fbpx
EntrevistasGalicia

A Banda da Loba: “O noso disco é unha homenaxe a todas esas mulleres que foron fábricas de luz nalgún momento”

Por Rebeca Munín

Inés, Marcela, Andrea, Estela e Xiana. Foto: PixelinPhoto

Quedo con A banda da Loba apenas unhas horas antes do último concerto da súa xira ‘Bailando as rúas’. Confesan estar emocionadas e moi agradecidas. Ningunha pensara lograr tanta repercusión co seu primeiro disco. Un traballo que estreaban hai tan só ano e medio e que lles deu, entre outras alegrías, o premio Aritmar da Música e da Poesía Galego-Portuguesa e o galardón da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, así como dúas nominacións aos Premios Martín Códax da Música e unha aos Premios Opinión.

Tomamos un café na Bodeguilla de San Lázaro. Están as irmás Porto, Andrea e Marcela; Inés Mirás e Xiana Lastra. Só falta Estela Rodríguez, xa pola II Romaría Feminista en Barbadás, agardando ás súas compañeiras para o show. Por esta vez son eu a que estou “entre músicas” (tranquilos! Xiana voltará a Pincha nos próximos números! ☺).

‘Fábrica de Luz’ é o título do segundo disco da banda, que presentarán na feira Culturgal (do 29 novembro ao 1 de decembro en Pontevedra) e que poderemos gozar en directo en Compostela o 18 de xaneiro na Sala Capitol. Admito que teño moitas ganas de escoitalo. Pola calidade musical que de seguro vai ter, pero tamén por unhas letras que buscan mobilizar conciencias. Estas lobas saben moi ben o que fan. Estas lobas si que son luz.

‘Fábrica de Luz’ é o título do voso segundo traballo. Que atoparemos nel?

Andrea: Chámase así porque o fío condutor de todos os temas é o concepto de nai, entendido no sentido amplo. É dicir, a lingua, a terra, as nosas nais, as escritoras que estiveron antes, as mulleres que transgrediron certas situacións para que agora nós esteamos aquí… Nós entendemos que todas esas mulleres foron fábricas de luz nalgún momento.

E por que facerlles esta ‘homenaxe’?

Andrea: Porque si que estamos nun momento no que o feminismo está máis presente, pero tamén temos que ser conscientes de todo o que se leva feito. É como un acto de humildade e, ao mesmo tempo, un acto de emponderamento ao pensar que nós mesmas tamén estamos fabricando algo nese sentido.

Xiana: Que nós creemos as nosas cousas como o facemos, sen prexuízos, tamén é grazas a como nos criaron a nós, de onde vimos e de onde bebimos todos estes anos tanto a nivel persoal como musical, así como cultural ou social.

De novo, incluídes temas escritos por vós mesmas. Xiana, ti tes un especial, ‘Corazóns de xiz’, dedicado á túa nai. Por que quixeches escribir sobre ela?

Xiana: Porque miña nai morreu de cancro hai dous anos e algo, coincidindo no proceso de creación de ‘Bailando as rúas’. Toda a enfermidade foi un pouco vencellada á nosa evolución como grupo. Foron dous procesos que eu vivín moi en paralelo. No primeiro disco non estaba preparada para facerlle unha canción. Si que incluímos unha dedicatoria. Pero agora no segundo traballo apetecíame facer unha canción para ela.

Nas 12 cancións que hai no disco, tamén empregades textos doutras poetas. Cales?

Marcela: Fixemos un tema baseado no poemario ‘Tigres coma cabalos’ de Xela Arias, que é unha muller que foi moi transgresora no mundo da poesía. Queremos reivindicala un pouco como unha referencia nas letras galegas. Tamén temos a Manuel María, a Celia Parra, a Rosalía de Castro…

Andrea: Textos respectados totalmente están o de Manuel María e o de Rosalía de Castro. E despois hai temas que están inspirados en poemas. Hai, por exemplo, un tema que fala da situación da lingua que está inspirado nun videopoema de Celia Parra. E tamén un tema inspirado na poesía que fai Andrea Nunes, sobre todo en termos de cánones estéticos.

Inés: Eu penso que ningunha canción se queda atrás en canto a mensaxe. Temos temas sobre a lingua, sobre as mulleres e o mar, sobre o ecofeminismo, sobre corpos non normativos, sobre memoria histórica…

A nivel musical, que cambia?

Xiana: É un disco moi distinto ao anterior. Pero tamén moi ecléctico. Hai desde un reggae & ska ata un bolero ou unha canción con cuarteto de corda que parece a banda sonora dunha peli (risos).

