fbpx
A CoruñaGastronomíaNovas

A Coruña ‘foodie’

Claudia (@lagula_gourmet) e Carlota (@carlotafarina), almorzando en Vazva. Foto: Iván Barreiro

‘Foodie’ é unha palabra inglesa que describe a aquelas persoas que teñen un interese especial pola comida e a bebida e comparten a través das redes sociais as súas visitas a bares, cafeterías e restaurantes. Pero o termo é máis antigo do que puideras pensar! Foron Paul Levy e Ann Bar os primeiros en utilizalo no seu libro ‘The Official Foodie Handbook’ (Manual oficial para foodies), publicado no 1984. 

No amplo universo ‘foodie’ que atopamos en instagram contamos con moitos coruñeses e coruñesas que nos ofrecen un variado contido de fotografías, vídeos, opinións e recomendacións sobre a oferta hostaleira da cidade e os seus arredores. Desde @castigadaconsalir (con preto de 7000 seguidores) ou @coruna_a_bocados (con máis de 7500) ata @lolaframbuesa (con máis de 104 mil). E, ademais, con moi bo rollo entre todos! “Coincidimos en varias comidas e incluso temos quedado nós pola nosa conta”, confesa Claudia Queiruga, de @lagula_gourmet (con máis de 6000 seguidores). 

Reunímonos con ela na cafetería sostible que abriu a marca de roupa Vazva no Paseo Marítimo. “Gústanme moito os valores que promoven, con produto caseiro, saudable e cun concepto moi na defensa do medio ambiente”, explica. E, ademais, encántanlle os seus almorzos. Desta vez pide unha tosta de aguacate e un bowl de froitas. “Como moitísimo! A xente asústase cando ve o que tomo. Como por tres persoas. Sempre que vou aos sitios a xente dime: estás pedindo moito, é demasiado… E eu digo: ti tráemo! (risos)”. De aí o nome que elixiu para o seu perfil: “A gula é o meu pecado capital!”. 

Tan só cun café con leite confórmase a súa colega foodie Carlota Fariña (@carlotafarina con máis de 10 mil seguidores en instagram), que leva nisto das redes desde o 2014, creando contido gastronómico, de receitas, viaxes e lifestyle. Ela, que estudou xornalismo e se dedica ao márketing, fálanos do concepto dos microinfluencers, que son aqueles usuarios que teñen un alcance máis reducido (normalmente, entre 500 e 10.000 ‘followers’ nos seus perfís), pero que a cambio contan cunha gran credibilidade ao redor dunha temática moi concreta. “Eu non vivo só desta conta, pero si que me propoñen colaboracións que supoñen un extra. É moi variable porque nunca sabes cando te van chamar. E non acepto calquera cousa, se non ten que ver co meu contido ou non me gusta, non o fago”, explica. 

Pola súa banda, Claudia meteuse neste mundo sen formación en redes sociais nin en fotografía. “Durante o confinamento empecei a cambiar a miña alimentación e a interesarme pola nutrición. Cando puidemos saír da casa, encantábame probar sitios novos, sacarlle fotos ás comidas… E empecei a saturar un pouco a miña conta persoal. Entón pensei en abrir un perfil só para a comida. Fíxeno como un diario para min porque quería ter todo gardado, ver o que me gustara de cada sitio… En ningún momento pensei que me fora a seguir xente. Pero pasou súper rápido, a verdade”, recorda. Formada en Educación Infantil, foi a raíz deste momento cando comezou a mirar cursos de community manager. E hoxe en día, aínda que traballa nun cole, grazas á @lagula_gourmet xurdíronlle outras oportunidades laborais xestionando as redes sociais dalgúns locais da cidade. Vese entón vivindo só disto algún día? “Non, non me parece algo seguro a longo prazo. Fágoo porque me gusta. Desfruto moitísimo e mentres dure, aproveitareino”. 

Juan, de @elhambreconlasganasdebeber Foto: Iván Barreiro

Mantendo o anonimato

Juan é a persoa que está detrás de @elhambreconlasganasdebeber, que conta actualmente con máis de 26,6 mil seguidores en instagram. “Hai uns anos decidín empezar a compartir os locais aos que ía porque me gustaba moito ir de tapas, de vermús, de rutas gastronómicas… A primeira foto é do Nadal do 2015 e foi por ter un rexistro propio. Foise facendo pouco a pouco unha bóla que non esperaba e, por iso, sempre tratei de manter a privacidade, sen mesturalo coa miña vida persoal”, conta mentres probamos en Yema a súa nova proposta de polo ao curry, aguacate e chadney de piña e mostaza, con ovo escalfado sobre pan brioche que incorporaron ao novo menú brunch das fins de semana. “Eu son fan dos ovos, así que con iso xa me gana. Creo que é un prato moi ben equilibrado, que ten un montón de sabores e está moi rico. A min gústame moito Yema porque realmente fai cousas diferentes. Veño ás veces a almorzar ou a tomar algo e sempre comín moi ben”, opina.

