fbpx
A gorida do artistaCompostela

A gorida de Canicoba

Por Os Catro Gatos 

Tino Canicoba no seu taller. Foto: Delio Sánchez
Tino Canicoba no seu taller. Foto: Delio Sánchez

Visitamos o estudio de Tino Canicoba, en Ponteulla (Vedra). Tino non precisa presentación como artista. As súas esculturas,  recoñecibles á primeira ollada, falan por el.

Neste tempo que nos regalou xenerosamente, mostrounos un home afable, cálido e tenramente irónico, cuxa forma cercana e intelixente de contar as cousas non se pode reproducir na escrita.

Naceu en Compostela e vive entre Ponteulla (Vedra) e Vigo. Estudou  nas  Escolas de Artes de Zaragoza e de A Coruña.

Que é a arte e cal é a súa función?

A arte non ten unha determinada función práctica, non che leva de aquí para alá, non podes  vivir dentro. Partindo diso, a arte é indispensable para o ser humano, todo o mundo necesita ter arte arredor. A nivel xeral a arte é boa para a alegría e relaxo do espírito. Os artistas tratamos que a xente estea dentro desa movida artística que nos rodea.

Como descubriches a arte?

Xa dende que ía a escola os mestres solían fomentar isto, sobre todo o debuxo. Aínda que eu fun escolar do franquismo, algúns mestres ensinábannos a debuxar. Estudei en varias academias en Santiago cando preparaba o ingreso no bacharelato e sempre tiña o mesmo cadro pintado para impresionar ao mestre. E aquí na Ulla, cando viñamos a casa dos avós tallaba barquiños en cascaras de pino. Penso que aí empezou todo.

Como decidiches ser escultor?

Ben, eu pintei. Xa fai unha morea de anos, si, pintei. Empecei traballando barro que xa traballara na escola de Artes. Fixen unha pequena escultura de barro, unha muller espida, e regaleilla a miña moza Marisa, e como tivo éxito empecei a traballar escultura. Daquela vivía nun piso en Vigo, os veciños deixaron de falarme en canto empecei a facer ruído. Ao final collín un estudio en Vigo e estiven alí quince anos.

Cales son os teus referentes artísticos?

Como cando empezamos todos, onde miras é aos clásicos. Despois vas evolucionando. Tratei de non ter influenzas que me impedirán desenvolver a miña liña. Aínda que sempre bebes de algo, do que se trata é de que os demais cheguen a beber do teu.

Que importancia ten o espazo onde traballas?

O taller é importantísimo . No meu caso teño un estudo pequeno, non necesito máis. A miña escultura é de madeira , non é pesada e movela non é complicado. Son ordenado dentro dun orde, sei onde están as miñas cousas. O estudo ás veces é agradábel e outras vólvese hostil. Según como vaia o traballo e tamén do estado de ánimo. Os artistas somos un pouco neuróticos.

Tes algún ritual ou manía cando esculpes?
Son maniático e son cerebral tamén. Adoito respectar os horarios. Normalmente pola mañá empezo o traballo bastante tarde e paro para comer. Ese é un momento que hai que respectar, non esquezo comer. Despois de comer fumo un pitillo, e logo volvo traballar ata as nove ou dez.

Obra de Canicoba. Foto: Abel Pereira
Obra de Canicoba. Foto: Abel Pereira

Que condicións valoras nunha sala á hora de expoñer nela?

Normalmente miro se ten luz, se é espaciosa. As luces son moi importantes. As outras cousas  son circunstanciais.

Cal e a túa opinión sobre la interdisciplinariedade artística?

Eu non fago ese tipo de actividade. Non son interdisciplinar porque só fago escultura, pero si coñezo outra xente que o fai. Paréceme correcto aínda que eu non o faga.

Como debería ser a arte do século XXI?

Penso que a arte é cousa de cada artista, e cada un ten unha forma de ver a vida. Podes ser un artista politizado e farás arte politizada. Podes ser poeta e facer arte poética. A sociedade na que vivimos marca tamén os temas que se tratan. Falamos do que está pasando nos momentos que vivimos.

Que etapas pasaches na túa traxectoria artística?

Primeiro a etapa de pintar e logo pasei un tempo facendo mobles. Recollín a escultura ata conseguir atopar a miña liña. O importante para un artista é conseguir que se lle recoñeza ao autor sen necesidade de ver a firma. Iso leva tempo é non é doado.

Que proxectos tes agora e para o futuro próximo?

Aparte das exposicións en diferentes galerías, a exposición da Fundación A Banca en Vigo. Para o ano que ven, un intercambio de Galicia-Baviera en Alemaña.

Como te definirías como artista?

Non me gusta falar moito de min. En todo caso o que din outros, que son expresionista con influenzas do expresionismo alemán. As pezas que fago son figurativas e teñen policromía, que ao mellor é o que lles dá a impronta. As personaxes que esculpo son persoas da rúa, xente normal, como somos nós.