fbpx
CompostelaGastronomíaNovas

A Carrilana, Pulpería Abastos, Bar Puñal, A Gamela e O Curro da Parra, no listado Soletes da Guía Repsol

A Carrilana. Foto: Xaime Cortizo

Chiringuitos e terrazas; cafeterías, xeaderías e pastelerías; bares, tascas e barras; viñotecas, adegas e sidrarías; restaurantes de carta informal e menú do día…. A Guía Repsol vén de crear unha nova categoría para locais que recomendarías ás túas amizades porque saben que non fallan. Lugares aos que un sempre está a desexar volver pola súa proximidade, pola súa proposta apetecible e o bo ambiente. Sitios auténticos e accesibles a todos os petos.

Un equipo de expertos en gastronomía repartidos por España seleccionou os 1.000 primeiros Soletes, escollendo 63 en Galicia, dos cales cinco están en Compostela: A Carrilana, Pulpería Abastos, Bar Puñal, A Gamela e O Curro da Parra.

“É tamén unha oportunidade para poñer en valor eses lugares emblemáticos que todos temos nos nosos barrios e pobos, pero que a miúdo non aparecen nas guías gastronómicas e de viaxe. Ademais desta conexión co tradicional, este proxecto nace co espírito de dar luz ás aperturas de lugares especiais ao longo e ancho do país”, explica María Ritter, directora de Guía Repsol.

Ao exporse como edición cuadrimestral, será unha listaxe en constante cambio, cheo de dinamismo, que se adapta ás ganas da xente por probar e descubrir todo o que é tendencia, xa teña que ver co rexurdir das raíces como polas propostas novas.

O deseño do Solete leva a firma de Luís Úrculo, do mesmo xeito que os Soles presentados no 2019. Quíxose continuar a mesma liña gráfica –para garantir que sexan recoñecibles e se relacionen rapidamente con Guía Repsol–, pero adaptándoa ao carácter da nova cualificación: amable, próximo e universal. A imaxe do Solete conta con dúas particularidades: o contorno difuminado e o sorriso, o mesmo co que reciben nos locais cualificados cun Solete e co que despois volves a casa.

Para coñecer a lista completa cos 1.000 primeiros Soletes Guía Repsol 2021, podes consultar todos os detalles na súa web.