fbpx
CompostelaNovas

A danza toma as rúas de Compostela co IV Festival herDanza

herDanza
Presentación do festival herDanza. Foto: Concello de Santiago

O Festival herDanza alcanza a súa cuarta edición do 2 ao 7 de setembro. O evento reforza nesta nova entrega os seus obxectivos de promoción e difusión da danza da contemporánea, de fomentar o encontr0 entre profesionais do sector e de dar visibilidade aos creadores e creadoras de Galicia. E todo isto en espazos singulares da cidade, non habituais para os espectáculos de danza.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta IV edición do Festival herDanza, que durante seis días ofrecerá ofrecendo diversas actividades en torno á danza: espectáculos de rúa, formación, visionados de danza e reflexións teóricas sobre a danza. Todas as actividades son de acceso libre, coa única excepción da formación, que require inscrición previa e pago da actividade.

Rosón destacou a importancia do Festival para “dinamizar e impulsar a danza en espazos públicos”, así como o “diálogo coa cidade” que formulan as súas actividades. Ademais, valorou a variedade de propostas e de espazos, con prazas, museos e mesmo igrexas como escenarios.

Programa
Acompañaron a concelleira na rolda de prensa Leodán Rodríguez e Isabel Sánchez, responsables do festival, que foron os encargados de detallar a programación. herDanza arrincará o luns 2 de setembro na Casa do Matadoiro, cunha sesión de cata de viño e maridaxe ás 20:00 horas. Ao día seguinte, no mesmo lugar, celebrarase unha conversa sobre “Intervencións en espazos non convencionais: danza e corpo en lugares singulares”, con Merce de Rande e Bebeto Cidra.

O mércores 4, a xornada comezará pola tarde, ás 17:15 horas, coa intervención Dancentergala no CGAC, onde un cuarto de hora despois se proxectará o documental Fuera de escena e se conversará coa súa directora, Alejandra Aguirre. Logo, ás 20:00 horas, na praza de Salvador Parga, I love the microphone, un espectáculo de rúa con Rakhal Herrero. O programa do día péchase ás 21:15 horas, na Casa do Matadoiro, cunha conversa sobre “Expresionismo alemán: danza e outras expresións artísticas de principios do século XX”, con Berta Secall Pons e Rosa Marta Gómez Pato.

O xoves 5, a danza trasládase ao parque de Bonaval (19:00 h), co espectáculo Danza líquida, de Rebeca Ponte e Carlota Pérez. Ás 20:00 h, a compañía Schattenidentität representa All the world is a stage na igrexa das Ánimas. O programa da xornada complétase coa proxección ás 22:00 h, na Casa do Matadoiro, do filme Der grüne tisch (La mesa verde.

A Fundación Granell acolle o venres 6, ás 19:00 horas, o espectáculo Saída de emerxencia: sentir verde, con Milagros Bordones e Carlos Jesús García. Unha hora despois, na igrexa de Santa María Salomé, In the middle of the night, unha representación de rúa de Rebeca Carrera. E ás 22:00 horas, proxección de Tanzträume na Casa do Matadoiro.

A última xornada de herDanza, o sábado 7, terá xa pola mañá dúas propostas no Airas Nunes: a intervención Nais, de Lupe Carballo (12:45 h), e a presentación do libro Teatro físico: la revolución de las formas, con Alfonso Rivera. Pola tarde haberá tres espectáculos: Sintonía 20, da compañía Sin Papeles (18:00 h, no Museo do Pobo Galego); Mostra da residencia de creación, con Bebeto Cidra (19:00 h no CGAC); e Lloc Jox Xoc, de Santiago de la Fuente e Diego Buceta (20:00 h na praza de San Martiño Pinario).