Inés: O cuarteto está composto por Estela, a nosa violinista; e María Blanco, no violín 2; Alba Novoa, na viola; e Margarida Mariño, no chelo. Foi moi cómodo traballar con elas. O feito de que fosen colegas tamén fai que houbera uns vínculos e uns afectos que se notan a nivel interpretativo. Tiñamos todas moitas ganas de facer algo especial.

A Banda da Loba presentará o seu segundo disco o 18 de xaneiro en Santiago. Foto: PixelinPhoto

A gravación fixéstela nos Estudos Abrigueiro. Polo que se puido ver nas vosas redes sociais, con moi bo rollo…

Marcela: Si, foi bastante maratón! Fixemos unha especie de campamento. Fomos para unha casa, onde non tiñamos nin cobertura nin wifi. Serviu tamén de desconexión. Iamos ao estudo todo o día e tamén cociñamos, fixemos unha churrascada… foi moi guai. Gravando estivemos moi cómodas, sempre había xente que che vai dando ideas… O proceso foi moi enriquecedor.

O resultado poderemos descubrilo na feira Culturgal. En xaneiro comezaredes xira. Pero cal será o tema de presentación?

Xiana: Pois precisamente o tema que dá nome ao disco, ‘Fábrica de Luz’. Fala da maneira que temos nós de facer o que facemos e de crear. Sen complexos, sen barreiras, sentíndonos fortes e libres.

Andrea: É como unha declaración de intencións do que é todo o disco.

Desde a formación do grupo, hai pouco máis de dous anos, houbo moitos concertos, premios… Podiades agardar dalgún xeito este éxito?

Xiana: Cando empezamos tiñamos medo porque nunca tocaramos xuntas, tiñamos que formarnos como banda, e inda por riba con temas propios. E non sabías se ían gustar ou non. Era un enigma o que podía pasar. Pero a verdade é que saíu moi ben. Por que? Non o sabemos. Pero estamos moi agradecidas. Nos concertos notamos unha conexión moi grande coa xente. Moitas veces estás cansadísima despois de toda unha semana de traballo, tes un concerto e pensas: “Meu Deus, co ben que estaba eu agora na cama!” (Risos). Pero sobes ao escenario e conectas tanto co público que baixamos todas contentísimas. Dáche a vida.

Que foi o que máis vos sorprendeu de todo o que vos ten pasado?

Inés: Eu creo que o seu alcance. É dicir, ata eu en Barcelona (onde estaba a estudar) atopaba xente que coñecía á banda da Loba. Ou ben por recomendacións ou por suxerencias de Spotify. O caso é que quen nos coñecía quedaba tanto co nome como coas cancións.

Marcela: Tamén nos sorprendeu moito o alcance con distintas xeracións. O público adulto conecta coas letras e moitas veces espertan nel sentimentos de reivindicación, de galeguismo… Pero tamén  gustamos moito a nenos superpequenos. Eu cando os vexo nos concertos cantando e bailando, acabo case chorando.

Xiana: Eu co que sigo flipando máis é cando estás no escenario e a xente está cantando as túas cancións. É unha sensación moi ‘heavy’. Pensas: como é posible? 

Diriades que neste tempo crecestes a nivel profesional e tamén persoal?

Marcela: Eu nótoo moitísimo. Antes non tiña tan centrado o meu xeito de tocar, pero a base de concertos, de facer o noso propio estilo… medras a nivel musical moito. Tamén porque nos aportamos moitas cousas unhas a outras. Profesionalmente e tamén persoalmente. Literalmente formamos unha familia.

Xiana: Eu creo que a principal diferenza entre o disco pasado e este é que agora somos unha banda e antes estabámola formando. Desde sempre houbo moita conexión entre nós pero creo que coa xira de ‘Bailando as rúas’ e despois de tocar tanto, xa temos o noso propio son, entendémonos todas moito máis…

Pois se as cousas foron ben co primeiro disco faltando ese chisco de entendemento, este segundo será unha pasada…

Inés: Eu penso que nos estamos arriscando. Sobre todo con novas sonoridades e novas temáticas das que falar. E temos esa dúbida de se funcionará, non funcionará…

Andrea: E xa que funcionou o primeiro, temos a presión de que hai que manter o nivel. Antes tiñamos cero expectativas. Era fácil subir. Pero manterse é complicado.

E por que non conformarse? Por que seguir arriscando?

Xiana: Porque esa é a nosa base. É a nosa filosofía. O día que non arrisquemos, xa non seremos A banda da Loba.