fbpx

A cultura e a gastronomía na Compostela da ‘Era Covid’

Por Rebeca Munín e Ruth Ríos

Praza da Quintana. Foto: Iván Barreiro

Cando comezamos 2020 ningún pensabamos vivir nisto que se deu en chamar a nova normalidade. A pandemia do virus Covid-19 mudou os nosos costumes, a nosa forma de relacionarnos, moitos dos nosos traballos. Como é lóxico, a gastronomía e a cultura en Compostela –as dúas temáticas que tratamos maioritariamente en Pincha- non son alleas a unha situación que se prolongará, como mínimo, ata que haxa unha vacina. Parece unha película. Pero non o é.

Nesta reportaxe especial preguntámonos como afrontan o presente e o futuro nestes dous sectores con tanto peso na nosa cidade. Para iso falamos con cinco persoas relacionadas con eles: a presidenta da Asociación Hostalaría Compostela, Sara Santos; a xerente do Mercado de Abastos, Marta Rey; o libreiro Xosé Antón Pedreira; o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Xabier Deive; e a presidenta da Asociación Músicas ao Vivo, Xiana Lastra. E ás cinco lanzamos as tres mesmas preguntas: como ve a Compostela da ‘Era Covid-19’, se cre que acabaremos saíndo de igual xeito á rúa e que medidas propón para dinamizar a cidade.

Hai preocupación pero tamén optimismo. E, sobre todo, hai un chamamento xeneralizado á responsabilidade. Vaiamos de bares, bailemos nun concerto, gocemos dun espectáculo... pero fagámolo con máscara e un chisco máis lonxe. Non é tan complicado. Compostela meréceo. E ti tamén.

Sara Santos, no Obradoiro. Foto: Iván Barreiro
Sara Santos, no Obradoiro. Foto: Iván Barreiro

Sara Santos, presidenta da Asociación Hostalaría Compostela: “Temos que potenciar o turismo nacional e de proximidade”

Tanto o hotel que Sara Santos ten na Rúa do Vilar como a pensión coa que conta na Rúa Nova permanecen pechados e sen data aínda de apertura. En xullo comezou a traballar polas mañás coa cafetería do primeiro pero recoñece que a recuperación está sendo moi lenta. Outros moitos establecementos hoteleiros da cidade si que abriron as súas portas pero cunhas porcentaxes de ocupación que non chegan ao 30%.

A Asociación Hostalaría Compostela que preside leva desde o inicio da pandemia denunciando a preocupante situación económica que atravesa un sector, o do turismo, que supón o 20% do PIB da nosa urbe. Practicamente a totalidade dos locais tanto de hostalaría como de restauración tiveron que acollerse a un ERTE e moitos deles continúan a día de hoxe aínda pechados ou sen poder recuperar a todos os seus empregados. Unha crise sen precedentes que tamén está a afectar a outros profesionais como produtores primarios, provedores, distribuidores, etc.

As medidas hixiénicas e de distanciamento social impostas tamén dificultan o despegue duns negocios que, aínda así, non se renden. Desde o mesmo inicio do estado de alarma, Hostalaría Compostela traballou arreo para defender os intereses dos seus asociados, reclamando axudas para tratar de paliar os efectos da pandemia e propoñendo diversas actividades de dinamización da cidade.

Como ves Compostela na ‘Era COVID-19’?
Triste. As rúas antes estaban cheas de xente e agora celebramos cando vemos aos peregrinos. Desde xullo, co regreso dos voos ao aeroporto e a apertura das fronteiras, empezamos a ver máis movemento pero non é para nada o que esperabamos deste verán previo ao Ano Santo.

Cres que sairemos igual á rúa?
No noso sector o que mellor está funcionando son as terrazas. Os novos son os máis atrevidos, pero entre a xente de mediana idade aínda hai moito medo. De feito, séguense producindo cancelacións nos hoteis. Os rebrotes non nos están beneficiando nada.

Que medidas propoñedes desde o voso sector para impulsar a cidade?
Ata agora viviamos moito do turismo estranxeiro. Agora estamos intentando potenciar o turismo nacional e de proximidade. Queremos que Santiago sexa a capital turística de Galicia, que os turistas pernocten na nosa cidade e visiten desde aquí as praias e outros puntos de interese da nosa comunidade. Somos tamén un destino fantástico para o turismo familiar.

Pedreira conta na súa libraría con todas as medidas de hixiene necesarias. Foto: Iván Barreiro

Xosé Antón Pedreira, libreiro: “Hai que saír á rúa, cumprir todo os protocolos e non ter medo”

“Durante o confinamento moitas persoas descubriron a importancia da lectura, que aumenta a nosa comprensión e a nosa capacidade comunicativa e de aprendizaxe, potencia a memoria e mantennos informados. Pero tamén, e isto é moi importante, esperta as nosas emocións e a nosa imaxinación”. Son palabras da concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, durante a presentación da XXXIX Feira do Libro de Santiago de Compostela.

