20 espectáculos en cartel na sétima edición do Galicia Escena PRO

Presentación do Galicia Escena PRO 2019.

Presentación do Galicia Escena PRO 2019.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, avanzou este mediodía as principais novidades da sétima edición do mercado Galicia Escena PRO, que terá lugar desde o vindeiro luns 10 ao xoves 13 en diferentes espazos de Santiago de Compostela. Máis de 150 axentes culturais chegados desde diferentes puntos de Galicia e do resto de España daranse cita neste evento, que por vez primeira se leva a cabo baixo a organización compartida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación empresarial Escena Galega.

Román Rodríguez destacou a aposta da Xunta de Galicia por este evento que supón “unha gran plataforma de apoio á distribución das artes escénicas galegas” e grazas ao cal “Santiago será durante tres día a capital e o epicentro dos principais axentes do sector de toda a Península”.

O programa deste ano articúlase arredor da exhibición dos 20 espectáculos en cartel, entre os que se atopan dúas estreas absolutas e outras dúas montaxes de teatro de rúa, e unha programación exclusivamente profesional que inclúe unha sesión de pitching de proxectos e varios momentos pensados especificamente para favorecer o networking, como os novos Cafescena e Noitescena PRO.

Favorecer a interrelación

Así o explicou Román Rodríguez na presentación desta sétima entrega do mercado galego de artes escénicas, que tivo lugar no Centro Obra Social Abanca e na que estivo acompañado por Jacobo Sutil, director da Agadic, e Juan Rodríguez, representante de Escena Galega. Este espazo de Abanca é precisamente unha das novas localizacións de Galicia Escena PRO, onde se establecerá desde o luns a oficina e a recepción dos profesionais acreditados, ademais da coordinación das súas axendas de reunións a través do chamado “facilitador”, papel que será exercido polo propio Juan Rodríguez. Coa incorporación desta figura, xa existente noutras feiras sectoriais, búscase dinamizar a interrelación entre os programadores de teatros, auditorios e festivais convidados e os representantes de compañías e empresas distribuidoras.

Deste xeito, incídese no obxectivo prioritario deste encontro que, como lembrou o conselleiro, está deseñado para dinamizar o noso sector escénico e servir de escaparate cara á compra-venda de producións galegas de teatro e danza. Con este mesmo fin, aos xa habituais aperitivos na Fundación SGAE, súmanse este ano novas accións destinadas a propiciar as conversas e o intercambio profesional. É o caso dos Cafescena que se servirán de martes a xoves, ás 16,00 h. no Hotel Costa Vella, e durante os que se abordarán cuestións que lle afectan directamente ao sector, como os protocolos na exhibición teatral para a infancia e a xuventude, distintas experiencias na programación e circulación escénica e a implicación das asociacións na xestión de feiras e festivais. Outros dos puntos de encontro serán a Biblioteca Anxel Casal, onde o xoves pola mañá terá lugar a mesa de traballo Cara a unha escena plural, e a Sala Riquela coas Noitescena PRO, como peche das tres primeiras xornadas do mercado.

Os devanditos espazos súmanse aos catro que este ano repiten como escenarios da programación de espectáculos: Auditorio Abanca, Fundación SGAE, Salón Teatro e Teatro Principal. Neles representaranse as 20 montaxes en cartel, das que 17 son galegas e foron seleccionadas por unha comisión artística nomeada por Escena Galega. As tres restantes chegan desde Madrid, Cantabria e País Vascodentro das vías de intercambio abertas con MADferia e co proxecto Camiño Escena Norte.

Teatro nas prazas

Como en anos anteriores, o público terá a oportunidade de gozar destas propostas de xeito gratuíto, en función das butacas dispoñibles en cada caso e previo paso polo correspondente despacho de billetes. Ademais, este ano Galicia Escena PRO farase sentir nas rúas de Compostela coa representación de OhLimpiadas!, da compañía galega Sincronacidas, na praza de Cervantes, e de Femmes, da vasca Hortzmuga Teatroa, na Quintana.

Destacan tamén na carteleira desta sétima edición dúas estreas absolutas: Circopeta,espectáculo de teatro musical para público infantil de Odaiko, e Evolution, proposta de Alfredo Muíño e a súa Compañía N+1, na que se mestura circo, teatro e danza. Ademais, este programa reflicte claramente as pautas de selección marcadas polo comité de Escena Galega no sentido de procurar un equilibrio de linguaxes, poéticas e formatos, ademais dunha participación compensada entre compañías de longa traxectoria e de recente creación, abríndolle ás portas a formacións non programadas en anteriores edicións do mercado. Sobresae igualmente a presenza de mulleres en diferentes responsabilidades artísticas e a profesionalidade na xeración dos proxectos e nos procesos de produción das compañías seleccionadas.

A partir deste luns poderán verse en Santiago nove títulos para público adulto (Liberto de Marelas Producións, Despois das ondasde ButacaZero, Dúas donas que bailande Teatro do Atlántico, O empapelado amarelode A Quinta do Cuadrante, Idiotade Redrum Teatro, Bernardade Malasombra Producións e A compañeira de pisode Contraproducións, xunto coa devandita estrea de Compañía N+1 e o espectáculo Réquiem, da madrileña Rotura Producciones), cinco para público infantil e familiar (Mai Maide Baobab Teatro, Ummm!!! Unha comedia muiscal para chupar os dedos! de Avento Producións Teatrais, A toupiña que quería saber quen lle fixera iso na cabezade A Xanela do Maxín, a estrea de Circopetae El inolvidable viaje de Nana, da compañía cántabra Café de las Artes Teatro), catro de novas linguaxes (A Gala de Licenciada Sotelo, Deixa de tocala, Samde AveLina Pérez & Velpister, As vacacións máis longasde Diego M. Buceta e Pink Unicornsde La Macana) e as dúas montaxes de rúa de Sincronacidas e Hortzmuga Teatroa.

Os espectáculos galegos programados foron elixidos entre 59 propostas recibidas, mentres que na sesión de presentacións en formato pitchingque terá lugar o xoves exporanse 10 dos 29 proxectos presentados: C’est pas Possible!de Sempre Arriba, Carabelade Galeatro, Clausura do amorde Cámara Negra Teatro,Dreaming Julietde Elefante Elegante,Illas desertasde ArtesaCía, Lixode O Baúl da Tía Tola, Nun cuarto da rotondade Acusmaser Opus,O mel non caduca de Ibuprofeno Teatro, Os nenos da varíolade Pérez&Fernández e Todas as marabillas do mundode Producións Dispersas e Voa, voa! de Talía Teatro. Neste caso, os programadores acreditados terán a oportunidade de coñecer de primeira man un adianto do que están a preparar as compañías galegas cara á vindeira temporada escénica.