O seu traballo nada ten que ver coa hostalaría. O amor pola gastronomía vén polo seu pai. “El viaxou por medio mundo e, cando eu era pequeno, se ía a Holanda, traíame queixos de alá. Se ía a Rusia, traíame cousas de alí… Pasábase a semana fóra e as fins de semana sempre iamos a comer e a cear fóra… E iso fixo espertar a miña curiosidade dentro deste mundo. Tamén é un gran amante do viño. Ademais, a miña avoa por parte de pai era reposteira e cociñaba de xeito espectacular!”, recorda. 

Pero en que momento pasou @elhambreconlasganasdebeber a gañar popularidade? “No 2017 estaba facendo un master e vendo o que estaba estudando decidín darlle á conta un toque de profesionalización, sen nunca chegar a profesionalizalo completamente porque se chegase a ser un traballo ao cento por cento, creo que perdería un pouco a esencia. Non me gustaría que iso fose así. E tamén por intentar diferenciar a vida persoal deste hobby, que non se soubera quen está detrás… aínda que agora xa o saben! (risos) Pero intento manter un pouco ese halo de incógnito”. 

‘Haters’ e ‘likes’

Neste sector cheo de palabras en inglés hai dous termos que se repiten moito: os ‘haters’ (persoas que insultan ou teñen comportamentos hostís contra outras nas redes sociais) e os ‘likes’ (número de ‘gústame’ que teñen as publicacións). Pero ningún dos dous preocupan demasiado nin a Juan nin a Claudia. “Non é algo que me obsesione. En canto a audiencia ás veces me sorprende que me sigan, por exemplo, varios chefs con Estrela Michelin de toda España. Iso é o que valoro, non o volume”, sinala o autor de @elhambreconlasganasdebeber 

Tampouco ten problema co odio nas redes: “Hai moita xente que me escribe para preguntarme recomendacións. Si que é verdade que cando dis algo que non lle gusta a todo o mundo, hai quen por privado non ten moito filtro. Dáme igual porque ao final non deixa de ser a miña opinión”, sostén. En @lagula_gourmet tamén recibe moitas preguntas sobre onde comer, pero “por sorte nunca recibín un mal comentario, nada maleducado ou ofensivo”. 

E despois de coñecer tantos bares e restaurantes, que opinión teñen do nivel hostaleiro coruñés? Ambos coinciden en que a oferta mellorou moito nos últimos anos. “Unha proba disto é que se saes un venres ou un sábado á noite sen ter reserva previa, non atopas nada. É imposible”, apunta Juan. A parte negativa? A falta de orixinalidade. “Non hai que intentar copiar de fóra. Moitas veces algo que funciona en Madrid ou en Barcelona tratan de traelo aquí e eu creo que en lugar diso, habería que promover o noso porque temos a mellor materia prima e o mellor produto. Hai que sacarlle partido e saber aproveitalo”, destaca Claudia. “Eu boto de menos bos restaurantes especializados en cociña xaponesa, peruana ou mexicana, por exemplo”, engade o seu compañeiro foodie. 

Para Juan un bo prato ten que ter primeiro unha boa presentación: “O primeiro é como o vemos. E incluso un bo nome, porque se non, non o pides na carta. E despois, para min, sabor e potencia. Eu son moi de mesturas de sabores. Gústame as cousas cun toque de picante, disruptivas, cun toque diferente. Son bastante fan de Millo ou Pracer porque fan pratos que se saen do común”. Claudia, pola súa banda, recoméndanos A Espiga –“que para min é incrible”-, O Lagar da Estrella, o grupo Peculiar, Cantón 23, a Taberna Triay e “para ocasións máis especiais o meu número un é Salitre”. 

Abonda con dar unha volta polos seus perfís para comprobar que non menten. Con fotos tan apetitosas só entran ganas de ir canto antes probar a rica oferta gastronómica herculina.

Un dos pratos do brunch de Yema. Foto: Iván Barreiro
Un dos pratos do brunch de Yema. Foto: Iván Barreiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.