A nosa cidade foi a primeira de toda España en celebrar un evento así tras iniciarse a pandemia do Covid-19. Foi en xuño, no paseo central da Alameda e organizada pola Federación de Librarías de Galicia. Fixérono baixo o lema ‘Non contaxian, pero enganchan’, con todas as medidas de hixiene pertinentes e foi todo un éxito.

O público tiña que usar máscara e esperar quenda gardando a distancia de seguridade, que estaba marcada por balizas. Tamén debían desinfectar as mans con xel e os libros entregados nunca eran os expostos. Máis aló diso, a feira desenvolveuse con total normalidade. E alí estivo, como cada ano, Xosé Antón Pedreira.

O libreiro recíbenos no seu negocio, na Rúa do Home Santo, para falarnos de como afrontaron desde o seu gremio a desescalada e as medidas de protección que levan a cabo. Por exemplo, no seu caso recibiu o certificado da Cámara de Comercio que o acredita como lugar seguro, ademais de dispoñer de xeles e máscaras.

Como ves a Compostela na ‘Era Covid-19’?
Con moitas dúbidas porque non sabemos o que nos espera, pero con optimismo. De feito, a mediados de xuño fixemos en Compostela a Feira lo Libro. Fomos quen de demostrar que hai que saír á rúa e non ter medo, ter todas as proteccións e cumprir todos os protocolos. Hai que xerar confianza.

Ben é certo que no mundo da cultura o coronavirus pegou moi forte. Moitas editoras tiveron que suspender campañas de novidades que ían lanzar.

Pero eu creo que desta saímos. A xente apoiou moito ás librarías e á Feira da Libro.

Acabaremos saíndo do mesmo xeito á rúa?
Eu creo que si. Vese unha tendencia que a xente vai comprar ao comercio de proximidade. O noso resultado foi bo. Moitos teñen ganas de ler.

A xente ten que saír á rúa, e axudar a que o resto saia tamén.

Dende o voso sector, que medidas se vos ocorren para dinamizar Compostela?
Fixemos a Feira do Libro e para outubro esperamos facer a SELIC (Semana do Libro en Compostela). E toda a dinamización que poidamos facer dentro das librarías. Nós comezaremos a facer actos dentro da libraría e esperamos que os compañeiros se animen a encher de cultura Compostela porque é unha cidade especial para iso.

Xiana Lastra, na escalinata da Quintana, localización habitual de concertos en Compostela. Foto: Iván Barreiro

Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo: “É o momento de apostar polo noso”

Debido á pandemia a actividade dos músicos e músicas en Galicia viuse totalmente reducida e visibilizouse a precariedade laboral e legal coa que xa normalmente traballan. “O problema aumenta se ademais engadimos que non hai un plan de recuperación firme e que resulta imposible falar de prazos para a recuperación. Estamos a velas vir”, sinala a presidenta de Músicas ao Vivo, Xiana Lastra.

Desde a súa entidade levan meses de traballo moi intensos, reuníndose con outros colectivos para facer forza e reivindicando, entre outras cousas, modificacións nas medidas de prevención da crise sanitaria aprobadas pola Xunta. “En moitos casos parécennos excesivas e un sensentido que deixa de manifesto unha vez máis o completo descoñecemento que hai do traballo no noso sector”, apunta. Refírense, por exemplo, á pouca claridade no uso de máscaras por parte dos instrumentistas ou ás dificultades para os ensaios dos coros.

Por mor do estado de alarma, a entidade viuse tamén na obriga de aprazar a gala de entrega dos Premios Martín Códax da Música, que se celebrará finalmente o 21 de outubro en Pontevedra.

A Banda da Loba, o grupo no que Xiana é cantante, foi un dos que actuou na Praza da Quintana nas pasadas Festas do Apóstolo. Foron uns festexos diferentes, con capacidade reducida, reservas previas e unha importante aposta polos artistas locais e de proximidade. Un feito que valoran moito desde a asociación Músicas ao Vivo que preside.

Como ves Compostela nesta Era COVID-19?
Polo momento percibo bastante responsabilidade na maioría da xente e bo ambiente. O que me dá medo é a chegada do turismo desde o mes de xullo. Se houbera un novo confinamento suporía outro paso atrás e unha volta á actividade cero dos pasados meses, coa gran crise económica que iso conleva.

Cres que sairemos igual á rúa? O público responderá, irá aos concertos?
Aínda é pronto para sabelo pero as primeiras experiencias vividas parece que son positivas a todos os niveis.

Pensamos que a xente valora a cultura, no sentido de que a consume a todas horas. O que temos que conseguir é valorizala, que sexa algo a ter en conta e polo que pagar porque se valora o traballo que hai detrás.

Que medidas propoñedes desde o voso sector para impulsar a cidade?
Que se fagan a maior cantidade de actividades posibles respectando os protocolos de seguridade e incentivando a participación de grupos galegos en vez dos foráneos. É o momento de apostar polo noso.

