40 anos de celebración do Día do Traxe Galego en Compostela

Presentación do Día do Traxe Galego 2019. 

O Día do Traxe Galego alcanzará a súa edición número 40 nestas festas do Apóstolo 2019. Con tal motivo, a Asociación do Traxe Galego preparou unha edición moi especial, que se celebrará o vindeiro 20 de xullo, data na que non faltará o tradicional certame e o desfile polas rúas de Compostela.

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou este Día do Traxe Galego e animou a todos os veciños e veciñas a «participar e encher as rúas de xente ataviada co traxe galego». Ademais, o Concello quere sumarse a este aniversario tan especial, polo que todos/as que entren na Quintana vestidos co traxe galego recibirán un agasallo.

O evento está un ano máis patrocinado por El Corte Inglés Santiago. En nome do mesmo interveu a súa responsable de Comunicación e Relacións Institucionais, Eva Calvo, quen apuntou que «o sábado día 20, Santiago converterase nun escaparate de luxo e teremos a oportunidade de desfrutar dun xenuíno desfile con autenticas pezas de coleccionista que nos trasladarán no tempo para mostrar a nosa terra, a nosa xente e os nosos costumes».

A encargada de explicar todos os detalles da xornada foi Pilar Astray, presidenta da Asociación do Traxe Galego, quen agradeceu a colaboración do Concello, que «nos fai sentir importantes no tecido cultural de Compostela». Tamén cualificou como «especial» a celebración deste ano e convidou a veciños e veciñas a participar nesta exhibición das «roupas que nos identifican como pobo e como cultura».

Desfile e concurso
O tradicional desfile do Día do Traxe partirá da Alameda ás 12:00 horas e percorrerá a zona histórica pasando por Porta Faxeira, Toural, rúa do Vilar e Praterías, baixando despois ata o Obradoiro e a igrexa de San Paio de Antealtares. Para participar non é precisa a inscrición, senón que abonda con presentarse na saída da Alameda cuns minutos de anticipación. Ao remate do desfile celebrarase unha misa (13:00 h) e logo, ás, 14:00 horas, a comitiva será recibida no Concello de Santiago.

A inscrición si é necesaria para o Certame do Traxe Galego, cubrindo a folla de solicitude que se facilita no servizo de Atención ao Cliente de El Corte Inglés de Santiago (soto 1). O prazo de presentación de solicitudes remata o 19 de xullo ás 14:00 horas.

Como é habitual, as persoas participantes deben congregarse en San Domingos de Bonaval, a partir das 16:00 horas, para que as súas indumentarias sexan analizadas polo xurado. Despois, ás 19:30 horas, desfilarán dende as portas do Museo do Pobo Galego ata a praza da Quintana, pasando por Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, rúa Nova, rúa do Vilar e Praterías. Na Quintana terá lugar a exhibición de traxes e a entrega dos premios do certame. A xornada pecharase coa interpretación do Himno Galego.