fbpx
CompostelaCulturaGastronomíaNovasReportaxes

2021: o ano do si, pero non

Guillermo Moscoso, coas empanadas para rematar na casa que ideou neste ano pandémico como un produto máis que ofertar aos seus clientes. Foto: Iván Barreiro

Rematamos o 2021 e, como sempre que termina algo, toca facer balance. Se botamos a vista atrás, este estaba chamado a ser un moi bo ano para Compostela. Despois de máis dunha década, celebrábase un novo Ano Santo, co que iso supón de atracción turística para a cidade e, en consecuencia, de beneficio económico para bares, restaurantes e hoteis, así como dunha máis prolífica actividade cultural. Pero a covid-19 mudouno todo e, a pesar de que nestes meses si que podemos dicir que recuperamos parte da nosa vella normalidade, o camiño ata chegar a onde estabamos no 2019 semella aínda longo.

O primeiro semestre foi moi complicado para a nosa hostalaría e agora que os locais comezaran a recuperar certa normalidade, a posibilidade de que haxa novas restricións preocupa moito. “2021 foi un ano cheo de incerteza, cheo de cambios… Cada semana dependías dunhas novas normas. Na maioría dos negocios non se empezou a ver unha recuperación ata mediados de xullo. Estamos aínda no inicio desa recuperación e non sabemos que vai pasar con nós agora que están subindo os contaxios”, sinala o presidente da Asociación Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez. “Hai medo a volver atrás porque nós somos o sector que pagamos todas as consecuencias da pandemia, xunto coa cultura e o comercio, e xa sabemos que en canto os políticos necesitan facer que fan, o primeiro que fan é atacarnos a nós”, denuncia a presidenta da Bares, pubs e discotecas de Santiago, Lucía Vázquez.

En Hostalaría Compostela decidiron recuperar neste novembro o popular concurso de tapas Santiago(é)Tapas. Despois de doce edicións consecutivas, a número trece tivo que suspenderse no 2020. “Tiñamos medo porque cando comezamos a traballar no certame, as barras dos locais non estaban dispoñibles. Isto fixo que algúns non se animasen a presentar as súas propostas. Sen embargo, a participación do público foi moi boa. Estamos moi contentos”, asegura Thor.

Mais como neste 2021 recibimos constantemente unha de cal e outra de area, ao peche desta edición de Pincha, debatíanse novas restricións e a opción de volver a exixir o certificado covid para entrar a bares e restaurantes. “Evidentemente sería un fastío para todos, pero ante a posibilidade de ter que reducir os aforos ou os horarios, calquera solución que se propoña será mellor. Necesitamos poder traballar porque foron 18 meses de perdas”, apunta Rodríguez. Para Lucía este feito resulta “absurdo” pola porcentaxe de poboación vacinada que temos. “Non é o mesmo problema que hai en Alemaña ou Francia, onde gran parte da poboación non se quixo vacinar. Se a Xunta de Galicia se queda tranquila facéndonos pedir o certificado covid, pedirémolo. O que pasa que tamén pedimos que se nos dea un instrumento para poder facelo legalmente e con facilidade”, sostén.

Eramos poucos… e subiu a luz

Como se fora pouco levar máis de ano e medio de dificultades por mor da pandemia, a hostalaría e o comercio estanse enfrontando nesta recta final do 2021 a dous serios problemas: o encarecemento da electricidade e a falta de abastecementos. “O mes pasado paguei o dobre de luz que no mesmo mes de fai dous anos. Estamos falando dun local de 40 metros cadrados que paga 700 euros. Iso é insostible. Ao final a luz estase convertendo case noutro alugueiro”, afirma Lucía.

Sobe a luz, o gas, o combustible, certas materias primas… “É o marco incomparable para ter unha pequena empresa!”, ironiza Guillermo Moscoso, da panadería compostelá Pan da Moa. A situación é tan complicada que, despois de cinco anos sen facelo, en xaneiro terá que subir os prezos dos seus produtos.

