fbpx
666rpmCompostelaCulturaGaliciaNovas

25 anos ruxindo: disco tributo a Ruxe Ruxe

Por César Varela (@imitoaquenson), de Historia do Rock Compostelán

Os Ruxe Ruxe. Foto: Novo

É cousa miña, que xa vou vello, ou comeza a facer frío? Parece que xa empeza apetecer un bo cocidiño, non si? Pero non un cocido calquera, senón un deses que preparan as velliñas nas aldeas con ese cheiro a cociña de leña e ese sabor a unto que o caracteriza. Mentres pelas unhas patacas a carón da lareira, escoitas a fermosa melodía que se produce ao arder a leña. Vas buscar unha xerra de viño da casa ao pipote, recolles o pan quentiño que deixou o panadeiro pendurado da porta e aprecias ese caloriño do alento das vacas e o cheiro a bosta. E xa está todo listo. Só queda poñer a mesa e sentarse a comer esa carne de porquiño, que sabes que non é un porco calquera. É ese porco que se criou no cortello no que ensaian os Ruxe Ruxe e, polo tanto, a súa carne é carne con carné, co carné do cuartel xeral dos Ruxe, que como ben sabes, vai adobado con Rock & Roll de primeira calidade, chupitos de licor café, augardente de herbas e un bo café de pota. Así que, bo proveito e a desfrutalo!

Os Ruxe Ruxe fan 25 anos de vida e os seus colegas quixeron agradecerllo cun disco dobre homenaxe, que recolle nada menos que 32 bandas galegas, cada unha no seu estilo, recreando un vello clásico da banda de Aríns. Espiño e Samesugas, Pauliña, Factoría de Subsistencia, Pito de Pikasso, Rastreros, O Reverendo Can, A banda da Loba, Som do Galpom, Pakolas, Ukestra do Medio, Machina, e así até 16 artistas en cada disco, compoñen este ‘25 Anos Ruxindo’, producido por Mario César (Túzaros, Invivo, Deseqilibrio Mental, Urko), Bocixa (Zënzar), J.M. Piedra (Deseqilibrio Mental, Barbitúricos, Astarot) e Iago Pico. Masterizado por Iago Pico en Pouland Studios (Ames, Galiza), deseñado por Raio e con texto interior de Fernando Fernández Rego. Agradecidos a Ruxe Ruxe, a todos os seus membros que formaron e forman parte desta grande familia, por estes 25 anos de música, respecto e dignidade. O pasado 3 de xullo tivo lugar a presentación do disco, nun encontro celebrado no Fogar do Santiso (Teo), no que participaron unha boa parte das bandas implicadas, así como os excompoñentes da formación, produtoras e outros achegados ao Mundo Ruxe.

Pero a movida non remata aí, xa que durante os meses de agosto e setembro, a propia banda, quixo mostrar nunha exposición na Zona C de Compostela ‘25 Anos de Universo Gráfico’, a arte dos seus case 20 traballos discográficos, carteis de infinidade de concertos, as súas icónicas camisetas, ilustracións, deseños web, videoclips animados, chapas, revistas, esculturas, artesanía, adhesivos e ata tatuaxes recompilados ao longo de 25 anos.

Sei que andan preparando novo disco, o que aínda non se sabe é cando estará listo. Pero estou seguro de que os seus seguidores, do que máis gañas teñen é de desfrutar dun bo directo, e ides ter sorte, xa que o 9 de outubro estarán no Pub Gatos de Melide, así que, non esquecer reservar entrada. Longa vida a Ruxe Ruxe! E a por 25 anos máis! Rock da Terra, Rock do País.