Apúntate á noite do xersei feo!

Xaneiro seica costa, por iso che recomendo escoller o teu xersei máis feo e poñer rumbo ao Argentinos Burguer, na Estrada!!

O artífice? Gonzalo, alias “Bigmoe”, e algún dos seus amigos. Xa sabedes, xente tranquiliña con ocorrencias normais, ideíñas de bombeiro que di o outro! (Chisco, chisco! Tirada polo chan!)

Hora e día da enchenta? Venres 18 de xaneiro, a partir das 20:00h (RESERVADE!!)

Que tes que levar? O teu xersei máis abominable. Pon un pantalón tamén, fai o favor. E leva cartos, evidentemente. Que nos coñecemos! E mellor que vaias acompañado, por se tes medo a ser o máis charramangueiro do sitio! Xa sabes, mal de moitos… (Morro volo digo!)

Que hai de comer? Comida. Que diría calquera nai do mundo coñecido. (Jajaja) Pero comida desa de enzoufarse e relamber os fociños, os dedos, as mans… E despois cada un que lamba o que poida.

Póñovos en situación:

Corría o ano 2015, cando un amigo de Gonzalo, que estaba vivindo en Nova York, descobre un local que che ofrece descontos ou che facía unha oferta, se levabas un xersei feo. Chis-pum!

-Pois se me axudas a organizalo… -Si, si, si. -Ata hoxe!

Morremos coa risa!! Pero Gonzalo foi quen de xuntar a 22 colegas, cos que celebrou a primeira “Noite do xersei feo no Argentinos Burguer, na Estrada. “Os premios? Os máis horribles que podía haber: Unha escobiña do váter, cousas sen sentido… Houbo un par de xogos… Pouca cousa. Non foi un exitazo. Pero foi collendo personalidade e forza. E fíxose eco. É un evento que se celebra un venres, despois de Nadal… Pura supervivencia! Como fas para que a xente quite o pixama, saia de debaixo da manta e gaste cartos en xaneiro. Como fas para que decida saír a cear e tomar unha copa?? Que veñan ao teu local e o pasen ben… Pois sendo creativos!!”

-Oíches, os xerseis son horripilantes, eh? -TE-RRO-RÍ-FI-COS!!

Revisade os armarios de vosos pais e avós!! Porque este ano vai ser unha festaza! “Unha cousa informal, un guateque!! Vas comer de pé, sen cadeiras, para que poidas interactuar coa xente do lado, que poidas facer novos amigos. Haberá animación en directo, coa participación dun DJ que poñerá musiqueo apropiado, máis ben ochenteiro e un concerto de Wild Cactus, que chegado dende A Garda, e a través de música country, contará as súas metidas de pata”. Soa ben ou que?

“Os pratos serán de comer coas mans, un menú pechado de comida da rúa, en formato miniatura, para ir picando. Con mini hamburguesas, mini bocatas, tacos”… (Uns 20 euros, aproximadamente).

“Haberá un desfile, no que facendo corredor decidirase por votación popular cal é o xersei máis difícil de mirar. Elixirase un rei e unha raíña. E o barullo será determinante!”
Tamén gozaremos de xogos chorras, concursos sinxelos e divertidos para pasalo ben, basicamente. Contaranse chistes, sen poder rir. Poderás arriscarte nun reto picante…

A mellor maneira de loitar contra o inimigo é unirte a el! Que din que eres hortera, pois gaña un premio grazas a unha das túas peculiares prendas. Que o primeiro mes do ano é triste, frío, pobre… Pois bótalle salsa picante!! Ou deixa que che disparen con pistoliñas cargadas de tequila e Jäger! Que en decembro xa o gastaches todo, comíchelo todo, bebíchelo todo 17 veces máis do que deberías e xa non che queda nada por ver?! Pois por iso che estou axudando a saír desa brétema escura e deprimente. Para iso estamos os do equipo Pincha buscando bares nos que teñen iniciativas peculiares, que teñen pratos divertidos, de comer coas mans, nos que soa música en directo. Pois a Estrada será o escenario!

Agora ti reúne un grupo de amigos, con un par! e moito sentido do ridículo e poñede o xersei máis arrepiante do universo… A ver se sodes quen de gañarme!!

Aviso a atrevidos: Haberá concursos e premios, bailoteo, coñeceredes xente espantosamente divertida, sairedes da zona de confort… E xaneiro xa nunca será o mesmo! Despois teredes que repetir.
Pon ese modeliño teu tan terrible e participa na “Noite do xersei feo de Argentinos Burguer! (E se vas bebes, colle un hotel!)