foto: Delio Sánchez

ZAMO TAMAY é nado en Colombia e cidadán compostelán dende hai vintecinco anos.

A súa cadencia no falar delata a súa orixe, pero cando entramos en conversación é un galego máis que nos mostra a querenza por Compostela.

Con exquisita afabilidade ábrenos as portas do seu espazo de arte, a súa gorida, onde ademais de traballar, ofrece ao público unha ampla mostra de obras de artesáns e artistas, ademais da súa propia creación.

É moi doado conversar con Zamo, a súa cabeza vai moi de présa, as ideas xorden e exprésaas cunha soltura que nos deixa sen preguntas, non son necesarias. Zamo ten a habilidade de encantar, de envolver, de seducir.

Zamo Tamay chega a Composteua nos anos noventa para participar nun Máster de Creatividade da USC, dos primeiros que se fixeron en Galicia, logo que non tiñamos aquí experiencia neste ámbito de estudo.

Cóntanos que en certo modo, foi unha fuxida da vida inmobilista, promovida pola necesidade de cambio vital a favor do benestar social contraposto ao seu benestar material.

O seu primeiro encontro con esta terra foi un frechazo, caeu no feitizo galego como el di. E tamén aquí naceu a súa filla: “Viñestes ti, fermosa galega da alma a alegrarme a vida, e xa son dezaoito anos”.

Empezou facendo un diario de viaxe que só coñecen os seus íntmos, debuxos a bolígrafo e estilográfica directamente sobre o papel.

Obra de Zamo Tamay.
Obra de Zamo Tamay.

Quería facer un rexistro da cidade, e como os seus debuxos tiñan moito éxito e non quería desfacerse dos orixinais, fixo reproducións dos seus traballos. Ao principio foron fotocopias e logo reproducións en offset que Zamo mostraba e vendía na Praza de Praterías, onde dialogaba coas xentes interesadas en coñecer o que había detrás e dentro deses debuxos.

No proceso creativo decidiu romper con algunhas das técnicas aprendidas e utilizadas ata entón, logo que en Colombia exerceu como profesor de arte, e asumir apuntes de debuxo arquitectónico, humor gráfico e outros rexistros de gusto expresionista, directamente sen bocexo previo a lapis, como un reto persoal e unha ruptura co xa experimentado.

Viviuno coma unha provocación, un exercicio de liberación do lastre do que se entende como “artista”.

Cos anos, namorouse desta tenda que hoxe rexenta, onde tiña costume de mercar os monicreques de Sandra Barros. Foron tres anos comprando monicreques, cóntanos, ata que decidiu facerse cargo deste espazo que non utilizou durante dous anos porque non sentía a necesidade de facelo, xa que estaba inmerso na súa experiencia creativa dos debuxos de Compostela traballando na rúa.

E dende iso, xa son quince anos nese espazo de arte e diálogo na Rúa Nova.

Coincidimos coa opinión de Zamo de que Compostela é unha cidade onde a efervescencia cultural é comparable a de outras grandes cidades.

E é evidente que o seu espazo, a súa gorida é, ante todo, un espazo de comunicación. O seu obxectivo é que os nosos recordos se materialicen nun debuxo, onde nós sexamos partícipes e cómplices. Por iso é que está especializado na improvisación á hora de facer unha obra personalizada ao momento. Agasallos que de seguro levaron a medio mundo os visitantes de Compostela.

Para Zamo Tamay é necesario construír para destruír. É importante ter unha formación para logo crear unha linguaxe propia. Pero non sempre unha formación académica é garantía de calidade na obra.

ZAMO TAMAY, moitas grazas. A túa gorida ule a canela, azahar e arte. Non deixedes de visitala. Está na Rúa Nova 14 de Santiago.