O panadeiro considera que no 2022 as circunstancias seguirán sendo cambiantes. “Non se poden facer previsións. Estamos nun momento para ser o máis imaxinativos posible. O que antes se adapte a todas as circunstancias que vaian chegando é o que vai poder continuar aberto e traballando”, asegura. El lévao facéndoo así desde os inicios da pandemia, con promocións, poñendo en marcha unha tenda online e inventando novos produtos. “Creamos as empanadas 2.00º para poder rematar na casa. Van precociñadas e en minutos pódelas ter terminadas, o que che permite comprala o luns e deixala para o sábado, por exemplo. Está pensada para eses clientes que non poden vir á panadería todos os días. Temos tamén pizzas”, explica. Outra idea que está triunfando moito son os chamados ‘Moscositos’, un biscoito recheo cunha crema de manteiga tradicional e glaseado de chocolate intenso. “Recordan aos ‘Phoskitos’ pero con materia prima de moitísima máis calidade e con chocolate de verdade”, apunta.

En 2021 recuperamos a asistencia presencial a concertos e festivais como o de Cineuropa. Foto: Iván Barreiro

Máis cultura, pero con cautela

2021 será recordado tamén polo ano no que puidemos volver estar de pé nun concerto; no que festivais como Cineuropa recuperaron a presencialidade total ou no que volvemos a acudir a eventos e presentacións.

Se a hostalaría foi un dos sectores máis prexudicados pola crise sanitaria, a cultura non se quedou atrás. Demasiados meses de perdas para unha gran maioría de artistas que xa tiña moitas dificultades para vivir do seu traballo antes da aparición da covid-19. Dicíao a presidenta de Músicas ao Vivo, Xiana Lastra, no seu discurso na entrega dos 8º Premios Martín Códax da Música: “A superación desta pandemia ten que ser a oportunidade definitiva para dignificar a nosa profesión. Hai que aproveitar que se resetearon moitos asuntos profundos na sociedade e que se puxeron sobre a mesa outros tantos que se daban por conquistados, non só a nivel social, tamén na economía ou na cultura. É o momento de reivindicar dereitos básicos para nós que parecían inamovibles: rematar coa precariedade, conseguir a consideración de traballadoras, poder rematar a nosa vida laboral coas mesmas prestacións merecidas que as doutros sectores produtivos, poñer no foco o talento galego, crear industria e unha rede de espazos nos que actuar”.

2022 pode ser o ano no que inxustizas coma esas empecen a cambiar. Está nas nosas mans. Seremos quen?

Novos locais: A Lareira e DeLito

A pandemia da covid-19 levouse por diante a vida de milleiros de persoas en todo o mundo. E a enorme crise económica que trouxo con ela acabou con moitísimos negocios, especialmente nun sector tan castigado como o da hostalaría. Pero neste 2021 tamén houbo moitos emprendedores que se animaron a abrir novos locais.

En outubro arrancou A Lareira, un negocio familiar situado na Rúa de San Clemente, 2. Capitaneado por un dos chefs máis famosos da televisión brasileira, Arturo Salano, e o seu fillo, na súa web defínense como a “unión de dous culturas e cociñas diferentes. O onte e o hoxe reunidos nun só lugar”.

Na súa carta atopamos croquetas artesás, conservas galegas, opcións para picar… A súa especialidade son as carnes de corte gourmet: costeletas, picaña, entrecosto… e un espectacular tomahawk de tenreira galega.

A principios de novembro púxose tamén en funcionamento o espazo gastronómico DeLito, na Rúa de San Pedro, 26. Entre as propostas deste negocio levado adiante por catro socios (Carlos Delgado, Sergio Rama, Rubén Rama e Aurelio Vázquez) destacan os peixes e mariscos seleccionados a diario nas principais lonxas galegas e as carnes de vacún das súas propias ganderías en Ávila e Galicia.