fbpx
A gorida do artistaGalicia

A gorida de Delio Sánchez: Camiñar sen brúxula, unha arte espontánea, rudimentaria e intuitiva

Por Os Catro Gatos

Delio, no seu estudio. Foto: Delio Sánchez
Delio, no seu estudio. Foto: Delio Sánchez

Imos ata Lestedo, ao pé do Pico Sacro, a visitar o estudo do pintor e escultor Delio Sánchez, que nos recibe amigablemente na súa gorida.

É unha casa de aldea, onde ten un taller de escultura na planta baixa e outro de pintura no segundo andar, xa dentro do seu fogar.

O seu estudio é un caos “organizado”, onde se apiñan lenzos a medio traballar e varias mesas e estanterías cheas de pinturas, acrílicos, óleos, barnices, e mesmo pinturas industriais. “Eu sei onde está cada cousa, se ordeno todo, non me dura dous días, o meu orde é o caos”, afirma.

Vemos moi diferentes estilos e motivos nas súas pinturas. Figuracións realistas e outras máis desdebuxadas, expresionismo abstracto ou abstracción pura. “O que estou a facer agora é andar sen brúxula por paisaxes abstractas, cunha pintura moi de intuición, por camiños descoñecidos, inventados, para chegar a un destino incerto dentro da obra. Nunca sei de antemán que vou facer. É un desafío saber onde parar, unha arte espontánea, rudimentaria, sen refinar. Gústame que se vexa claramente o xesto da pincelada e non me importan para nada as imperfeccións, deixar chorreóns de pintura que caen sós, outros intencionados, pero non sempre fáciles de controlar. É moi importante para min o diálogo coa obra, que ela mesma me leve polos descoñecidos camiños da abstracción”.

Esta é unha serie de paisaxe abstracta que está preparando para setembro, e que será exposta na Galería Apo’strophe de Vigo. “Moods será o título, porque cada paisaxe está afrontada con moi diferentes estados de ánimo”, sinala.

Pero non só está preparando esta exposición. En agosto estará no Coliseo Noela de Noia. “O título da expo aínda non o teño, porque vai ser unha mostra moi ecléctica. Eu nacín en Noia, son noiés, vivín alí toda a miña infancia e xuventude, pero non expusen alí máis que dúas veces, e quero levar unha serie de obra dos últimos anos que será un percorrido do expresionismo á abstracción de obras moi dispares. Un pouco o que vés por aquí no taller, paisaxes, espidos, músicos de jazz …”.

E falando de jazz e de exposicións, Delio foi tamén convidado a participar en dous encontros musicais. O primeiro será a finais de xullo en Frías (Burgos) dentro do WIM 2019. WIM é o acrónimo de What Is Music, un encontro internacional de música e artes que se celebra nesta cidade medieval durante 10 días. Haberá músicos, actrices, actores, artistas, artistas de circo e profesionais da danza de diferentes países realizando cursos e talleres de diferentes temáticas, actuando, tocando e improvisando en jam sessions e gozando de actuacións todos os días, de boa comida e mellor ambiente en convivencia artística. “Eu estarei por alí debuxando e pintando todo o que me pareza inspirador, que seguro vai ser moito, pois o jazz sempre formou parte importante da miña obra”, asegura.

E, por último, Delio participará tamén na programación Noites de Jazz de Rianxo, que será do 30 de xullo ao 2 de agosto, aínda que a exposición terá continuidade ata o día 17 na sala de exposicións do Auditorio. A mostra titúlase N.Y. Jazz e poderemos ver obras pintadas entre Galicia e New York nos últimos anos.

Como vedes será un verán movidiño para este artista do que todos poderemos gozar.