fbpx
CompostelaReportaxes

A beleza da danza en Compostela

Por Rebeca Munín

Gail durante unha das súas clases. Foto: Iván Barreiro

“Que sentes ao bailar?”, preguntei. “Síntome parte da música”, respondeu a profesora de ballet clásico Gail Brevitt. Sentirse parte da música… hai algo máis bonito que iso? E se o fas en parella? “É como a vida. Bailamos como somos. Se o fas con alguén, daste de conta de moitas cousas de como é. E o outro de como es ti”, explicáronme os mestres de tango Chusa Pérez e Ezequiel ‘El Cacha’ Merlo.

Quedei cos tres para coñecer máis de preto a danza en Compostela. E atopei un mundo cheo de posibilidades, con máis oferta que demanda en canto a número de escolas na cidade, cun gran talento detrás de cada compañía, con festivais específicos como o herDanza -que xa celebrou catro edicións en Santiago- e con moita beleza.

Dicían na xornada celebrada a finais de xaneiro no Consello da Cultura Galega que a danza en Galicia atópase nun estado de explosión creativa nas ideas, nos proxectos e nas formas de enfrontarse aos públicos. Mentras isto sucede asistimos a un tempo de decadencia no soporte institucional e nas políticas públicas dende a Administración. Por iso, durante esta cita, púxose sobre a mesa unha serie de medidas para mellorar o futuro do sector. Entre outros, propúxose incluír a danza como contido na educación pública obrigatoria, formar docentes especializados; incluíla no marco universitario; fomentar a investigación arredor das artes do movemento; dotar de orzamentos; crear premios para a danza; recuperar o Centro de Documentación das Artes Escénicas e tecer pontes entre todas as estruturas públicas e privadas que artellan o sector na nosa comunidade.

Asi mesmo, existe un movemento impulsado por algúns dos profesionais das artes escénicas de Santiago que reclaman a creación na cidade dun Conservatorio Profesional de Danza. A proposta xa foi aprobada polo Pleno municipal pero depende agora da decisión que tome a Consellería de Educación da Xunta, por ter a competencia en materia educativa.

Desenvolvemento persoal

Mais que pode aportar o baile a nivel educativo? “Tanto que non sei por onde comezar!”, díxome entre risos Gail. Británica de nacemento, descubriu o ballet clásico con apenas cinco anos. Viu unha actuación nun festival de Nadal e namorou! Pero súa nai non tiña recursos para pagarlle as clases. Ata que con seis anos o médico recomendoulle levala para solucionar o seu problema de pés planos. “E grazas ao seu sacrificio puiden formarme”, recorda. Xa de maior, ofrecéronlle un traballo como bailarina nunha compañía de teatro coa que percorreu España. Instalouse despois en Castilla La Mancha para dar clases e en 2005 chegou a Santiago onde montou a súa propia escola. Primeiro na rúa de San Clemente e, desde fai un ano e medio, no Pombal.

En Dancenter Gala oferta tres tipos de danza académica: Ballet Clásico, Danza Moderna e Contemporánea e Claqué. Para todo tipo de idades e niveis de formación. Así como pilates especializado para preparar o físico das alumnas (porque si, a día de hoxe, todavía hai poucos nenos que se animen a bailar. Unha mágoa!).

Pero volvendo á miña pregunta: que aporta a danza desde o punto de vista educativo? “Aparte de mellorar as nosas capacidades físicas, é algo moi bo para o noso desenvolvemento persoal”, afirma Gail. “Ademais, está demostrado que calquera actividade musical potencia a parte do noso cerebro que ten que traballar para as matemáticas. Por iso se equivocan os pais e nais que din que as súas fillas non poden dedicar tantas horas ao ballet. As mellores bailarinas son as que sacan as mellores notas tamén. O baile nunca resta. Sempre suma”.