Marta Rey, nunha das entradas das naves do Mercado de Abastos. Foto: Iván Barreiro

Marta Rey, xerente da Praza de Abastos: “Debemos concienciar á xente para mercar no pequeno comercio”

Marta Rey fálanos do importante papel de abastecemento á cidadanía que cumpriu a Praza durante o confinamento, tanto na súa localización na Zona Vella compostelá como co seu servizo de entrega á domicilio, que tivo que multiplicar as horas de reparto para atender toda a demanda. O Mercado de Abastos puido permanecer aberto durante todo o estado de alarma -non así a Nave5 onde se atopan os locais de restauración – e para elo, implantáronse unha serie de medidas de protección como o aforo limitado, a instalación de sinais no chan para garantir a distancia física entre comerciantes e clientes e o uso de máscaras e xeles desinfectantes.

Un dos centros neurálxicos da cidade, e o segundo lugar máis visitado trala Catedral, viviu uns meses sen turistas pero con longas colas para adquirir os seus produtos frescos desde primeira hora da mañá. Pouco a pouco a situación foi normalizándose e hoxe, aínda que seguen aplicando as medidas hixiénico-sanitarias e de distanciamento social pertinentes, o ambiente parécese cada vez máis ao que existía na Praza antes do Covid.

Como ves Compostela na ‘Era COVID-19’?
Véxoa consciente do problema. Gustaríame que Compostela fose coidadosa coas normas de protección para evitar un rebrote porque para a cidade non sería nada bo.

No momento realmente difícil da pandemia o comercio pequeno é o que estivo abastecendo de todo aos composteláns. A Praza de Abastos intentou fornecer a todas as casas nos primeiros momentos. A xente ía comprar ás tendas de barrio. Espero que os clientes sigan comprando no comercio local, nesas tendas de barrio de toda a vida. Gustaríame que as persoas vexan que os que o están pasando peor son os pequenos. Iso enriquece á cidade. Santiago son os pequenos autónomos.

Cres que sairemos igual á rúa?
Si, somos moi valentes. Pero hai de todo. Hai o que desinfecta a chave despois de pulsar con ela no ascensor, e hai o que non entende que temos que ter aforo limitado no Mercado. Temos que ser conscientes de que é un problema a nivel global. Canto máis poñamos da nosa parte, mellor sairemos parados.

Que medidas propoñedes desde o voso sector para impulsar a cidade?
Creo que o Concello debería facer unha campaña de concienciación á xente para que compre no comercio local, porque en Santiago están pechando moitas tendas. E dar facilidades para as aperturas. E tamén intentar concienciar da importancia de ter unha boa estrutura de comercio pequeno.

Xabier Deive, na entrada do Auditorio de Galicia. Foto: Iván Barreiro

Xabier Deive, presidente da AAAG: “Todos queremos volver aos escenarios pero o perigo está aí”

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) lanzaba hai un mes un comunicado alertando de que o regreso á actividade do seu sector estábase levando a cabo sen garantías hixiénico-sanitarias. A entidade lamentaba que as medidas de protección estábanse enfocando só no público, sendo moi escasa a previsión para reducir os riscos de contaxio entre os equipos artísticos que soben a escena. “No audiovisual si que se están a facer test de Covid, pero non no teatro, cando é unha actividade con contacto, coma o deporte. Nós consideramos que se debería extremar a precaución”, opina Xabier Deive, o seu presidente.

Este 2020 presentábase como un fantástico ano de traballo para el, coa aparición en series de televisión de éxito como ‘Serramoura’ ou ‘Neboa’ e a próxima estrea de ‘Libertad’, dirixida por Enrique Urbizu para Movistar+. Pero chegou o confinamento e con el o parón total da actividade artística. “Afectounos terriblemente. Agora estase intentando retomar pero houbo moitas cancelacións. Todos queremos volver aos escenarios, pero o perigo está aí. A situación é complicada. Si que hai algún festival, algunha actuación, algunha estrea de teatro, no audiovisual estase facendo algunha serie... Pero son poucas. Non ten absolutamente nada que ver cun ano normal en Galicia, que ultimamente era un plató enteiro”, afirma. “Nós estamos afeitos a que o noso oficio non sexa fixo pero se non funcionaba algo, probaba por acolá... Agora non é así. Moi poucos actores están podendo ter un soldo”, lamenta.

Como ves esta Compostela na ‘Era Covid-19’?
Para o meu gusto está lánguida. Estamos afeitos a ver xente, estudantes, turistas pola rúa... con toda a vida que ten a cidade e iso agora non está igual. Está remontando algo pero falta esa alegría. 

Cres que sairemos igual á rúa?
Supoño que como todo, irá por casas. A xente está en xeral bastante contida. Pero tamén hai cousas que me sorprenden. Onte vin pasar o tren turístico e sorprendeume que ía cunha boa entrada porque no meu entorno, a xente que coñezo, non está facendo a vida social de antes.

Que medidas propoñedes desde o voso sector para impulsar a cidade?
Xa non como presidente da AAAG pero si como Xabier podo dicirche que me gustaría que houbera máis actuacións de preto, estes festivais que se fan de rúa, que congregan pouca xente, nas que se poden manter distancias... Espectáculos de pequeno formato, tanto musicais como teatrais. Retomar un pouco as rúas e poder gozar dun espectáculo ao aire libre estaría moi ben.