E é o ballet tan duro como temos todos nas nosas mentes? “Si, é moi duro se te queres dedicar profesionalmente. Nos conservatorios, as nenas entre 8 e 11 anos reciben unhas tres horas de clase cada día. E a partir desa idade aumenta a unhas cinco diarias. Pero ti podes elexir o nivel de dedicación que lle queres dar. Na miña escola temos un grupo de señoras que veñen unha hora e cuarto á semana e pásanno pipa! O máis importante é que che guste o que estás facendo. Unha nena que vén a danza obrigada pola súa nai detéctalo enseguida e iso non leva a nada. Ten que apaixonarte”, asegura. E como último consello, apunta: “Hai que buscar bos profesores, porque neste sector, como non exixen unha titulación, hai de todo”.

Chusa e Ezequiel bailando na Alameda compostelá. Foto: Iván Barreiro

Aprender a dialogar

E do ballet pasamos ao tango. Sabedes que en Santiago contamos cun espazo único en toda Galicia dedicado a este baile e outras cuestións da cultura arxentina? Está en Alfredo Brañas 20 e chámase Nido Tanguero. Os seus impulsores son Chusa Pérez e Ezequiel ‘El Cacha’ Merlo. Alí dan clase e tamén organizan milongas ás que poden acudir xente experta e tamén novatos que queiran pasalo ben.

A historia de Ezequiel coa danza comenza sendo moi pequeno adentrándose no folclore do seu país, Arxentina. Trala secundaria, empeza a estudar música e entra nunha compañía na que bailaban, entre outras cousas, tango. “Ao principio non me gustou. Eran simplemente coreografías. Decidín entón acudir a clases de tango social, do que é máis lindo. E namorei. E deixei todo o demais por el”, sinala.

Tempo despois trasladouse a Bos Aires e alí coñeceu a unha española, filla dunha arxentina e un compostelán, que tras criarse en Santiago viaxaba polo mundo facendo teatro da escoita. Era Chusa. “Eu son psicopedagoga. Traballei moito con persoas con discapacidade e como intérprete de signos para a televisión. Despois dediqueime ao teatro social e político, estudando os movementos de loita non violentos do mundo. Fundei Los Últimos, compañía coa que sigo traballando, e de casualidade un día un amigo en Arxentina pediume que o acompañara a clases de tango… E enganchoume”. Por que? “Porque é un baile que está moi unido co diálogo non violento, coa escoita, co amor… É un diálogo improvisado entre os bailaríns e a música”, sostén.

Xuntos, como parella na vida e enriba dos escenarios, e con Ezequiel viaxando moito a Europa e Rusia para dar clases e exhibicións, decidiron probar sorte en España, primeiro en Madrid, e desde fai un ano en Santiago. Na nosa cidade ensinan un baile que é complicado pero que unha vez te atrapa, non o podes deixar. “Ten unha dificultade técnica que ao principio choca un pouco, pero hai que pasar esa primeira barreira. É como cando aprendes a andar. Un non se lembra, pero canto tempo pasa ata que camiñamos? No tango tes que aprender a facelo con outro. Iso é o máis difícil”, explica ‘El Cacha’. “Se o que queres é aprender pasos, podemos ensinarche unha coreografía en dúas semanas, como facemos para as vodas, e listo. Pero se queres aprender de verdade a bailar tango, tes que namorarte dun proceso que vai ser fundamentalmente loita contra o teu propio ego e contra os teus bloqueos. Para min o bo bailarín non é o que fai unha cousas tremendas, senón o que ten a humildade de escoitar ao outro, de abrazar con respecto e ritmo”, completa ela.

E profundizando un pouco máis, que hai desa idea de que o tango é sexual e machista? “É sensual, pero non sexual. Ten unha intimidade, porque ten un abrazo. Esa foi unha das razóns polas que se prohibiu desde o principio”, conta Chusa, que ten un Posgrao de Historia Social e Política do Tango’. “E non é machista. Naceu nun momento cultural na que a sociedade era máis machista que agora. E o baile daquel momento reflectía ese mundo. Pero hoxe en día evolucionou moito. Non hai ‘tiróns’. Hai un diálogo entre a parella. E hai unha entrega, porque tes que confiar no outro, pero cada un ten que facer a súa parte”.

Ai, o baile! Que difícil é facelo ben! Pero cantas opcións temos en Compostela para gozar del. Aproveitémolas. Respectémolo. E aínda que o fagamos como un pato mareado, bailemos. Sempre bailemos.